Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2016 Páx. 8030

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 16 de febreiro de 2016 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Escoita.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Escoita con domicilio na travesía Orillamar, número 7, na Coruña.

Feitos:

1. Erica María Mosquera Gende, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos os da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Escoita foi constituída en escritura pública outorgada en Culleredo (A Coruña) o 15 de decembro de 2015, ante a notaria María de la Cruz Nieto Peñamaría, co número de protocolo 1.870, por Lidia María Arguiz Fernández, Erica María Mosquera Gende e Ana Isabel Vázquez Lojo, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Fomentar a inclusión na vida escolar e social do xordo, mediante a formulación, execución de campañas preventivas, educación e emprego;

– Estimular e favorecer a prevención da xordeira no ámbito da escola;

– Mellorar a calidade de vida e contorno da persoa xorda e trastornos asociados;

– Fomentar o estudo e prevención da xordeira cando as causas sexan as enfermidades denominadas raras recollidas no Rexistro Nacional de Enfermidades Raras do Instituto de Saúde Carlos III;

– Potenciar a accesibilidade nas barreiras de comunicación;

– Ofrecer apoio e atención aos usuarios, organizacións e administracións que o requiran.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Erica María Mosquera Gende ,como presidenta; Lidia María Arguiz Fernández, como vicepresidenta, e Ana Isabel Vázquez Lojo, como vogal. Consta tamén Cristina Martínez Pena, como secretaria non patroa.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Escoita, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 8 de febreiro de 2016

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Escoita, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza