Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2016 Páx. 9234

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 1 de marzo de 2016 pola que se designa o órgano estatístico sectorial.

O Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, regula os órganos estatísticos sectoriais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento para a súa designación. No punto primeiro do seu artigo 2 establece que este órgano está integrado por unha ou varias unidades administrativas que se designarán por resolución da persoa titular do departamento en que se integra organicamente.

De conformidade co establecido nos artigos 1, 2, 3 e 7 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro,

DISPOÑO:

Primeiro. Designar o órgano estatístico sectorial da Consellería do Mar, que estará integrado pola unidade administrativa que se especifica a continuación:

a) Posto de traballo: Servizo de Análise e de Rexistros, dependente da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

b) Coordinador ou coordinadora: o funcionario ou funcionaria titular do posto de traballo que se designa.

c) Localización física: dependencias da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

Segundo. Para os efectos do rexistro ao que se refire o artigo 3 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica comunicaralle ao Instituto Galego de Estatística os datos relativos á identidade da persoa que, en cada momento, ocupe o posto de traballo que se identifica no punto primeiro, que se nomeará seguindo os procedementos de provisión establecidos na normativa vixente en materia de función pública.

Terceiro. A presente orde de designación do órgano estatístico sectorial da Consellería do Mar deixa sen efecto a Orde do 5 de xullo de 2010, pola que se designa o órgano estatístico sectorial da Consellería do Mar.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2016

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar