Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52076

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2016.

A Constitución española de 1978 recolle, dentro dos principios reitores da política social e económica, que os poderes públicos velarán pola seguridade e hixiene no traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro polo que se fixa a nova estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, así como o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúenlle as competencias e funcións, entre outras materias, relativas á seguridade e saúde laboral, a Secretaría Xeral de Emprego.

Na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das traballadoras e dos traballadores, e posteriormente, a Lei 54/2003, do 12 de decembro, que modifica a Lei 31/1995, establece o obxectivo de combater dun xeito activo a sinistralidade laboral así como a necesidade de integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa.

Isto fai preciso instrumentar mecanismos que faciliten dar cumprimento a este marco normativo e á normativa de desenvolvemento en materia de prevención de riscos laborais como actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da empresa.

En consonancia co anterior, o obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no relativo ás axudas para o fomento da prevención de riscos laborais mediante accións de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención, etc.), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e os aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entre os distintos sectores afectados(persoas traballadoras, empresariado,entidades representativas, etc.) co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e o fomento dunha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en adiante Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello de la Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2015.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2016, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Liñas e o seu financiamento

1. Estas axudas se distribúen en dúas liñas:

a) Liña 1: programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego. Cun importe total de 300.000,00 euros.

b) Liña 2: outras accións de formación sectorial e de fomento da prevención de riscos laborais. Cun importe total de 1.190.000,00 euros.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, e para o caso de existir remanente de crédito nunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.

3. A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente no programa de gasto 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015/00507 no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

4. Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

5. Na liña 1, para o caso de que o orzamento dispoñible nesta liña, incluídas, de ser o caso, as incorporacións dos remanentes da liña 2, non sexa suficiente para cubrir todas as accións que sexan susceptibles de seren subvencionadas, establecerase un límite polo que, ningunha entidade beneficiaria poderá percibir, de dito orzamento dispoñible, unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade e, en todo caso, non poderá superar o 50 % de dito orzamento.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias serán:

a) Na liña 1: programas de formación intersectorial: as asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais, e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos casos.

b) Na liña 2: outras accións de formación sectorial e fomento da prevención de riscos laborais:

1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

3º. Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

4º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

2. Non obstante o indicado no apartado 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións que terán tamén a condición de beneficiarias, de acordo co seguinte:

a) Os membros asociados da beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen ostente estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no que se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ámbalas dúas entidades no que se determine a parte estimada do plan que ten previsto executar, que será subscrito pola representación legal de ámbalas dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo V. En todo caso o pagamento da subvención efectuarase á beneficiaria principal.

b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na Liña 1 deste artigo e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden a esta. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse copia compulsada do instrumento de formalización de dita agrupación, de data anterior á solicitude da subvención, e do compromiso de execución por escrito que deben formalizar as entidades agrupadas, segundo o modelo establecido no anexo VI, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade, así como o compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros ante á Secretaría Xeral de Emprego e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

3. Non poderán ser beneficiarias:

a) Aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, apartados 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c) As entidades de ámbito inferior ao provincial.

Artigo 4. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias das subvencións poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e que deberá ser realizada consonte co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlle aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción.

2. Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade.

3. En ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a previa autorización da Secretaría Xeral de Emprego presentando unha memoria xustificativa a tal efecto.

4. Cando se dean as dúas circunstancias de que a actividade concertada con terceiros exceda do 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, procederase á subscrición dun contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización ao órgano concedente, a Secretaría Xeral de Emprego, quen concederá a autorización por escrito, de selo caso.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) Liña 1: programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais. de ámbito galego.

b) Liña 2: outras accións de formación sectorial e de fomento da prevención de riscos laborais, que deberán estar incluídas na seguinte relación:

1º. Liña 2.1 accións de formación: destinadas a formación sectorial en materia de prevención de riscos laborais dirixida a persoas traballadoras activas e en situación de desemprego, a delegados e delegadas de prevención, a recursos preventivos e persoas traballadoras designados que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

2º. Liña 2.2 estudos e traballos técnicos relacionados coa seguridade e saúde laboral destinados a investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.

3º. Liña 2.3 accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):

• Liña 2.3.1 gabinetes técnicos de difusión normativa e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.

• Liña 2.3.2 actividades divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais e/ou de intercambio de experiencias e boas prácticas en seguridade e saúde laboral.

• Liña 2.3.3 elaboración de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral.

4º. En todas as accións subvencionables, tanto no seu proxecto como na súa xustificación, esixirase unha calidade mínima que poderá ser verificada ou informada, a petición do órgano tramitador, por persoal técnico na materia.

2. As accións estarán necesariamente relacionadas co proxecto, serán imprescindibles para a súa consecución e realizaranse dentro do período de execución que se detalle na memoria da acción (anexo II).

3. Os produtos derivados das actividades para as que se solicita subvención poderán ser en galego e castelán, pero, en todo caso, en galego.

Artigo 6. Accións non subvencionables

Non serán subvencionables en ningún caso:

1. Accións formativas que non se realicen integramente de forma presencial.

2. Na liña 2.1, as accións formativas do artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención.

3. Accións que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva dos integrantes das entidades solicitantes e, en particular:

a) Cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

b) Financiamento dos custos de concertos con servizos de prevención alleos ou cotas de participación en servizos de prevención mancomunados.

c) Custos de funcionamento de medios propios para o desenvolvemento da actividade preventiva (traballadores designados, servizos de prevención propios ou mancomunados).

4. Avaliacións de riscos ou ferramentas para o desenvolvemento de actividades preventivas que xa existan dentro de programas de asesoramento público aos empresarios.

5. Accións que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, físico ou electrónico, ou de ferramentas informáticas existentes, nin as reedicións de publicacións realizadas con anterioridade, recibisen ou non subvención con cargo a convocatorias doutros exercicios desta orde de subvención.

6. Accións cuxo contido, obxecto e destinatarios coincida co desenvolvemento de proxectos subvencionados en anos anteriores, así como as xa realizadas por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.

Artigo 7. Requisitos de asistencia ás accións

1. Esixirase un mínimo de 15 asistentes a cada acción de formación, de eventos formativos e/ou científico-técnicos en materia de seguridade e saúde laboral e as asociadas ás campañas de sensibilización, informativa, divulgativa e de promoción da cultura da prevención.

2. En casos excepcionais, debidamente motivados e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderán autorizarse estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito. Esta autorización será solicitada polo interlocutor designado, por correo electrónico á dirección segur.hixiene.santiago@xunta.es e será comunicada pola mesma vía ao solicitante.

3. Durante a execución das accións non se permitirá a ausencia a máis dun 20 % do tempo total de duración desta. No caso de que a dita acción se desenvolva por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10 % en ningún dos módulos.

Artigo 8. Gastos subvencionables e período de imputación

1. Estas axudas destinaranse a cubrir, os gastos de acordo co seguinte detalle, tendo en conta as contías máximas establecidas no anexo X:

a) Gastos xerais de execución. Deberá constar a relación existente entre o gasto realizado e a súa necesidade para acadar o fin da subvención e poderán ser: a compra de material funxible e os gastos relativos a campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención. O deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares. Arrendamentos de aparellos e equipos.

1º. O período para imputar os gastos de publicidade é de 2 meses como máximo antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, 1 mes como máximo despois do remate de todas as actividades relativas ás accións.

2º. No caso de reedición de material impreso de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando ditas accións formativas se atopen dentro da solicitude de subvención e a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade.

b) Gastos derivados da subcontratación:

1º. No caso de contrato de arrendamento de servizos o seu período de duración non superará, na fase de planificación e organización, os 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e 1 mes posterior ao seu remate, para o caso das accións de formación sectorial e estudos e traballos técnicos, e, para as de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, 2 meses e 1 mes, respectivamente.

2º. Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito e posterior autorización pola Secretaría Xeral de Emprego. Esta solicitude realizarase cunha antelación mínima de 15 días ao inicio da fase de planificación e organización, e posteriormente achegarase o contrato que se realice coa entidade ou profesional que presta os servizos.

c) Gastos de persoal técnico propio. A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30 % do custo mensual laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade). Esta porcentaxe aplícase á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen. Deberán especificar as horas destinadas en cada acción.

1º. Este gasto, e na porcentaxe indicada, imputarase, como máximo, referido aos 4 meses antes do inicio efectivo das accións, e 1 mes posterior ao seu remate para as relativas á formación e estudos e traballos técnicos. Para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, 2 meses antes do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate. Na fase de realización da acción este gasto imputarase referido ao período efectivo no que teñan lugar as actividades.

2º. De achegarse gastos de persoal técnico propio vinculado ao proxecto, indicarase a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que vai realizar o servizo externo e o persoal propio ou contratado.

d) Gastos por liquidación de axudas de custo, desprazamento, aloxamento e manutención de persoas traballadoras vinculadas ao proxecto, sempre que se presente documentación xustificativa do servizo.

e) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.

f) Custos indirectos: son aqueles que non poden imputarse de forma directa, tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxería, entre outros, ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións e non se desvíen en máis dun 3 % da estimación que se realice no anexo II da orde de convocatoria coa solicitude da axuda.

1º. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

2º. O período máximo para imputar estes gastos na fase de planificación e organización das accións será 4 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate para as relativas á formación en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

3º. Para a fase de realización efectiva da acción o período de imputación está en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

g) Gastos específicos da acción concreta: tales como docentes, alugueiros, obradoiros e medios de transporte, material de protección e seguridade, se a acción é realizada de xeito directo por parte da solicitante e seguro de accidentes dos participantes. Estes gastos poderanse imputar o 100 % do gasto, sempre que estean referidos ás datas efectivas do programa de actividades e quede garantida a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante a constancia expresa no documento xustificativo ou por medio de certificación acreditativa de cada organización.

2. Admitirase o movemento entre partidas na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, no caso de que se desexe unha porcentaxe superior, deberá solicitarse previamente, sendo potestade da Secretaría Xeral de Emprego a súa autorización ou denegación.

3. Poderanse financiar con cargo a esta orde os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 e ata o prazo máximo establecido no artigo 16 desta orde.

Artigo 9. Gastos non subvencionables

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo das entidades solicitantes, nin axudas de custo ou custos de desprazamento para asistentes a accións formativas ou de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, agás os correspondentes a docentes, relatores e coordinadores.

2. Non se admitirán gastos referidos a almorzos nin ningún outro de carácter protocolarario.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 10. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presentase máis, só será tida en conta aquela que se teña presentado en primeiro lugar.

9. Para as accións da liña 1 que soliciten organizacións que estean integradas noutra entidade que tamén sexa solicitante considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

10. Os requisitos esixidos ás entidades entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11. Documentación

1. Documentación administrativa:

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I, xunto coa seguinte documentación.

a) No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa representante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, DNI ou NIE.

b) NIF da entidade, só no caso de que denegue expresamente a súa verificación por medios telemáticos.

c) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade.

d) Última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade. Acompañarase de certificación da vixencia, á data de presentación da solicitude, dos documentos emitidos polo secretario ou secretaria da entidade.

2. Documentación técnica:

a) Memoria das actividades, anexo II. No caso de que unha mesma actividade implique distintas accións, se cubrirá un anexo II por cada acción. A denominación de cada acción deberá:

1º. Incluír a liña de axudas á que opta de acordo coa codificación do artigo 5.1.

2º. Definir o contido da acción, evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

b) Orzamento do proxecto completo, entendendo por tal o conxunto de todas as accións solicitadas individualizado por liña 1 e liña 2 completa (suma dos importes de cada un dos apartados dos anexos II presentados), especificando o seu custo e desagregando os gastos totais de todas as accións. Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento e, de ser o caso, a cantidade que achegue. Cubrirase un único documento pola liña 1 (anexo III) e outro pola liña 2 (anexo IV). De colaborar no financiamento, no caso de que se concedan importes inferiores, deberá manterse, cando menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.

c) Compromiso de execución da entidade asociada (anexo V).

d) Compromiso da execución da entidade agrupada (anexo VI).

e) Memoria explicativa de cada unha das accións na que se recolla unha clara descrición e planificación das actuacións previstas.

f) Para os proxectos iniciados antes desta convocatoria que se pretendan continuar con cargo ao financiamento desta orde de subvencións, xunto coa solicitude, presentarase un avance da súa situación e un informe do estado do proxecto cun resumo cronolóxico das actividades realizadas e as proxectadas.

3. Designarase unha persoa responsable/coordinadora única para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todos os proxectos incluídos na solicitude, do que se achegará o nome, teléfono e correo electrónico no anexo I.

Artigo 12. Instrución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

3. Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou a documentación presentada contivese erros ou fose insuficiente, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos requiridos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

4. O Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral poderá solicitar a outros organismos, tanto na fase de avaliación coma na de xustificación, os informes técnicos que considere necesarios para a axeitada valoración dos proxectos.

Artigo 13. Avaliación e Comisión de valoración

1. O Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral á vista das solicitudes e a documentación que se presente verificará o cumprimento das condicións esixidas nesta orde para adquirir a condición de entidade beneficiaria da subvención. Para o caso de non cumprir coas condicións para seren beneficiaria da subvención, ditarase a resolución de exclusión pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. A comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e catro vogais, tres persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego, unha delas actuará como secretario ou secretaria, e unha persoa que sexa técnica do ISSGA. Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

3. A comisión de valoración, para unha mellor avaliación dos expedientes, de xeito motivado, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa co solicitado.

4. A comisión de valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións, tendo en conta a orde de prelación acadada polas entidades solicitantes en base aos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A persoa titular da subdirección xeral de Relacións Laborais, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Para avaliar as solicitudes, a Comisión aplicará os seguintes criterios de valoración:

a) Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 5 puntos). A representatividade das entidades determinarase:

1º. Para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial polo que foron creadas.

2º. Para as organizacións sindicais e empresariais, segundo o sistema establecido en aplicación do título III da Lei do estatuto dos traballadores, no ámbito territorial e funcional específico en cada unha das accións programadas, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, modificada pola disposición adicional décimo terceira da Lei 17/2010, do 17 de decembro, da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3º. A puntuación da representatividade valorarase do seguinte xeito:

− Para as entidades con representatividade sectorial: menor do 10 %, 0 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %, 1 punto; entre o 25 % e menos do 35 %, 2 puntos; a partir do 35 %, 3 puntos.

− Entidades con representatividade intersectorial: menos do 10 %, 2 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %, 3 puntos; entre o 25 % e menos do 35 %, 4 puntos; a partir do 35 %, 5 puntos.

b) Dimensión territorial da entidade (de 1 a 3 puntos): tendo en conta que o ámbito territorial sexa provincial, 1 punto; interprovincial, 2 puntos ou autonómico, 3 puntos.

c) Sectorialidade (de 1 a 2 puntos): segundo a actividade da entidade teña carácter sectorial, 1 punto, ou intersectorial, 2 puntos.

d) Cofinanciamento da acción (de 0 a 4 puntos): menos do 10 %, 0 puntos; entre o 10 % e menos do 25 %, 1 punto; entre o 25 % e menos do 35 %, 2 puntos; entre o 35 % e menos do 50 %, 3 puntos; máis do 50 %, 4 puntos. A porcentaxe que se indique no anexo II deberá manterse sexa cal sexa o importe da subvención concedida.

e) Especificidade da acción (de 1 a 2 puntos): segundo a temática sexa intersectorial, 1 punto, ou sectorial, 2 puntos.

f) Sectorial/intersectorial (de 1 a 2 puntos): segundo a acción teña como destinatarias persoas dun só sector, 1 punto; ou de dous ou máis sectores, 2 puntos.

g) Alcance territorial da acción (de 0 a 2 puntos): valorarase segundo sexa inferior a provincial, 0 puntos, provincial, 1 punto, ou autonómico, 2 puntos.

h) Distribución do resultado final da acción en formato electrónico (de 0 a 2 puntos): valorarase cando a distribución do resultado da acción se realice exclusivamente en papel ou vía web de acceso restrinxido 0 puntos; en CD, DVD ou noutros soportes electrónicos, 1 punto, ou vía web de acceso público, 2 puntos.

i) Sinistralidade (de 0 a 2 puntos): valorarase cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio, 0 puntos, cando coincida co índice de incidencia medio, 1 punto, e cando sexa maior do índice de incidencia medio, 2 puntos.

j) Renuncia ás axudas (de 0 a 1 punto): no caso de que a entidade teña renunciado a estas axudas en exercicios anteriores, 0 puntos; de non ter renunciado, 1 punto.

