Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2016 Páx. 8319

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para a tramitación de relacións de postos de traballo e a determinación dos criterios de excepcionalidade e funcións que definen as características que motivan a especial responsabilidade ou cualificación profesional dos postos de traballo de libre designación, de nivel 28 ou inferior, da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 92 dispón que soamente se poden prover polo procedemento de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais ou equivalentes, as secretarías de altos cargos e, excepcionalmente, aqueloutros postos de traballo de especial responsabilidade ou cualificación profesional que se determinen nas relacións de postos de traballo.

Así mesmo, no artigo 91 da referida norma, establécese que as xefaturas de servizo ou os postos de nivel equivalente proveranse mediante concurso específico, agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación, con convocatoria pública.

Por outra banda, entrementres non se desenvolva regulamentariamente o novo réxime xurídico do persoal directivo profesional, a disposición transitoria terceira da nova lei atribúe a consideración de postos directivos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ás vicesecretarías xerais, subdireccións xerais, secretarías territoriais e xefaturas territoriais. Cando estes postos queden vacantes logo da entrada en vigor da lei, serán provistos polo procedemento de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira.

Tendo en conta que ata este momento a forma de provisión dos postos de traballo de «xefatura de servizo» era a libre designación, procede, en aplicación da citada Lei 2/2015, adaptar as relacións de postos de traballo á nova forma de provisión, é dicir, modificar os postos de libre designación a concurso específico.

Polo tanto, o sistema de libre designación debe estar debidamente xustificado para os postos non tipificados especificamente nas relacións de postos de traballo, sen que haxa ningunha razón para que, con carácter xeral, se lles adxudique esta condición a todos os postos de traballo que superen determinado nivel de complemento de destino. Con esta medida acadarase unha función pública máis profesionalizada e seleccionada de xeito máis obxectivo, sen prexuízo da súa capacitación e preparación para o desempeño do posto.

A elección do sistema de libre designación comporta a necesidade de que a Administración achegue os elementos obxectivos que permitan apreciar a pertinencia da súa utilización. Son as funcións dos postos as que deben revelar as características especiais que motiven a «Especial responsabilidade ou a cualificación profesional» e determinen, polo tanto, a súa configuración como de libre designación. Pero é preciso acreditalo xustificadamente, de tal xeito que o exercicio dunha potestade discrecional por parte da Administración utilice elementos regrados que garantan a ausencia de arbitrariedade.

Tendo en conta o exposto, para os efectos de que as consellerías e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, na tramitación da modificación da súa relación de postos de traballo coa indicación dos postos para cubrir por libre designación, teñan unha interpretación uniforme sobre os que se poden considerar de especial responsabilidade, esta dirección xeral, no uso das facultades conferidas polo Decreto 101/2014, do 1 de agosto, oída a Comisión de Persoal na sesión do día 24 de febreiro de 2016,

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Estas instrucións teñen por obxecto fixar os criterios de excepcionalidade e as funcións que determinan as características que motivan a especial responsabilidade ou cualificación profesional dos postos de traballo de libre designación, de nivel 28 ou inferior, da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos dentro do ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Segunda. Ámbito de aplicación

A presente resolución será de aplicación na tramitación das relacións de postos de traballo, no que atinxe aos postos de traballo de nivel 28 ou inferior, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se vaian prover polo sistema de libre designación e que, excepcionalmente, así se determinen nas relacións de postos de traballo, segundo establece a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Quedan exceptuadas do ámbito de aplicación destas instrucións as xefaturas territoriais que se rexen polo disposto na disposición transitoria terceira da devandita Lei 2/2015.

Terceira. Actualización das relacións de postos de traballo

As consellerías e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico afectadas pola presente resolución deberán elaborar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo en que consten os postos de especial responsabilidade ou cualificación profesional que consideren que deben proverse polo sistema de libre designación e presentar un informe xustificativo das funcións de cada un dos postos propostos baseado nos criterios que se prevén no punto seguinte. Esta proposta deberá ser remitida á Dirección Xeral de Función Pública para a súa tramitación e posterior elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Cuarta. Criterios de excepcionalidade

Entenderase que concorren criterios de excepcionalidade naqueles postos de traballo, de nivel 28 ou inferior, con funcións que impliquen o cumprimento dalgunha das seguintes atribucións:

1. Especial responsabilidade por xestionar información especialmente reservada da Xunta de Galicia. A especial responsabilidade fundaméntase en que os responsables deste tipo de información deben extremar a confidencialidade e discreción por enriba do exixido a calquera funcionario, pois a súa difusión pode supoñer problemas de seguridade para a propia Xunta de Galicia.

As funcións dos postos que determinan a especial responsabilidade derivada deste criterio son:

1.1. Responsabilidade directa dos rexistros ou arquivos que conteñan información sobre algún dos seguintes ámbitos:

1.1.1. Seguridade patrimonial ou das persoas.

1.1.2. Actividades do presidente e vicepresidente da Xunta.

1.1.3. Actuacións en materia de protocolo, cerimonial e relacións públicas da Presidencia e Vicepresidencia.

1.1.4. Información estratéxica para a toma de decisións do presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia.

1.1.5. Responsable da preparación da orde do día e das convocatorias e documentación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta e á Comisión de Secretarios Xerais Técnicos.

1.2. Asesoramento e dependencia directa dun alto cargo.

1.3. Persoal responsable da custodia e xestión do rexistro de incompatibilidades de altos cargos da Xunta de Galicia.

2. Especial responsabilidade por exercer a representación institucional da Xunta de Galicia. A especial responsabilidade por este criterio vén determinada porque se exixe que o empregado público actúe como substituto do representante institucional e que teña, polo tanto, que coñecer, asumir e difundir as propostas de actuación do goberno da Xunta de Galicia.

Os postos que evidencian o cumprimento deste criterio son:

2.1. Substitución dun alto cargo nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade deste, sempre e cando non exista un cargo intermedio.

2.2. Substitución da representación institucional da Xunta de Galicia en centros dependentes da Xunta de Galicia, fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

3. Especial responsabilidade por garantir o adecuado exercicio de autoridade e/ou inspección administrativa da Xunta de Galicia. A especial responsabilidade está en razón de ser garante do exercicio dos dereitos e deberes da cidadanía.

Estas responsabilidades atópanse no exercicio das seguintes funcións:

3.1. A coordinación ou dirección da inspección, nun determinado ámbito administrativo, sempre que non exista un posto xerárquico superior dos comprendidos na relación de postos de traballo.

3.2. A realización das funcións de avaliación, auditoría e investigación, sobre o funcionamento dos servizos públicos.

4. Especial responsabilidade por garantir unha adecuada toma de decisións que supoñen a limitación de dereitos en situacións de alerta sanitaria ou emerxencia. A especial responsabilidade desta atribución deriva de que, como consecuencia dunha situación de alerta sanitaria ou emerxencia que antepón o interese público ao interese privado, o exercicio da responsabilidade no posto de traballo pode levar á toma de decisións e ao establecemento de instrucións de actuación que afecten os dereitos das persoas.

Considérase que asume estas responsabilidades quen exerza postos que impliquen:

4.1. A coordinación ou dirección de funcionarios que, como titular dun posto, exerce sobre as decisións do persoal ao seu cargo e que teñen a capacidade de tomar decisións que supoñan a limitación de dereitos de propiedade, de libre circulación e residencia de persoas, ou outros dereitos individuais en situacións de emerxencia.

4.2. A toma de decisión tanto sobre a posta en marcha dunha alerta sanitaria como sobre as accións incluídas nela, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Especial responsabilidade por garantir a protección de datos persoais. A especial responsabilidade baséase na facultade de decisión sobre os sistemas e procedementos garantes do cumprimento do dereitos amparados pola normativa de protección de datos de carácter persoal, e exercerase ao desempeñar funcións que comporten:

5.1. Responsabilidade directa sobre os sistemas de protección de datos persoais de niveis medio e alto segundo a clasificación establecida nos puntos 2 e 3 do artigo 81 do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

5.2. Responsabilidade directa no que atinxe ao control e uso dos datos, tanto persoais como económicos, do persoal policial da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, así como do seu armamento, uniformidade e medios técnicos.

6. Especial responsabilidade por dirixir centros con características singulares. Considéranse de especial responsabilidade os postos que teñan atribuída a función de dirección e responsabilidade dos seguintes centros dependentes da Xunta de Galicia:

6.1. Centro en que estean internadas persoas, en situación de dependencia ou en formación, ou menores tutelados pola Administración autonómica.

6.2. Centro de investigación e innovación en que se desenvolvan proxectos que poidan supoñer unha vantaxe competitiva para Galicia.

6.3. Centro de formación profesional integrado de titularidade pública (Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulamentan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional).

6.4. Centro con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública