Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2016 Páx. 4987

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de xaneiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de xaneiro de 2016 relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Nigueiroá e Garabelos, no concello de Bande.

Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC Nigueiroá e a de Garabelos, no concello de Bande, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 12 de agosto de 2014 os presidentes das xuntas reitoras do MVMC de Fonte de Foxo e Veiga de Nigueiroá, pertencente á Comunidade de Nigueiroá, e o de Cornocide e Camiño de Nigueiroá, petencente á Comunidade de Garabelos, ambos no concello de Bande, presentaron un escrito en que solicitan a revisión dos lindes entre ambos os dous montes, de acordo co informe pericial achegado. O día 24 de xullo de 2015 xuntaron unha copia da acta de conciliación e testemuño do acordo alcanzado con data do 18 de marzo de 2015.

Segundo. Con data do 14 de outubro de 2015, o Servizo de Montes emitiu informe favorable sobre o deslindamento solicitado, que cumpre cos requisitos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

As dúas comunidades veciñais (parroquias de Nigueiroá e de Garabelos) están regulamentariamente inscritas na sección provincial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

No escrito presentado o día 12 de agosto de 2014 polos presidentes das xuntas reitoras das dúas comunidades solicitan que se efectúen os trámites oportunos para a corrección dos límites, que se establecen de acordo co informe pericial que se xunta. Na solicitude indícase que existen dúas cruces marcadas en pedra que historicamente marcaron en liña recta os límites entre Garabelos e Nigueiroá. Estas cruces foron implantadas con instrumento de precisión GPS, do que resultaron as seguintes coordenadas UTM Datum ED-50:

Cruz nº 1 (cruz norte): 587209/4651863.

Cruz nº 2 (cruz sur): 587143/ 4651291.

A consecuencia desta modificación do límite respecto do plano da carpetaficha do expediente de clasificación é que unha superficie, segundo o informe de 4,263 ha, que quedara en «terra de ninguén» xa que incluso se trazou unha devasa polo límite que entendían como correcto, se recoñece como incluída no MVMC Fonte do Foxo e Veiga de Nigueiroá.

Non obstante, faise a seguinte consideración:

A coordenada Y no informe pericial para a cruz que se sitúa ao sur da liña de deslindamento ten o valor seguinte: 4661291. Este valor non é correcto xa que se situaría a uns 10 km da zona de deslindamento. Enténdese que o correcto é o indicado na solicitude presentada polos presidentes das xuntas reitoras (Y=4651291) e que se trata dun erro material na redacción do informe, xa que nos planos existentes no informe se axusta ás coordenadas indicadas na solicitude.

Este erro no valor da coordenada Y do punto sur foi transcrito na acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Bande.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en man común, logo de examinada a documentación presentada, ditará unha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes de data 14 de outubro de 2015, acordou por unanimidade o día 10 de decembro de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas comunidades dos montes veciñais en man común Fonte de Foxo e Veiga de Nigueiroá, pertencente á Comunidade de Nigueiroá, e o de Cornocide e Camiño de Nigueiroá, petencente á Comunidade de Garabelos, no concello de Bande, de acordo co exposto no feito segundo da presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de xaneiro de 2016

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense