Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7182

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, en colaboración coas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegas e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, os centros e as casas de Galicia no exterior son asociacións nas cales tradicionalmente se reúnen as persoas emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnese un gran número de persoas galegas residentes no exterior, que son os axentes principais a través dos cales Galicia fomenta a súa cultura. Estas asociacións contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para o seu fomento.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e as entidades galegas no exterior para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á convocatoria deste programa para o ano 2016.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, así como as agrupacións, federacións ou unións destas entidades, co fin de pór en común os medios e recursos dispoñibles.

Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos adecuados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Artigo 3. Características do programa

Os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

O profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración de listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para a inscrición de candidatos (DOG núm. 37, do 21 de febreiro).

Non poderá ser designado o mesmo profesor para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade.

A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispor de persoas formadoras nas listas e para o desenvolvemento dos obradoiros de cociña ou artesanais e de seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor un profesor/a para que imparta o correspondente curso sempre que estea incluído/a nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.

Para poder solicitar a organización destes obradoiros, deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, de grupos ou escolas da modalidade solicitada.

Artigo 4. Modalidades convocadas e características específicas

1. Modalidades convocadas:

Convócanse obradoiros das seguintes modalidades:

– Obradoiros de baile.

– Obradoiros de gaita.

– Obradoiros de percusión.

– Obradoiros de pandeireta e canto.

– Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Obradoiros de cociña galega.

– Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

2. Características específicas dos obradoiros convocados:

a) Obradoiros de baile, música tradicional e artesanía:

Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades das persoas solicitantes, cunha duración de 40 horas.

O alumnado non será inferior a 15 persoas. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver cursos cun número inferior tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

Terán unha duración máxima dunha semana, o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

O alumnado non será inferior a 20 persoas.

Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana, o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O alumnado non será inferior a 30 persoas.

3. Nesta convocatoria só se realizarán ata un máximo de 10 cursos da modalidade de cociña, 4 de cultura galega e 2 de carácter artesanal.

Artigo 5. Financiamento, custos e indemnizacións

1. Para a realización destes obradoiros resérvase inicialmente un crédito de 90.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016. A dita contía poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A Secretaria Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Da remuneración do profesorado.

– Do custo do desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso.

– Do custo do material necesario para impartir os obradoiros e, se é o caso, do seu envío.

– Do custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

3. As entidades galegas faranse cargo dos seguintes gastos:

– Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do profesorado en lugar e condicións adecuados.

– Gastos de traslados do profesorado dentro da cidade onde teña lugar o curso.

– Da xestión e dotación das instalacións adecuadas.

– Da subministración doutro material funxible necesario.

En casos excepcionais debidamente xustificados, a Secretaría Xeral da Emigración poderá asumir parte destes gastos con cargo ao crédito previsto na correspondente convocatoria. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá achegar, xunto coa solicitude, unha memoria xustificativa da necesidade e do custo estimado.

4. Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración na presente convocatoria serán:

a) Retribucións do profesorado:

– España e Portugal: 1.000 €.

– Europa, América e Oceanía: 1.200 €.

b) Custo de 100 € como indemnización ao profesorado que fose nomeado para impartir un seminario que se anulase por causas non imputables a el e se lle comunicase dentro do prazo de 90 días previos á data de realización prevista.

c) Custo do billete de desprazamento do profesorado ata o lugar de realización do curso nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0.19 € por quilómetro.

d) Custo de ata 2.000 € para materiais artesáns específicos, que non se encontren fóra de Galicia, que sexan necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

e) Custo de ata 2.000 € para material necesario para o desenvolvemento dos seminarios de cultura galega.

f) Custo de ata 900 € para a adquisición de alimentos nos obradoiros de cociña.

g) En casos excepcionais e debidamente xustificados, custo dos gastos de estadía e manutención do profesorado, cun máximo de 150 €/día e custo de ata 500 € para a adquisición ou alugamento de equipamentos para o desenvolvemento de seminarios de cultura galega.

5. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto coa solicitude, as entidades interesadas achegarán a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada dos participantes preinscritos para cada modalidade solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, número do NIF ou do pasaporte, idade e orixe galega dos participantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

b) Memoria, segundo o modelo do anexo III (obradoiros de folclore e artesanía), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do taller, grupo ou escola.

– No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos dous últimos anos.

– Para os obradoiros de carácter artesanal, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo IV (obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– Instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña e da cultura galega e a oportunidade da realización da actividade.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 9. Procedemento e criterios de valoración

1. No caso de que a solicitude e a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá á entidade a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.es para que, no prazo de dez días, corrixa ou complete a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución, que será ditada nos termos do artigo 42 da dita lei.

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado composto por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, que formulará os correspondentes informes.

Os criterios de valoración para a concesión dos obradoiros serán os que se sinalan a continuación:

a) Número de persoas preinscritas para o obradoiro (ata 20 puntos):

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

b) Número de persoas galegas preinscritas para o obradoiro (ata 30 puntos):

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

c) Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos):

– Obxectivos que se perseguen coa realización do seminario: ata 10 puntos.

– Instalacións propostas e material con que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de folclore:

– Á maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de cociña, cultura galega e outros de carácter artesanal:

– Á maior antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña, cultura galega e participación en feiras artesanais: ata 10 puntos.

3. O órgano colexiado elaborará as correspondentes propostas de concesión observando os seguintes criterios:

a) A proposta basearase na relación das solicitudes recibidas segundo a orde de puntuación resultante de aplicar os criterios de valoración establecidos no punto 2 deste artigo. En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo á data de presentación das solicitudes.

b) Inicialmente, concederase a organización dun obradoiro por entidade. No suposto de haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, concederanse, en primeiro lugar, e seguindo a orde de puntuación, a aqueles centros que non os organizasen de forma máis próxima respecto da presente convocatoria.

c) De alcanzar o crédito previsto nesta resolución e ata o seu esgotamento, poderase incrementar consecutivamente o número de cursos concedidos a cada entidade seguindo a orde de puntuación.

d) Malia o anterior, e co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de obradoiros da mesma modalidade.

e) Para a concesión dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega, será necesaria a adecuación das instalacións e dotacións previstas na solicitude para a súa organización.

f) Quedarán excluídas as propostas de organización de seminarios daqueles centros que, a criterio da Secretaría Xeral da Emigración, non poidan asegurar condicións adecuadas de aloxamento, manutención ou seguridade ao profesorado correspondente.

g) Non se adxudicarán cursos que non obteñan unha puntuación mínima de 20 puntos.

4. A proposta de adxudicación dos obradoiros e as condicións serán comunicadas ás respectivas entidades a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.es

As entidades terán un prazo máximo de dez días desde a súa publicación na páxina web para aceptar a organización e as condicións da proposta.

5. Unha vez recibida a confirmación e aceptación dos termos nos cales se desenvolverán os respectivos obradoiros, o órgano colexiado elevará a relación definitiva á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará as resolucións oportunas.

Artigo 10. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará resolución de concesión dos seminarios nun prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución definitiva de concesión será notificada ás entidades galegas solicitantes e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.es

Artigo 11. Pagamento, seguimento e control

1. Pagamento.

Os gastos que, de conformidade co establecido no artigo 5, deban ser asumidos pola Secretaría Xeral da Emigración, aboaranse unha vez que esta comprobe que as actividades foron desenvolvidas conforme o establecido nela.

2. Seguimento e control.

Os seminarios convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

– A solicitude do obradoiro supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

– As entidades participantes quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta poderá modificar a súa resolución.

– Dentro do prazo dun mes desde o remate do curso, a entidade remitirá á Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

– A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das accións resultantes desta resolución. Para realizar estas funcións, poderán utilizarse cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nela, así como nas normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os obradoiros prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

– O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos obradoiros comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do curso correspondente.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. A presentación de solicitudes por parte das entidades requirirá que esta conte coa autorización do alumnado proposto para participar nos obradoiros ou seminarios, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo II se inclúe unha manifestación do representante da entidade neste senso.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a accion.cultural.em.sc@xunta.es

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file