Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2016 Páx. 9097

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 24/2016, do 25 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado saneamento de Guísamo-San Paio.

O Concello de Bergondo, en sesión que tivo lugar o día 17.12.2015, aprobou o proxecto denominado saneamento de Guísamo-San Paio, e acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 3.2.2016 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o concello e o informe do técnico municipal, preténdese a realización dun colector soterrado de diámetro 315 mm, con encanamento de saneamento de parede maciza, tipo SN-4, que recolle toda a rede de saneamento proxectada ao longo da estrada provincial DP-0810 (de Guiliade a Guísamo), e rúas transversais, e conectala ao pozo de bombeo existente. Todos os colectores deseñados no proxecto (6 tramos) que recollen as augas fecais do núcleo rural de San Paio e a zona sureste do núcleo urbano de Guísamo (como mínimo unhas 50 vivendas existentes na actualidade), desembocan no bombeo existente, o cal se amplía e reforza, desde o que se impulsan as augas fecais ata a N-VI, que por gravidade vai a EDAR de Miondelo, polo que resulta que se non se conectan estes colectores ao bombeo, a rede de saneamento en construción estaría inutilizada e inoperativa.

Así mesmo, a Deputación Provincial da Coruña realizou ao mesmo tempo o proxecto de urbanización da vía DP-0810 de Guiliade (Betanzos) a Guísamo, pola cal discorren 3 dos seis tramos do saneamento, polo que houbo que comezar a obra municipal.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado saneamento de Guísamo-San Paio, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza