Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 4 de abril de 2016 Páx. 11868

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2016 pola que se convocan para o ano 2016 as subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Esta resolución establece, en réxime de concorrencia competitiva, a convocatoria das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria previsto no Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016).

Estas axudas réxense pola Orde do 10 de xullo de 2015, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na cal se establecen as bases reguladoras aplicables a este programa, en atención ao previsto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co establecido nos artigos 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 13 da citada Orde do 10 de xullo de 2015, a competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e, en consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 10 de xullo de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 136, do 21 de xullo.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria para a anualidade 2016.

2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e no equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean finalizados antes de 1981.

b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.

c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.

3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios que, sen cumprir as condicións anteriores:

a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo que xustifiquen a súa inclusión no programa.

b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contados desde a recepción da axuda.

4. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva, a través de convocatoria pública, seguindo a orde de prelación que resulte da valoración prevista nas bases, ata esgotar o crédito dispoñible nesta convocatoria.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria farase efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 2.734.497 €.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia asinado o 5 de setembro de 2014.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Cuarto. Actuacións subvencionables e condicións particulares

Son subvencionables as actuacións dirixidas á conservación, á mellora da calidade e da sustentabilidade, así como á realización de axustes razoables en materia de accesibilidade, nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, contidas no artigo 3 das bases e que, ademais, cumpran as condicións particulares sinaladas no artigo 4 das citadas bases.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas que cumpran os requisitos sinalados no artigo 5 das bases.

2. Cando as persoas beneficiarias sexan persoas físicas, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogara algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa solicitante.

4. Para o caso de que a persoa solicitante sexa unha comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán ser cumpridos polos seus membros.

Sexto. Contía das subvencións

1. A contía máxima das axudas determinarase en función do custo máximo subvencionable da actuación prevista no edificio ou edificios, que comprenderá o custo total das actuacións subvencionables, nos termos previstos no artigo 3 das bases.

2. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o importe de multiplicar 11.000 euros por cada vivenda e por cada 100 m2 de superficie útil de local, ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, e determinarase en función do previsto no artigo 7 das bases.

3. A contía máxima das subvencións que se van conceder por edificio non poderá superar o 35 % do custo subvencionable da actuación. Non obstante, no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, e só na partida correspondente á accesibilidade, poderase chegar ao 50 %.

Sétimo. Criterios de valoración

A avaliación dos expedientes realizarase de acordo cos criterios e puntuacións sinalados no artigo 8 das bases.

Oitavo. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán de achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se for o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente ese consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Noveno. Solicitudes de subvención

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e a clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio da persoa representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

7. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitado ou concedida algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Declaración de que todos os datos da solicitude e nos documentos que se achegan son correctos.

d) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Declaración responsable de que non se lle revogara algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda, por causas imputables á persoa solicitante.

g) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

h) No suposto do punto segundo 3.b) desta resolución, declaración responsable de que o edificio se destinará integramente ao alugamento durante un período de 10 anos.

Décimo. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Para o caso da persoa física solicitante, propietaria única do edificio, deberá xuntar a copia do seu DNI ou NIE, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.

c) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as ou do documento de constitución como agrupación de comunidades de propietarios/as.

d) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, no cal se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do Programa de rehabilitación edificatoria como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.

e) Copia do DNI ou NIE acreditativo da identidade do representante da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

f) Anexo III debidamente cuberto, no cal se relacionan as vivendas e os locais do edificio e demais datos necesarios para a concesión da subvención.

g) Relación das persoas propietarias das vivendas e dos locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación, conforme o anexo IV. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos/as en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e outorgaranse as seguintes autorizacións:

1. Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

2. Autorización para a consulta dos datos de residencia no servizo de verificación de datos de residencia. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite a data da solicitude e as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

3. Autorización para obter por vía telemática as acreditacións relativas ao cumprimento das súas obrigas tributarias e de non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración estatal tributaria, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberanse presentar as copias dos certificados acreditativos destas circunstancias.

h) As solicitudes relativas a obras de conservación deberán achegar o anexo V de declaración responsable da composición da unidade de convivencia, coas seguintes autorizacións:

1. Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar a copia do seu DNI ou NIE.

2. Autorización para a consulta dos datos de residencia no servizo de verificación de datos de residencia. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

3. Autorización para obter por vía telemática as acreditacións relativas ao cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e aos ingresos referidos ao último período impositivo, a non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración estatal tributaria, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non facelo, deberase presentar a copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude, e o certificado das rendas expedido pola Axencia Estatal Tributaria, referidos ao conxunto de membros da unidade de convivencia, e os certificados acreditativos de non ter débedas coas citadas administracións.

No caso de que algún membro da unidade de convivencia non estivese obrigado a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación, emitido pola Axencia Estatal Tributaria. No suposto de que non achegasen o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no dito exercicio, o certificado de pensións, prestacións periódicas, o certificado do Inem e os certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

i) No suposto de que o edificio en que se proxecta realizar actuacións de accesibilidade e/ou mellora da calidade e sustentabilidade teña menos de oito vivendas e non se vaian acometer simultaneamente actuacións en materia de accesibilidade e/ou mellora da calidade e sustentabilidade e obras de conservación, deberase achegar, de ser o caso, conforme o anexo VI, declaración responsable de situación de discapacidade e autorización para comprobar a condición de discapacidade das persoas da unidade de convivencia, no suposto de que a declaración de discapacidade fose emitida por un organismo competente da Xunta de Galicia. Para o suposto de non autorizar a consulta ou no caso de que a declaración de discapacidade non fose emitida por un organismo da Xunta de Galicia, deberase presentar a citada declaración.

k) Informe de avaliación do edificio en formato dixitalizado XML, cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cubertos e subscritos por técnico/a competente e emitidos con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

l) Proxecto ou memoria das actuacións de rehabilitación que se van realizar, redactada por técnico/a competente, agrupando as partidas que se van executar en capítulos, segundo o establecido no artigo 3 das bases. O proxecto ou memoria identificará, ademais, o edificio, así como os datos que se refiren na solicitude, e incluirá fotografías que amosen os elementos que se rehabilitarán.

m) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da resolución da convocatoria.

n) No caso de edificios declarados bens de interese cultural (BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, deberán presentar a documentación xustificativa destas circunstancias.

Décimo primeiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio en que se realicen as actuacións. Para a selección das persoas beneficiarias, constituirase unha comisión de valoración, composta polas persoas sinaladas no artigo 12.2 das bases.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo terceiro. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Unha vez finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación e pagamento das subvencións

1. A persoa beneficiaria comunicará á área provincial do IGVS en que se tramita o expediente o remate das obras nun prazo máximo de 30 días, contados desde a súa finalización ou desde o prazo máximo outorgado para a terminación das obras na resolución de concesión da subvención, conforme o anexo VII desta resolución, e debe xuntar a seguinte documentación:

a) Fotografías que amosen as obras realizadas.

b) Memoria en que se describan as actuacións realizadas e nas cales se xustifique, de ser o caso, o aforro enerxético derivado da actuación.

c) Facturas das persoas provedoras que deberán reflectir de xeito desagregado o seu importe e a súa descrición conforme o anexo VIII.

d) Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas. Non se admitirán pagamentos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da rede internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos de verificación na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) Para o suposto de non ter autorizado o IGVS para a consulta de solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberanse achegar as ditas certificacións de todas as persoas propietarias das vivendas e locais.

f) Licenzas e/ou autorizacións preceptivas.

g) Certificado do inicio das obras, no caso de non ter iniciadas as obras con anterioridade á resolución da convocatoria.

h) Certificado do remate das obras.

i) Nome, enderezo e NIF da empresa que executou as obras.

k) Copia de tres ofertas de diferentes provedores, no suposto de que o importe do custo que se vai executar supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Para o suposto concreto dos edificios destinados integramente a alugamento, documento que acredite a inscrición no Rexistro da Propiedade da carga de destinar cada unha das vivendas do edificio ao alugamento durante 10 anos.

2. O prazo para a xustificación material e documental da finalización das actuacións de rehabilitación será, en todo caso, o 30 de novembro de 2016. Unha vez transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriraa para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

3. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada para o efecto pola persoa beneficiaria.

Décimo sexto. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co artigo 6 das bases, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas beneficiarias.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de propietarios/as e agrupacións de comunidades de propietarios/as, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe desta como o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á dita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as.

Décimo sétimo. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no dito rexistro, así como das posibles sancións que se lle poidan impor.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Décimo oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades. O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: rehabilitacion.igvs@xunta.es.

Décimo noveno. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file