Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 24 de decembro de 2015 Páx. 48157

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de decembro de 2015 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco.

O Concello de Coristanco remite o documento refundido do Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar o PXOM de Coristanco, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Mediante Orde de 28 de xullo de 2015, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgar a aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco; déixanse en suspenso unha serie de ámbitos, nos cales o concello deberá realizar as actuacións precisas para emendar as deficiencias sinaladas no corpo da orde e remitirlle á Consellería un documento corrixido para a súa aprobación definitiva.

I.2. O Pleno do Concello de Coristanco aprobou en sesión do 23 de outubro de 2015 as modificacións introducidas no documento do Plan xeral de ordenación municipal.

II. Análise do plan e consideracións.

Analizado o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco, e postos en comparación coas observacións formuladas na Orde CMATI do 28 de xullo de 2015, de aprobación definitiva parcial do PXOM de Coristanco, púidose comprobar:

II.1. Consideracións en solo urbano.

Queda xustificada a clasificación como solo urbano do ámbito situado fronte ao solo urbano comercial do núcleo de San Roque.

O plan incorpora as actuacións precisas para a execución das redes de servizos de subministración de auga e saneamento en rúas en que existen deficiencias, tanto no núcleo urbano de San Roque como en Agualada.

II.2. Consideracións en solo de núcleo rural.

Corríxense as delimitacións dos núcleos rurais segundo o indicado na Orde do 20 de xullo de 2015.

II.3. Consideracións en solo urbanizable.

Procedeuse á redución do ámbito de solo urbanizable non delimitado localizado no núcleo urbano de San Roque deixando, unicamente, o sector comprendido entre o colexio público e a estrada AC-552.

II.4. Consideracións sobre a normativa.

Quedan emendadas as cuestións indicadas na orde.

II.5. Correccións documentais.

Efectúanse unha serie de correccións de tipo normativo, gráfico e tipográfico:

• No núcleo de Buxán corríxese a situación dunha construción auxiliar.

• Na ordenación detallada do núcleo urbano de San Roque modifícase a Ordenanza SU-4 (uso estación de servizo) grafada por erro como tal e que na realidade se correspondería coa Ordenanza SU-5 (uso industrial-almacenaxe).

• Corríxese o artigo 4.2.3 da normativa, respecto á compatibilidade das industrias en situación E e categoría 3ª, no que se refire á superficie máxima da industria (5.00 m2 por 5.000 m2).

• No núcleo rural de Rabadeira corríxese lixeiramente a delimitación para incorporar a totalidade dunha edificación existente que anteriormente quedaba cortada.

Xa que logo, do exame da documentación aprobada provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 23 de outubro de 2015, púidose constatar que as deficiencias observadas na Orde CMATI do 28 de xullo de 2015 foron tidas en conta, e que se introduciron as correccións necesarias para darlles cumprimento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o documento refundido do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Coristanco, 3 de decembro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio