Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7159

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 17/2016, do 18 de febreiro, polo que se crea e se regula o Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

No marco do establecido nos artigos 47 e 149.1.13ª da Constitución española, o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 6/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de vivenda.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que inclúe regulacións orientadas a garantirlle o acceso á vivenda a quen realmente o necesita, partindo dos principios de igualdade e transparencia no acceso ás vivendas protexidas e ás axudas públicas, ao mesmo tempo que establece medidas que achegan seguridade xurídica ao mercado inmobiliario e garantías ás persoas adquirentes e usuarias das vivendas. No capítulo IV do título II do citado texto legal regúlanse outras actuacións protexidas en materia de vivenda, entre as cales se inclúen medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento, cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e de favorecerlle o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O artigo 17 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engade unha nova letra m) ao artigo 104 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e tipifica como infracción o non inscribir no Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia as vivendas cuxa inscrición sexa obrigatoria conforme a regulación do citado censo.

A disposición derradeira primeira da Lei 8/2012, do 29 de xuño, habilita o Consello da Xunta de Galicia para desenvolver regulamentariamente o contido da lei e, polo tanto, para regular o censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia e os supostos de inscrición obrigatoria.

II

O Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 5 de decembro de 2012, o Programa de realoxamento de afectados por execucións hipotecarias, que segue en vigor e que ten por finalidade dar cobertura a todas as persoas que perdan a súa única vivenda nun procedemento de execución hipotecaria e teñan uns ingresos ponderados inferiores a 2,5 veces o IPREM. Este programa é complementario das medidas adoptadas polo Goberno do Estado dirixidas a paliar as situacións producidas polas dificultades de pagamento das cotas hipotecarias.

Ademais, o 8 de abril de 2013 asinouse un convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social, co obxecto de establecer un protocolo de actuación conxunta.

O día 3 de outubro de 2013, o Consello da Xunta aprobou o Programa Reconduce co obxecto de apoiar as persoas e familias en risco ou en situación de desafiuzamento da vivenda habitual.

O 12 de febreiro de 2015, o Consello da Xunta aprobou o Plan Rehavita, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, que pretende facilitar o acceso á vivenda ás familias que máis o necesitan e que inclúe unha serie de medidas tendentes a reforzar o Programa de realoxamento de afectados por execucións hipotecarias.

No marco do citado Plan RehaVita, asináronse convenios coa Sareb e diversas entidades financeiras co obxecto de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poida dispor de vivendas con destino a alugamento social para as persoas con maiores dificultades e, de forma especial, para as persoas afectadas por execucións hipotecarias.

O plan RehaVita inclúe, ademais, outra medida tendente a evitar desafiuzamentos por impagamento das rendas de alugamento, como o bono de alugueiro social.

En todo caso, como complemento a estes instrumentos, para conseguir unha adecuada aplicación das políticas publicas de vivenda, é necesario dispor da información oportuna que permita adoptar as medidas adecuadas en cada momento.

Para estes efectos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xestiona o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, onde deben inscribirse todas as persoas interesadas en acceder á vivenda protexida; é así un instrumento válido e veraz para coñecer a demanda real de vivendas protexidas en cada localidade, ao proporcionar unha información actualizada que lles permite ás administracións públicas competentes adecuar as súas programacións á demanda existente.

Nos últimos anos produciuse unha acumulación de vivendas en mans das entidades de crédito, polo que é preciso tamén dispor dunha información fiable das vivendas baleiras propiedade destas entidades existentes en concellos de máis de 10.000 habitantes que poidan estar en situación de ser habitadas, para analizar as posibilidades de equilibrar a demanda existente coa oferta potencial de vivenda e así establecer unha planificación correcta das actuacións a realizar, co obxecto, de ser o caso, de incentivar a incorporación das vivendas baleiras ao mercado inmobiliario.

A razón de limitar a obriga de inscrición aos concellos de máis de 10.000 habitantes está fundamentada nos datos de demanda de vivenda existentes no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia que acreditan que son precisamente os que teñen unha maior demanda e, polo tanto, é neses concellos onde se busca ter un maior coñecemento do parque residencial existente para poder dar unha resposta adecuada á demanda. Non obstante, posibilítase tamén a inscrición voluntaria das vivendas baleiras que non pertenzan ás persoas obrigadas a inscribilas ou estean situadas en concellos cunha poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes.

Neste contexto, o presente decreto pretende habilitar os mecanismos para dispor da diagnose correcta das vivendas baleiras que son propiedade das entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria que están situadas nas localidades con maior demanda de vivenda de Galicia.

Por último, o decreto prevé medidas dirixidas a favorecer o uso efectivo destas vivendas, principalmente por aquelas persoas que teñen maiores dificultades para acceder á vivenda.

III

O presente decreto estrutúrase en tres capítulos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, co nome de «Disposicións xerais», regula o obxecto do presente decreto e define que se debe entender por vivendas baleiras.

O capítulo II, denominado «Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de alicia», recolle en cinco seccións o ámbito territorial e obxectivo, a finalidade, o órgano responsable e a organización do censo, definindo a súa estrutura e asentos, e o procedemento de inscrición, que se realiza a través dunha solicitude. Prevé tamén a inscrición obrigatoria e a voluntaria, os prazos, a súa modificación e cancelación, así como as correspondentes notificacións.

O capítulo III, baixo a rúbrica «Medidas para favorecer a ocupación das vivendas baleiras inscritas no censo», establece unha previsión que incide no actual contexto económico, no cal coexisten, dun lado, un stock de vivendas baleiras e, ao mesmo tempo, unidades convivenciais que demandan vivenda en condicións accesibles. Esta previsión posibilita a intermediación do IGVS para favorecer a ocupación da vivenda a prezos similares aos das vivendas protexidas.

A disposición transitoria establece o prazo para a inscrición das vivendas que estean baleiras no momento da entrada en vigor do presente decreto.

En virtude do disposto nos artigos 4.6, 37.1.a) e 37.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día dezaoito de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear e regular o Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Vivenda baleira

Para os efectos deste decreto, enténdese por vivenda baleira aquela que non sexa ocupada polo seu propietario e na cal, ademais, non exista unha persoa usuaria que dispoña do correspondente título que lle dea dereito a súa ocupación.

CAPÍTULO II
Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 3. Ámbito obxectivo e territorial do Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Deberán inscribirse neste censo todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, con independencia de onde estea o domicilio social dos seus titulares.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais de poboación, en 1 de xaneiro de cada ano, aprobadas polo correspondente real decreto.

2. Así mesmo, poderán inscribirse aquelas vivendas baleiras que, ao non seren de inscrición obrigatoria, estean situadas no territorio da Comunidade Autónoma e o soliciten os seus titulares, incluíndo as vivendas baleiras propiedade das administracións públicas.

3. O censo será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Finalidade

O censo ten como finalidade servir de instrumento para que o órgano competente en materia de vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia dispoña de información adecuada en relación co estado de ocupación do parque de vivendas de Galicia, co obxecto de realizar a planificación social da política de vivenda.

Artigo 5. Órgano responsable

1. O órgano responsable do Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia é a Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS).

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditar as resolucións de inscrición, modificación e cancelación da inscrición no Censo de vivendas baleiras da Comunidade autónoma de Galicia. Estas resolucións porán fin á vía administrativa.

Sección 2ª. Organización do censo

Artigo 6. Estrutura do censo

O censo consta de dúas seccións:

a) Sección 1ª. Vivendas de inscrición obrigatoria: inscribiranse nesta sección todas as vivendas que, de conformidade co artigo 3.1, deban constar no censo.

b) Sección 2ª. Vivendas de inscrición voluntaria: nesta sección poderán inscribirse aquelas vivendas baleiras cuxa inscrición non sexa obrigatoria, sempre e cando así o soliciten os seus titulares.

Artigo 7. Asentos

1. As seccións levaranse por asentos.

2. En cada asento constará o enderezo da vivenda, a súa superficie, mes e ano de última ocupación, data da licenza de primeira ocupación e, de ser o caso, do certificado de eficiencia enerxética. Tamén se fará constar o nome e o enderezo ou domicilio social da persoa titular, así como calquera outro dato que a persoa titular considere relevante ou sexa de interese en relación co grao de mantemento e conservación das vivendas.

Sección 3ª. Procedemento de inscrición

Artigo 8. Procedemento para a inscrición obrigatoria de vivendas

1. A inscrición obrigatoria realizarase mediante a presentación dunha solicitude.

2. A presentación da solicitude unicamente poderá realizarase por medios electrónicos, a través do formulario electrónico normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A solicitude axustarase ao modelo normalizado que figura como anexo I a este decreto, xunto co que deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que actúe en nome da entidade propietaria da/s vivenda/s.

b) Anexo II, debidamente cuberto.

c) Copia debidamente compulsada da solicitude de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia dependente do Instituto Enerxético de Galicia, no suposto de que non estea rexistrado (de estalo, indicarase o número de rexistro no anexo II).

d) Documentación relativa a calquera outro dato que a persoa titular queira facer constar na inscrición por consideralo relevante ou de interese en relación co grao de mantemento e conservación das vivendas.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, do seu representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. Se a solicitude de inscrición non está debidamente cuberta ou non vai acompañada cos documentos indicados neste artigo, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de 10 días emende a solicitude ou xunte os documentos preceptivos, conforme o previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos darán lugar á correspondente resolución de inscrición obrigatoria no Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditar a resolución de inscrición obrigatoria no Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia, que porá fin a este procedemento. A dita resolución será notificada á persoa interesada.

Artigo 9. Procedemento para a inscrición voluntaria de vivendas

1. No caso de inscrición voluntaria, as persoas propietarias, para os efectos da súa inscrición no censo, deberán presentar unha solicitude de inscrición.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Tamén se poderá presentar a solicitude en soporte papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A solicitude axustarase ao modelo normalizado que figura como anexo IV a este decreto, xunto co que deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Se a persoa titular das vivendas é unha persoa física, autorización para consultar os datos da súa identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non achegar a citada autorización, deberá presentar copia do DNI ou do documento que regulamentariamente o substitúa.

b) Acreditación, de ser o caso, da representación de quen actúe en nome da persoa propietaria da vivenda.

c) Anexo V, debidamente cuberto.

d) Copia debidamente compulsada da solicitude de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia dependente do Instituto Enerxético de Galicia, no suposto de que non estea rexistrado (de estalo, indicarase o número de rexistro no anexo V).

e) Documentación relativa a calquera outro dato que a persoa titular queira facer constar na inscrición por consideralo relevante ou de interese en relación co grao de mantemento e conservación das vivendas.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou seu representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. Se a solicitude de inscrición non está debidamente cuberta, ou non vai acompañada cos documentos indicados neste artigo, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de 10 días emende a solicitude ou xunte os documentos preceptivos, conforme o previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos darán lugar á correspondente resolución de inscrición voluntaria no Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditar a resolución de inscrición voluntaria no Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia, que porá fin a este procedemento. A dita resolución será notificada á persoa interesada.

Artigo 10. Prazo para solicitar a inscrición

1. O prazo para solicitar a inscrición a que se refire o artigo 8 será de oito meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se producise algún dos seguintes actos: a notificación da concesión da licenza de primeira ocupación, a desocupación da vivenda por vencemento ou resolución do contrato ou a adquisición da vivenda.

2. A solicitude a que se refire o artigo 9 poderase facer en calquera momento.

Sección 4ª. Modificación e cancelación da inscrición

Artigo 11. Modificación da inscrición

1. As persoas propietarias das vivendas inscritas deberán solicitar a modificación da inscrición no suposto de execución de obras de rehabilitación ou reforma que xustifiquen a imposibilidade de ocupala temporalmente e, en xeral, cando se produza calquera modificación que afecte os datos consignados no censo. O IGVS poderá requirir a documentación que considere oportuna para comprobar a dita modificación.

2. Para solicitar a modificación da inscrición utilizarase o anexo III, unido ao anexo I, para as vivendas inscritas na sección 1ª e para as vivendas inscritas na sección 2ª utilizarase o anexo VI, co anexo IV.

3. A solicitude de modificación presentarase na forma prevista nos artigos 8 ou 9, segundo se trate, respectivamente, de vivendas de inscrición obrigatoria ou voluntaria. O procedemento de modificación finalizará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que lle será notificada á persoa interesada.

Artigo 12. Cancelación

1. No caso de inscrición obrigatoria, o asento correspondente cancelarase, por instancia da persoa propietaria, nos seguintes casos: cando se produza a ocupación da vivenda en virtude do correspondente título, cando se transmita a un terceiro ou cando a vivenda perda as condicións mínimas de habitabilidade.

A causa que motive a cancelación da inscrición deberá ser debidamente acreditada.

2. As persoas propietarias das vivendas de inscrición voluntaria poderán solicitar a cancelación da súa inscrición en calquera momento.

3. Para solicitar a cancelación, no suposto de vivendas inscritas na sección 1ª, utilizarase o anexo III, unido ao anexo I, xunto coa copia da documentación xustificativa da ocupación ou da transmisión da vivenda ou da perda das condicións mínimas de habitabilidade. No caso das vivendas inscritas na sección 2ª, utilizarase o anexo VI, co anexo IV, debidamente cubertos.

4. A solicitude de cancelación presentarase na forma prevista nos artigos 8 ou 9, segundo se trate, respectivamente, de vivendas de inscrición obrigatoria ou voluntaria.O procedemento de cancelación finalizará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será notificada á persoa interesada.

5. O IGVS poderá de oficio, logo de audiencia á persoa titular da vivenda ou vivendas inscritas, cancelar os asentos cando teña constancia da ocupación da vivenda, cando esta non cumpra as condicións mínimas de habitabilidade ou cando non reúna os requisitos exixidos para figurar no censo.

Sección 5ª. Notificacións

Artigo 13. Notificacións electrónicas

1. As notificacións só se practicarán en forma electrónica cando así o manifeste expresamente a persoa interesada nos anexos I e IV.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, o organismo que xestione o Censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia poderá remitirlles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Cando, existindo constancia da posta á disposición dunha notificación electrónica, transcorresen dez días sen que a persoa interesada accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite. Seguirase, de ser o caso, o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO III
Medidas para favorecer a ocupación
das vivendas baleiras inscritas no censo

Artigo 14. Actuacións para favorecer a ocupación das vivendas baleiras inscritas no censo

1. O IGVS poderá impulsar a sinatura de acordos de colaboración co obxecto de destinar as vivendas inscritas no censo a atender persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por desafiuzamentos por impagamento de rendas de alugamento.

2. Ademais, o IGVS poderá mediar entre as persoas propietarias das vivendas baleiras inscritas e as persoas demandantes de vivenda, co fin de favorecer a súa ocupación, facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición. Para tal fin, as vivendas baleiras inscritas propiedade das entidades de crédito, e das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria e, sempre que se axusten aos prezos máximos establecidos para as vivendas protexidas, poderán ser ofertadas polo seu propietario/a ao IGVS para a súa adxudicación a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en alugamento como en venda.

3. Así mesmo, co consentimento previo dos/das propietarios/as, as vivendas inscritas no censo poderán ser utilizadas nos programas de fomento do alugamento que desenvolva o IGVS ou as administracións locais.

Disposición adicional primeira. Actualización de formularios na sede electrónica da Xunta de Galicia

1. Co obxecto de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados aos procedementos previstos neste decreto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, sen implicar en ningún caso unha modificación do contido das solicitudes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

2. A modificación ou actualización dos formularios deberá ser aprobada mediante resolución da persoa titular da consellería con competencias en materia de vivenda, sen prexuízo da súa publicidade a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia a que se dirixiron ou, se é o caso, que os emitiron, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Disposición transitoria única. Prazo para solicitar a inscrición obrigatoria das vivendas que estean baleiras con anterioridade á entrada en vigor deste decreto

As vivendas que estean baleiras no momento da entrada en vigor deste decreto e que cumpran os requisitos indicados no artigo 3.1 deberán inscribirse no censo nun prazo de 6 meses, contados desde a súa entrada en vigor, agás que o prazo que lle correspondese, segundo o previsto no artigo 10, fose maior.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda para ampliar a obriga de inscrición a outros concellos con número inferior de poboación ao previsto no artigo 3.1, no suposto de que se produza un incremento acreditado da demanda de vivenda naqueles concellos, así como para ditar, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file