Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2016 Páx. 9199

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o Acordo do 2 marzo de 2016, entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural, polo que se encomendan a esta última determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

As consellerías de Facenda e de Medio Rural asinaron o 2 de marzo de 2016 un acordo para xestionar determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Acordo do 2 marzo de 2016 entre a Consellería de Facenda e a Consellería do Medio Rural polo que se encomendan a esta última determinados actos de xestión das listas de contratación temporal de persoal laboral dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

Co obxecto de acadar unha maior eficacia na xestión do persoal temporal correspondente a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga, estas consellerías, ao abeiro do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na disposición adicional do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia,

Acordan:

Cláusula 1.

Encomendar á Consellería do Medio Rural determinados actos de xestión das listas de contratación temporal reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, do persoal laboral da Xunta de Galicia dedicado ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga.

A encomenda abranguerá as seguintes actuacións e terán o alcance que en cada caso se sinala:

a) A organización e realización da proba física a que se deben someter os distintos integrantes das listas.

b) A realización dos chamamentos para a cobertura temporal dos distintos postos de traballo reservados ás categorías de persoal laboral dedicadas ás tarefas de prevención e extinción de incendios forestais e Pladiga, coa utilización da aplicación informática proporcionada pola Dirección Xeral da Función Pública cando este chamamento se realice desde a lista definitiva de admitidos.

Cláusula 2.

A encomenda de xestión non supón a cesión da titularidade das competencias.

Cláusula 3.

A encomenda terá un prazo de vixencia de dous anos a partir da súa publicación. Este prazo poderá ser prorrogado por igual período, por acordo expreso das partes que se publicará antes do remate do seu prazo de vixencia.

Disposición derradeira

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

Valeriano Martínez García

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleiro de Facenda

Conselleira do Medio Rural