Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2016 Páx. 4990

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de xaneiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de xaneiro de 2016 relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Lebozán e Busto e Os Liñares, no concello de Beariz.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polas CMVMC de Lebozán e Busto e Os Liñares, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data do 19 de xuño de 2015 o Xulgado de Paz de Beariz presentou no Rexistro de Portelo Único do Concello de Beariz un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no que solicita a aprobación do deslinde levado a cabo entre a CMVMC de Lebozán e Busto e a dos Liñares. Coa citada solicitude achégase, entre outra documentación, unha acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Beariz, acta de deslindamento por avinza entre as dúas comunidades de montes citadas e os certificados de aprobación emitidos polos secretarios das respectivas comunidades.

Segundo. Con data do 23 de xuño de 2015 o Servizo de Montes informou que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o límite entre ambos os dous montes queda claramente definido.

Tal e como figura no citado informe, os representantes de ambas comunidades recoñecen que a parcela oeste do monte, clasificada dentro do MVMC dos Liñares, pertenceu desde tempo inmemorial aos veciños de Lebozán e Busto e, polo tanto, debe estar clasificada como MVMC de Oural e Costa.

A citada parcela queda definida polos seguintes lindeiros:

– Norte: termo municipal de Forcarei.

– Sur: MVMC de Oural e Costa.

– Leste: predios particulares.

– Oeste: MVMC de Oural e Costa.

Consideraciones legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento para seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 23 de xuño de 2015, acordou por unanimidade, o día 10 de decembro de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre a CMVMC Lebozán e Busto e a dos Liñares, ambas do concello de Beariz, de acordo co exposto no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de xaneiro de 2016

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense