Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2016 Páx. 8033

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de febreiro de 2016 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio de Procuradores da Coruña, acordou en Asemblea Xeral a aprobación da modificación parcial dos seus estatutos que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial dos vixentes estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña aprobados por Orde do 6 de maio de 2013, pola que se aproban os estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña.

2. A modificación afecta o contido dos artigos 16 e 77 dos estatutos, engadindo o seguinte texto:

«Artigo 16. Obrigas dos colexiados

l) Os procuradores non poderán dirixirse ás vítimas directas ou indirectas de catástrofes, calamidades públicas ou outros sucesos que producisen un número elevado de vítimas que cumpran os requisitos que se determinen regulamentariamente e que poidan constituír delito, para ofrecerlles os seus servizos profesionais ata transcorridos 45 días desde o feito.

Esta prohibición quedará sen efecto no caso de que a prestación destes servizos profesionais sexa solicitada expresamente pola vítima.

Artigo 77. Infraccións moi graves

f) O incumprimento da prohibición descrita na letra l) do artigo 16 dará lugar á responsabilidade disciplinaria por infracción moi grave, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan».

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a publicación da modificación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza