Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 4 de abril de 2016 Páx. 11892

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2016 pola que se convocan para o ano 2016 as subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Esta resolución establece, en réxime de concorrencia competitiva, a convocatoria das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios previsto no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016).

Estas axudas réxense pola Orde do 9 de marzo de 2015, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables a este programa, en atención ao previsto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O informe de avaliación dos edificios, cuxo modelo figura no anexo II do Plan estatal 2013-2016, será obrigatorio para os edificios de tipoloxía residencial colectiva, nos termos establecidos na disposición transitoria segunda del Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e configúrase, ademais, como un requisito necesario para solicitar axudas públicas destinadas a acometer obras de conservación, accesibilidade universal ou eficiencia enerxética en edificios de tipoloxía residencial colectiva dispor deste informe con data anterior á formalización da solicitude das axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co establecido nos artigos 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 12 da citada Orde do 9 de marzo de 2015, a competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e, en consecuencia

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 9 de marzo de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 163, do 6 de abril.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios para a anualidade 2016.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 600.000 €.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no Convenio de colaboración asinado o 5 de setembro de 2014 entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

4. No caso de existiren remanentes na partida orzamentaria, o seu importe poderá reasignarse á concesión de novas subvencións, segundo a orde de prioridade establecida nas bases reguladoras, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as e as agrupacións de comunidades de propietarios/as, legalmente constituídas, así como as persoas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial, que conten co informe de avaliación do edificio na data de presentación da solicitude e que cumpran os demais requisitos sinalados no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, nin a quen se lle revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causas que lle fosen imputables.

Quinto. Contía das subvencións

A axuda consistirá nunha subvención equivalente a unha cantidade máxima de 20 euros por cada unha das vivendas de que conste o edificio e unha cantidade máxima de 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso poida superarse a cantidade de 500 euros, nin o 50 % do custo do informe de avaliación do edificio, excluído o IVE correspondente.

Sexto. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Terán prioridade as solicitudes relativas aos edificios de maior antigüidade.

b) No caso de igual antigüidade, terán preferencia as solicitudes relativas aos edificios con maior número de vivendas.

c) Se persiste o empate, este resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude de subvención, tendo prioridade as de data anterior sobre as posteriores. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude, aquela en que esta quedase validamente presentada, por estar cuberta na forma correcta e levar adxunta a totalidade dos documentos exixidos.

Sétimo. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou o seu representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que se deberán presentar as correspondentes certificacións, nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. A publicación incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Oitavo. Solicitudes de subvención

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I á resolución, debidamente cuberto. Deberase dirixir á Dirección Xeral do IGVS.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se pode utilizar o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

5. Para acreditar a identidade da persoa solicitante ou do seu representante deberán asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que o desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

Noveno. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Documento de identificación fiscal (NIF) da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

c) De ser o caso, copia do DNI ou NIE da persoa representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

d) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as ou da constitución como agrupación de comunidades.

e) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, no cal se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de propietarios/as ou a agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.

f) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.

g) Informe de avaliación do edificio cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, debidamente formalizado e subscrito por técnico/a competente, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cuberto e subscrito por técnico/a competente.

h) Factura de honorarios, orixinal ou copia compulsada, emitida polo/a profesional ou profesionais que redactaron o informe. A factura incluirá o IVE.

i) Documentación xustificativa do gasto realizado mediante as transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 4 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Décimo primeiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. De conformidade co artigo 11 das bases, a instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS. Para a selección das persoas beneficiarias constituirase unha comisión de valoración composta polas persoas sinaladas no artigo 11.2 das bases.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión ou denegación das axudas solicitadas.

Décimo segundo. Procedemento de concesión

1. De acordo co artigo 12 das bases, o procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da presente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo terceiro. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Finalizado o devandito prazo sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra estas resolucións poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo cuarto. Pagamento e xustificación das subvencións

1. De conformidade co artigo 16 das bases, a subvención, unha vez que sexa recoñecida, aboarase nun só pagamento, mediante transferencia bancaria á conta que para o efecto sinale a persoa beneficiaria polo importe que corresponda da factura ou facturas presentadas no momento da solicitude.

2. O gasto realizado xustificarase mediante as transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento do informe de avaliación, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo quinto. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De acordo co artigo 5 das bases, as persoas beneficiarias, ademais de cumpriren coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O IGVS poderá realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Décimo sexto. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Décimo sétimo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a avaliacion.igvs@xunta.es.

Décimo oitavo. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file