Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 11 de decembro de 2015 Páx. 46448

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para os días 14, 16, 18, 21 e 23 de decembro de 2015 no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza axustarase ao establecido na lexislación xeral do Estado para os funcionarios públicos, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece a competencia da Dirección Xeral de Xustiza para exercer as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

A sección sindical da Central Unitaria de Traballadores (CUT), Alternativas na Xustiza Galega, comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o Xulgado de Violencia sobre a Muller exclusivo de Vigo os días 14, 16, 18, 21 e 23 de decembro de 2015 durante un período de tres horas da xornada laboral, concretamente desde as 10.00 ás 13.00 horas.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento do servizo esencial prestado no citado xulgado de violencia sobre a muller durante os días da folga, que poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos decretos 87/2010, do 3 de xuño; 151/2010, do 23 de setembro; 2/2011, do 23 de xaneiro, e 214/2012, do 8 de novembro, todos eles sobre servizos esenciais nas xornadas das folgas do 8 de xuño de 2010, 29 de setembro de 2010, 27 de xaneiro de 2011 e 14 de novembro de 2012, respectivamente. Aínda que é certo que o dito tribunal pronunciou sentenzas que anulaban os decretos 87/2010, do 3 de xuño (confirmada en casación polo Tribunal Supremo no recurso núm. 3151/2011), e 151/2010, do 23 de setembro, non o é menos que as ditas sentenzas viñeron motivadas polo déficit de expresión da ponderación dos factores e criterios que se tiveron en conta para a fixación dos servizos mínimos establecidos, no sentido de que se considerou insuficiente a motivación na determinación das prestacións mínimas garantidas.

Ademais, débense ter presentes os autos do Tribunal Superior de Xustiza ditados nas pezas separadas de medidas cautelares 21/2010, 22/2010 e 23/2010, que se pronunciaron sobre a improcedencia da suspensión do Decreto 151/2010, ao considerar suficiente motivación a remisión ao disposto no auto do mesmo tribunal do 19 de xuño de 2002.

Neste sentido, en atención a este criterio do dito Auto do 19 de xuño de 2002, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, enténdese que os servizos mínimos que cómpre fixar para o período de folga convocado non poderán exceder no correspondente centro de destino o número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, en cuxo caso se terá que atender ás quendas establecidas para os sábados.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se deben observar durante a xornada de folga debe efectuarse –e así se fai nesta resolución– tomando en consideración a posible afección que a convocatoria representa naqueloutros dereitos afectados, configurándose deste xeito uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais para garantir o servizo público.

Neste suposto concreto, o servizo público que se garante, polo seu carácter de servizo esencial, é o que prestan, en aplicación da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, en exclusiva os Xulgados de Violencia sobre a muller, consistente no coñecemento da instrución, e, se é o caso, da resolución das causas penais en materia de violencia sobre a muller, así como daquelas causas civís relacionadas, de forma que unhas e outras na primeira instancia sexan obxecto de tratamento procesual ante a mesma sede. Estes xulgados especializados aseguran, en consecuencia, a mediación garantista do debido proceso penal na intervención dos dereitos fundamentais do presunto agresor, así como a maior, máis inmediata e eficaz protección da vítima, e os recursos para evitar reiteracións na agresión ou a escalada na violencia.

Os xulgados de violencia sobre a muller exclusivos son, por tanto, os xulgados especializados aos cales a normativa atribúe a tramitación dos asuntos relativos á violencia de xénero e, dado que esta conculca dereitos fundamentais proclamados na nosa Constitución e se deben executar con carácter de urxencia as medidas de protección das vítimas, a súa actividade non pode paralizarse, polo que deben considerarse servizos esenciais as actuacións realizadas nos citados xulgados; e, neste sentido, as ditas actuacións en ningún caso son interrompidas en festivos ou fóra do horario establecido, casos en que o xulgado de garda é o encargado de facer as dilixencias relativas os casos de violencia de xénero.

En consecuencia, dado que o dereito á folga se fará efectivo no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo durante o horario de 10.00 a 13.00 horas, horario durante o cal a prestación deste servizo esencial corresponde en exclusiva ao dito xulgado, cómpre establecer os servizos mínimos que o garantan.

En virtude do exposto, oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo único

Establécense os seguintes servizos mínimos durante a folga convocada para os días 14, 16, 18, 21 e 23 de decembro de 2015, en horario de 10.00 a 13.00 horas, no Xulgado de Violencia sobre a Muller exclusivo de Vigo:

1 xestor/a ou 1 tramitador/a e 1 funcionario/a de auxilio.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

Juan José Martín Alvarez
Director xeral de Xustiza