Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 29 de outubro de 2015 Páx. 41838

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 25 de xuño de 2015, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras do Programa do Igape de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e facultou o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa do Igape de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial e proceder á súa convocatoria para o exercicio 2015 en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. A dotación orzamentaria destas bases correspondente á formación práctica (60 bolsas) para cada período de 12 meses, ascende ao importe de 1.388.120,80 € de orzamento do Igape e aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Orzamento inicial

Ano

Dotación

(partida 08.A1 741A 4803)

Seg. Social por conta da empresa (partida 08.A1 741A 4840)

Total

2015

68.150,00 €

1.256,04 €

69.406,04 €

2016

1.158.550,00 €

21.352,68 €

1.179.902,68 €

2017

136.300,00 €

2.512,08 €

138.812,08 €

 

1.363.000,00 €

25.120,80 €

1.388.120,80 €

Orzamento prórroga 12 meses

Ano

Dotación

(partida 08.A1 741A 4803)

Seg. Social por conta da empresa
(partida 08.A1 741A 4840)

Total

2017

1.226.700,00 €

22.608,72 €

1.249.308,72 €

2018

136.300,00 €

2.512,08 €

138.812,08 €

 

1.363.000,00 €

25.120,80 €

1.388.120,80 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Non se poderán outorgar bolsas por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do Programa do Igape de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego, é necesario aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica para, ao mesmo tempo, impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados. Os programas de adquisición de competencias profesionais suman ambos os obxectivos: achegan coñecemento ás organizacións en que se integran os profesionais e melloran a empregabilidade destes.

Un dos eixes da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixe: a formación de capital humano en internacionalización, proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados -con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior- e impulsar a contratación deles como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

Dentro da súa actividade de fomento da competitividade e da internacionalización, o Igape xera en moitas ocasións oportunidades en que persoas que non tiveron aínda a posibilidade de obter competencias profesionais poidan participar en traballos especializados mediante formación teórico-práctica. Como consecuencia, os participantes teñen ocasión de realizar actividades de difícil acceso no mercado laboral actual.

Ademais, o Igape é xestor de fondos FSE no marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe:

• Obxectivo temático (OT8): promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

• Prioridade de investimento (PI.8.1): facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

• Obxectivo específico (OE.8.1.5): mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

• Tema secundario conforme o FSE: fomentar a competitividade das pemes.

Para alcanzar os obxectivos anteriores porase en marcha un programa de formación, titorización e prácticas laborais para adquisición de competencias en materia de internacionalización empresarial.

O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial baixo dúas modalidades posibles:

– Formación teórica de xestores de exportación. Orientada a facilitar a incorporación do xestor en empresas co fin de conseguir o seu inicio na internacionalización. Curso susceptible de ser cofinanciado con FSE.

– Bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.

Estas bases compleméntanse con programas cofinanciados con fondos FSE (contratación da formación teórica que se impartirá aos profesionais seleccionados mediante estas bases e axudas ás empresas para contratar profesionais con formación deste tipo).

A convocatoria destas prazas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

1.1. O obxecto destas bases é a convocatoria de 100 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación teórica ou práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

1.2. O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial baixo dúas modalidades posibles:

a) Formación teórica de xestor de exportación. Esta formación, non remunerada, segue unha metodoloxía enfocada a apoiar as pemes no seus procesos de internacionalización. Máximo: 40 prazas (ver detalle no anexo I de modalidades de formación).

b) Formación práctica no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas da rede Pexga, antenas Igape no estranxeiro, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, Igape, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro). Para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras. Máximo 60 prazas (ver detalle no anexo I de modalidades de formación).

1.3. Os solicitantes deben indicar no formulario de solicitude a súa orde de preferencia na modalidade de formación, xa que ambas as modalidades son incompatibles entre si e, no caso de que non sexa posible adxudicar a primeira opción elixida, adxudicarase a segunda. Os solicitantes que só poden acceder á opción de formación teórica de xestor de exportación, segundo o indicado no artigo 2.2.c), só terán que cubrir esta opción.

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes

2.1. Requisitos comúns para ambas as modalidades de formación:

a) Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1980.

b) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado -na data de publicación destas bases no DOG- nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia cun ano de antigüidade á data de publicación destas bases.

c) Non ter desempeñado en España con anterioridade -na data de publicación no DOG destas bases- traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 365 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación e contratos para a formación e a aprendizaxe).

d) Non ter estado -na data de publicación no DOG destas bases- dado de alta como autónomo durante máis de 730 días.

e) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:

• Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.

• Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.

• Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña, ademais, de título de máster en Comercio Internacional.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster, non se require que estean homologados.

f) Coñecementos de inglés (falado e escrito).

Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no cal os aspirantes deberán demostrar, como mínimo, nivel B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B1 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son alemán, francés e portugués.

g) Dispoñer dos medios técnicos establecidos no anexo I de modalidades de formación. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de dispoñer dos citados medios.

h) Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego de Galicia, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

2.2. Requisitos específicos para a modalidade de formación práctica:

a) Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

b) Non ter desfrutado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade. Estes solicitantes só poderán optar á opción de formación teórica de xestor de exportación.

c) No caso de ter desfrutado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España, só se poderá optar á opción de formación teórica de xestor de exportación. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

d) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

3.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://www.tramita.igape.es.

3.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3.3. As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo II a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido este consideraranse desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

3.4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 2 destas bases.

i) Copia do DNI ou NIE, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

ii) Currículo.

iii) Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).

iv) Acreditación do cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia mediante copia do certificado de empadroamento, só no caso de non autorizar a súa consulta ao Igape no Sistema de verificación de datos de residencia.

v) Vida laboral do solicitante posterior á data de publicación das bases no DOG.

vi) Copia do título, segundo o expresado no artigo 2.1.e) ou, no seu defecto, do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención, só no caso de non autorizar a súa consulta ao Igape. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados, será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster). A formación deberá estar finalizada na data de presentación da solicitude.

vii) Copia da tarxeta de demandante de emprego (ou tarxeta de demandante de mellora de emprego) do Servizo Público de Emprego de Galicia, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 4.4 destas bases:

i. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 4.4.e): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de presentación da solicitude.

ii. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 4.4.f): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de presentación da solicitude.

iii. Acreditación, se é o caso, da formación práctica no estranxeiro segundo o expresado no artigo 4.4.g): copia do certificado en que consten as datas de inicio e fin da formación ou o número de meses de duración desta.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

3.5. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, deberá presentar entón as certificacións nos termos establecidos regulamentariamente.

3.6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderán presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo II) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 3.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

3.7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 3.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude da fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Na presentación electrónica, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

b) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

c) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

d) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño).

3.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico: informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

3.9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Procedemento para a adxudicación das prazas

4.1. O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

4.2. As solicitudes serán avaliadas por un comité de selección que estará presidido polo director da Área de Internacionalización (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros dous membros de entre o persoal técnico do Igape (ou os seus suplentes, en caso de necesidade) designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.

4.3. Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria serán convocados a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (alemán, francés e/ou portugués), que constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de 5 días de antelación e poderán realizarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela serán por conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

Os aspirantes serán cualificados como aptos ou non aptos. Serán aptos os que demostren un nivel mínimo B1 tomando como referencia o Marco común europeo de referencia para as linguas e, dentro da cualificación de apto, obterase unha puntuación segundo o nivel máximo acadado (nivel B1, nivel B2 ou nivel C1).

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

4.4. O comité de selección realizará unha lista provisional segundo a puntuación obtida conforme o seguinte baremo:

a) Proba de inglés (nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos).

b) Resultado proba de idioma adicional 1 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

c) Resultado proba de idioma adicional 2 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

d) Resultado proba de idioma adicional 3 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

e) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (artigo 2.8), o máster en Comercio Exterior non puntúa por ser condición necesaria. Polo que se refire a esta formación, pode exixirse por parte de Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).

f) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 10 puntos nesta epígrafe). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 5 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación, pode exixirse por parte de Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).

g) Formación práctica mínima de 6 meses no estranxeiro relacionada co comercio exterior a través dunha bolsa de posgrao: 30 puntos (estes solicitantes só poden acceder á formación teórica de xestor de exportación).

A suma total destas puntuacións será, como máximo, de 100 puntos.

4.5. A lista provisional, con indicación da puntuación obtida, será exposta no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións e para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas súas solicitudes que faltase.

4.6. Unha vez analizadas as alegacións, o Igape publicará no taboleiro de anuncios e na súa páxina web, www.tramita.igape.es, a lista de países de destinos e dotacións das bolsas e concederase un prazo de 3 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación para indicar predilección de destino, a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://destinosbolsas.igape.es (no caso de non comunicar predilección de destino, será a comisión de selección a que o asigne unilateralmente). A asignación de destinos será feita polo Comité de selección tendo en conta a puntuación final obtida polos candidatos, os idiomas dos países de destino e as preferencias dos candidatos. No caso de que o número de solicitantes que superen a fase de selección sexa inferior a 100, o Igape publicará unha relación de destinos axustada a ese número inferior (tendo en conta a formación teórica e práctica).

4.7. Unha vez asignados os destinos, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape, na cal se reflectirán as prazas concedidas e a lista de reservas para cubrir posibles revogacións ou incidencias, na que se incluirá unha lista cos 100 candidatos propostos como adxudicatarios das prazas ofertadas e con indicación do tipo de adxudicación (formación teórica ou práctica) en función da puntuación obtida no baremo, os idiomas distintos de inglés dos que se examinasen con resultado nivel mínimo B1 e a preferencia prioritaria marcada no formulario de solicitude sempre que sexa posible -se non é posible adxudicar a primeira opción elixida, adxudicarase a segunda opción-.

No caso de empate na puntuación final obtida, o desempate realizarase por esta orde: maior puntuación na proba de idioma inglés, maior puntuación en proba de idioma distinta de inglés, maior puntuación en formación específica en comercio exterior e maior puntuación en formación de posgrao de xestión empresarial.

Así mesmo, publicarase unha lista dun máximo de 50 candidatos en posto de reserva (os 50 seguintes por orde de puntuación). Esta lista de reservas servirá para cubrir posibles renuncias, incidencias, incumprimentos ou prazas adicionais da formación teórica de xestores que poida ofrecer o provedor da formación ou bolsas adicionais debido a remanentes orzamentarios. Non poderán concederse bolsas da lista de reservas por un tempo inferior a 6 meses tendo en conta o período inicial e o período de prórroga.

Publicarase tamén unha lista de solicitudes denegadas indicando a súa causa de exclusión (que poderá incluír o feito de non acadar a puntuación de corte ou o incumprimento de calquera das condicións para ser adxudicatario), e unha lista de solicitudes arquivadas debido á súa presentación incorrecta, fóra de prazo, desistencias, ou outras causas de arquivamento.

4.8. A resolución será publicada no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, publicación que producirá os efectos da notificación segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

4.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 6 meses contados desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

5.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5.2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

5.3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 7. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) De forma potestativa, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 8. Obrigas dos bolseiros, incidencias, xustificación e pagamento e incumprimento da bolsa

As obrigas dos bolseiros, así como as posibles incidencias, a xustificación, o pagamento da bolsa e as causas e procedemento de reintegro da bolsa recóllense no punto 2 do anexo I de modalidades de formación.

Artigo 9. Control

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polo ditos organismos.

Artigo 10. Interpretación

Correspóndelle ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: lopd@igape.es.

ANEXO I
Modalidades de formación

1. Formación teórica de xestor de exportación.

1.1. O contido da formación estará orientada a facilitar a incorporación do xestor en empresas co fin de conseguir o seu inicio na internacionalización e versará sobre temas da seguinte tipoloxía:

a) Diagnóstico de empresa e produto/servizo.

b) Estudo de mercado. Localización de canles de acceso.

c) Márketing.

d) Loxística.

e) Prezo/Financiamento.

f) Documentación de exportación.

1.2. A formación será impartida en modo presencial en Santiago de Compostela e en liña, polo que será imprescindible dispoñer de ordenador e conexión á internet, ata completar un mínimo de 140 horas de formación e nun período estimado de entre 2 e 3 meses. Poderán engadirse outro tipo de accións formativas como visitas a empresas ou organismos intermedios, asistencia a seminarios en Santiago de Compostela ou noutras localidades de Galicia. O desprazamento será por conta do alumno.

A asistencia presencial así como a elaboración e cumprimento das entregas das actividades prescritas na formación presencial e en liña será obrigatoria.

1.3. Ao remate da formación procederase a unha avaliación dos candidatos que poderán ser considerados aptos ou non aptos. Os candidatos aptos poderán formar parte da base de datos de Igape denominada xestores de internacionalización. O certificado desta formación obterase unha vez que se cumpra un mínimo de 140 horas de formación teórica.

O Igape porá en marcha programas para facilitar a incorporación destes xestores en empresas de modo que poidan adquirir formación práctica.

2. Bolsas de formación práctica en internacionalización.

2.1. Duración da bolsa: máximo de 12 meses contados desde a data de comezo que, para tal efecto, fixe a resolución de concesión a desfrutar en 2016-2017. E poderán ser prorrogadas polo Igape por un máximo de ata 12 meses adicionais en función da necesidade de finalizar unha parte da formación que xa comezase ou estivese a piques de comezar. En caso de prórroga, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a súa duración. A prórroga estará condicionada a informe favorable do titor do bolseiro do organismo de destino no período inicial da bolsa, posibilidade de desfrute da prórroga no mesmo organismo do período inicial ou noutro destino alternativo, dispoñibilidade orzamentaria e aceptación do bolseiro desta.

2.2. Destino da bolsa: no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas da rede Pexga, antenas Igape no estranxeiro, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, Igape, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro). Antes do inicio da bolsa e no transcurso dela o Igape reserva para si a posibilidade de cambiar os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

As bolsas están previstas para unha estadía aproximada de 2 meses en Galicia e 10 meses no estranxeiro (o período de estadía en Galicia ou no estranxeiro estará condicionado á data de obtención do visado, a quendas alternas de formación en orixe ou destino...), pode ampliarse o período de estancia no estranxeiro logo de conformidade do bolseiro e dispoñibilidade orzamentaria. A formación en Galicia poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento, segundo o indicado no artigo 2.3.1). No caso das bolsas que teñan como destino Galicia, a estancia será sempre nese destino a non ser que o Igape cambie o destino para o estranxeiro por concorrer causa xustificada, logo de conformidade do bolseiro e dispoñibilidade orzamentaria.

2.3. Contía da bolsa: para a dotación tense en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola Entidade Pública Empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Economía e Competitividade. Na fase inicial ou no período de prórroga poderá modificarse a dotación da bolsa por flutuacións do tipo de cambio que xustifiquen esta modificación e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

2.3.1. O importe máximo de subvención por bolseiro é de 32.000 € por un período de 12 meses ou á súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.

Considéranse incluídos dentro da subvención -e dentro do límite máximo dos 32.000 €- todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento. A subvención inclúe unha contía semestral máxima 1.000 € por bolseiro -que se revisará ao termo de cada semestre para efectos de novas dotacións semestrais en función da execución do semestre anterior- en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe). Estes importes serán aboados polo Igape ao bolseiro unha vez sexan autorizados polo Igape, realizados e correctamente xustificados. Cando o medio de transporte sexa o vehículo particular, serán aboados os quilómetros percorridos a razón de 0,19 € por km percorrido. O desprazamento mediante vehículo propio só é posible en Galicia para desprazamentos con orde de viaxe do Igape onde conste o destino e número de quilómetros que se van realizar (indicando a fonte da táboa de distancia quilométrica utilizada) que deberá, así mesmo, constar na solicitude de cobramento que faga o bolseiro.

2.3.2. Gastos de desprazamento: unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino -mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga- o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente. Estes importes -ao ser circunstancias excepcionais- non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.

2.4. Desenvolvemento da bolsa e programa de formación: a formación do bolseiro en destino terá lugar nas oficinas das entidades de acollida na cidade de destino de bolsa, e o bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das ditas entidades. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos), o bolseiro debe informar o Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.

Se o bolseiro se ve obrigado a interromper a súa formación por motivo de enfermidade ou accidente deberá comunicalo ao Igape na maior brevidade posible xuntando o correspondente xustificante médico.

No caso de que a suma de interrupcións da formación por enfermidade e/ou outros motivos supere os 20 días hábiles, o Igape reserva para si o dereito de rescindir a bolsa, temporal ou definitivamente, ou cambiar o destino se con iso se facilita a reinserción do bolseiro á súa formación.

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:

• Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.

• Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación coa súa internacionalización.

• Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.

• Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

2.5. Natureza e incompatibilidade da bolsa.

O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que a dita norma resulta de aplicación.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal. O bolseiro non desempeñará, en ningún caso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

2.6. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei de subvencións de Galicia.

2.7. Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuízo doutras obrigas conforme estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

a) Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

b) Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do bolseiro.

c) Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos durante a duración da bolsa e, antes do remate de cada período (período inicial e -se é o caso- prórroga), presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, de ser o caso, devolver -no prazo de 10 días desde o remate final- o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.

d) Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

e) Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

f) Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino. Durante a estadía en Galicia é suficiente o seguro de accidentes xa que o bolseiro será dado de alta na Seguridade Social polo Igape.

g) Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

h) Proceder ao reintegro da bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Dispoñer dun ordenador e conexión á internet durante todo o tempo de desfrute da bolsa dado que é necesario para a realización dos labores da súa formación.

2.8. Calendario de pagamento das bolsas:

2.8.1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro en 5 pagamentos segundo o seguinte detalle:

a) Un 5 % da dotación unha vez ditada a resolución de concesión da bolsa.

b) Un 35 % da dotación unha vez que se incorpore ao destino asignado.

c) Un 25 % da dotación ao termo do primeiro trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 25 % da dotación ao termo do segundo trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

e) Un 10 % á finalización do prazo de duración da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

2.8.2. No caso de prórroga os pagamentos serán segundo o seguinte detalle:

a) Un 40 % da dotación ao inicio da primeira metade da prórroga.

b) Un 50 % da dotación ao inicio da segunda metade da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa do período anterior.

c) Un 10 % no momento de finalización do prazo de prórroga da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

2.8.3. Exclúense dos anteriores pagamentos a contía para gastos de visado e desprazamento indicada no punto 2.3.1 deste anexo, que aboará o Igape ao bolseiro logo de presentación de solicitude de cobramento trimestral unha vez que sexan realizados os gastos e correctamente xustificados -con entrega dos xustificantes e do informe da actividade realizada no caso de desprazamento a eventos ou reunións- e os gastos do artigo 2.3.2 que serán aboados logo de presentación de solicitude de cobramento por parte do bolseiro unha vez realizado o gasto e xustificado este.

2.8.4. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu desfrute.

2.8.5. A concesión do anticipo establecido nas letras a) e b) dos puntos 2.8.1 e 2.8.2 anteriores será obxecto de resolución motivada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e do pagamento anticipado non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2.9. Xustificación e pagamento das bolsas.

2.9.1. Nos 15 días hábiles seguintes o cumprimento de cada período de pagamento establecido nos puntos 2.8.1, 2.8.2 e 2.8.3 deste anexo, para solicitar o pagamento da bolsa, así como os gastos de desprazamento devindicados no dito período e enumerados no punto 2.3.2, o bolseiro deberá cubrir previamente o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo III a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

2.9.2. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDEL (anexo III), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 3.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de certificado de beneficiario da bolsa, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo III) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 2.9.4, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de certificado de beneficiario da bolsa as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 2.8.4 responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

2.9.3. No caso de que esta solicitude non se presente no prazo establecido ou se presente de forma incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. No caso contrario, comportará a perda total ou parcial da bolsa concedida, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento.

2.9.4. Xunto coa solicitude de cobramento, o bolseiro deberá presentar:

a) Para solicitar o cobramento dos pagamentos trimestrais previstos no artigo 2.8.1.c) e d):

i. Informe actualizado das actividades realizadas no trimestre correspondente.

ii. Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

b) Para solicitar o cobramento do pagamento final previsto no artigo 2.8.1.e):

i. Memoria final das actividades realizadas.

c) Para solicitar o cobramento do pagamento previsto no artigo 2.8.2.b):

a) Informe actualizado das actividades realizadas no período correspondente.

b) Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

d) Para solicitar o cobramento do pagamento final previsto no artigo 2.8.2.c):

i) Memoria final das actividades realizadas.

2.9.5. Con carácter previo ao pagamento, os beneficiarios deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2.9.6. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación presentada e as declaracións da solicitude de cobramento poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

2.10. Certificado da bolsa.

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro terá dereito a recibir un certificado de beneficiario da bolsa concedida. Non se recibirá certificado no caso de renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o inicio.

2.11. Incumprimento da bolsa.

2.11.1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devindicados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades formativas dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

2.11.2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

2.11.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con, polo menos, 15 días de antelación á data en que abandone o seu posto. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas de forza maior non poida cumprirse o dito prazo. No caso de renuncia antes de que transcorran 6 meses desde o inicio da bolsa, considerarase incumprimento total.

2.11.4. En todos os casos, a cantidade anticipada a devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados. A renuncia comporta, ademais, unha penalización do 10 % da dotación da bolsa correspondente ao período de bolsa realizado.

2.11.5. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V, capítulos I e II do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

2.12. Publicidade.

2.12.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2.12.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de resolución das concesións.

2.13. Remisión normativa.

En todo o non previsto nestas bases, será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file