2. No caso de se producir un empate nas valoracións, se terá en conta a puntuación obtida en cada un dos criterios segundo a orde de prelación establecida no punto 1 deste artigo.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración, e da proposta de resolución corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As resolucións deberán ser notificadas ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de 5 meses.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, un recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, un recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 16. Prazo de remate e xustificación das accións

Todas as accións deberán estar rematadas e xustificadas, con data límite, o 31 de outubro de 2016, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

Artigo 17. Xustificación do pagamento

1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os que foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final (anexo IX) dirixida á unidade administrativa xestora da subvención, a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e presentarase nesta consellería ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A xustificación económica comprende toda a documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención que se concedeu e, en concreto, a seguinte:

a) Certificado da persoa que sexa a responsable legal da entidade no que figure a mención das accións realizadas, o importe que se xustifica e a relación de facturas (anexo VII).

b) Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción subvencionada.

c) Documentos acreditativos do pagamento das facturas e dos demais documentos xustificativos dos pagamentos realizados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluído as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, de ser o caso, así como o xustificante do pagamento do financiamento propio (anexo VIII).

e) Incluiranse os xustificantes de gastos realizados durante as distintas fases de execución do proxecto. É dicir, os xustificantes nunca poderán ser de data anterior nin posterior ao inicio e ao fin do proxecto obxecto de subvención, incluíndo as súas distintas fases (planificación e organización e realización efectiva da acción). Tampouco se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

f) Xustificación técnica ou informe final do proxecto, segundo o modelo do anexo IX.

3. A xustificación económica deberá adecuarse aos tipos de gastos efectivamente realizados, polo que se fará clasificando os gastos de acordo co orzamento que se presente coa solicitude da axuda (anexos III e IV).

4. Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal e o depósito legal no seu caso, conforme ao determinado na orde de subvención. Non seguir estes criterios determinará o non pagamento dos gastos.

5. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais, expedidas pola empresa subministradora dos bens ou servizos, ou fotocopias compulsadas.

b) A factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada. Descrición detallada e o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

c) Conterá os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo).

d) Conterá os datos identificativos do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

e) Incluirá o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo deberá indicarse «IVE incluído».

f) Lugar e a data.

g) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada). Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de abono en metálico. Os pagos mediante transferencia bancaria telemática deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

h) Todas as facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, no que conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura do responsable/coordinador designado da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da dita conformidade, que fará referencia a presente orde, emitida polo responsable/coordinador designado na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe e que se xuntará aos orixinais ou copias compulsadas das facturas. En ningún caso se terán en conta facturas que non figuren nesta certificación.

Artigo 18. Xustificación segundo o tipo de gasto

Os tipos de gastos adecuaranse á desagregación por partidas que se incluíu no orzamento co nivel de detalle que nel figura. Imputaranse os gastos e cos límites que se establecen no artigo 8 e anexo X da orde de convocatoria:

1. Gastos de execución: achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento e, de ser o caso, unha unidade física dos respectivos materiais elaborados.

2. No caso dos gastos de publicidade e difusión, ademais, deberán presentar documento gráfico ou material que acredite a súa realización (prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel).

3. Contratación de servizos externos:

a) No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía de 9.000 euros establecida no artigo 23 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, deberán achegarse as correspondentes ofertas económicas.

b) Para xustificar este gasto presentarase o orixinal ou a copia compulsada da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

4. Gastos de persoal.

a) Persoal técnico propio da entidade beneficiaria: certificado da persoa representante legal da entidade no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada ao proxecto e o seu custo.

b) Persoal técnico vinculado totalmente ao proxecto, mediante contrato laboral, tanto fixo como eventual: neste suposto terá que presentarse o contrato de traballo (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.

c) No caso dos gastos por liquidación de axudas de custo, desprazamento, aloxamento e manutención de traballadores vinculados ao proxecto: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

d) Para xustificar os gastos de persoal a documentación que hai que presentar é a seguinte:

1º. A copia compulsada das nóminas de cada un dos meses que se imputan ao proxecto, acompañadas do comprobante do aboamento expedido pola entidade bancaria.

2º. Deberán achegar un cadro no que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención. Horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, etc.

3º. Os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

4º. Modelo 111 (trimestral) acreditativo do pagamento á Axencia Tributaria das retencións practicadas aos traballadores e profesionais suxeitos ao IRPF.

5. Gastos indirectos: a xustificación destes gastos realizarase mediante certificado emitido polo representante legal da beneficiaria que recibe os fondos subvencionados, sen prexuízo de que a Secretaría Xeral de Emprego solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

6. Gastos específicos das accións: orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento.

Artigo 19. Memoria técnica das actividades

1. A xustificación técnica ou informe final especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto. En todo caso deberá constar:

a) Cando a actividade realizada sexa unha actividade formativa faranse constar a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da formación; o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado; copia dos relatorios e presentacións gráficas; o control de asistencia do alumnado asinado e algún documento gráfico da actividade formativa.

b) Cando se trate de actividades de difusión e sensibilización farase constar o programa/guión, se o houbese, o tipo de participantes, o profesorado e o material entregado, copia dos relatorios e presentacións gráficas, así como algún documento gráfico do evento.

c) Para o desenvolvemento de ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral (plataformas interactivas, páxinas web, etc.) presentarase o link de enlace e o CD, DVD ou documento similar co contido realizado. Darase acceso ao Servizo Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, tanto na fase de realización como na de implantación, destas ferramentas para os efectos de verificar os seus contidos.

d) Nos procesos de investigación e estudos e traballos técnicos presentarase o documento final do proceso no formato que se especifique no anexo II.

2. A memoria técnica deberá axustarse ao modelo do anexo IX.

3. Indicaranse de forma expresa as accións globais do proxecto completo e das súas fases executadas, cronograma, ámbito territorial, beneficiarios, grao do cumprimento dos obxectivos da/s acción/s respecto ao proxecto inicial, recursos humanos e técnicos, forma e ámbito da publicidade e da difusión realizada, así como a metodoloxía empregada.

4. O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica así como a de incluír os aspectos antes sinalados dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 20. Corrección de defectos da xustificación e pagamento

1. Se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

2. Tras a recepción da documentación recollida neste artigo, procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución e, de ser o caso, da documentación adicional solicitada. En función dos resultados acadados, realizarase a proposta de pagamento, axuste ou revogación das subvencións.

3. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Secretaría Xeral de Emprego emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. Poderán acordarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

5. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Antes do inicio das actividades, comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público estatal ou internacional. No caso de cursos de formación, unha vez iniciado o curso, dita comunicación deberán facela no prazo máximo de cinco días naturais desde que se produza o cambio.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) As entidades subvencionadas estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, de todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto, guías, dípticos, enquisas, conferencias, relatorios, etc. que se poidan aproveitar noutros sectores ou empresas.

2. As entidades beneficiarias de subvencións deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos esixidos polas bases reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano s/n 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Artigo 24. Incumprimento das condicións

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá o reintegro da totalidade da axuda concedida, nos seguintes casos:

a) O incumprimento das condicións esixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación esixida.

d) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

2. Procederá o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación esixida ou que dita documentación sexa incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

Artigo 25. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, dará lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 26. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Seguimento e control

1. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha antelación mínima de 10 días o inicio e o fin das accións de formación e de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo: segur.hixiene.santiago@xunta.es. Na dita comunicación indicaranse en todo caso: a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da acción, profesorado; o material didáctico utilizado e entregado e o control de asistencia do alumnado que se usará.

3. Así mesmo, respectarase a adecuada publicidade á que se refire o artigo 22.1.e) desta orde e observarase o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, no relativo ao depósito legal.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11 /2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos preceptos que teñen a consideración de básicos, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación; e, con carácter supletorio, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria