Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 6 de abril de 2016 Páx. 12161

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2016.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, pola que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresa a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas como privadas, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos e, concretamente, a súa conservación, coidado, promoción e difusión, así como velar pola accesibilidade aos documentos custodiados nos arquivos como garante dos dereitos e deberes dos cidadáns e das administracións públicas.

Un elemento fundamental no funcionamento dos arquivos é a cualificación e formación técnica do seu persoal. A existencia de estudos universitarios dedicados a esta especialidade corrobora a súa importancia. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico. Trátase dunha formación titoriada por profesionais con coñecementos e experiencia neste ámbito. Polo seu carácter formativo, é preciso poñer un límite no goce das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posible, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras das concesións destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria correspondente ao programa 2016 de bolsas de formación en arquivos de Galicia.

2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e dos seus fondos documentais. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos a que sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprenderá unha parte teórica impartida polo persoal técnico designado pola Secretaría Xeral de Cultura.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en Historia e/ou Arquivística.

2. Ter acreditado dominio da lingua galega a nivel de iniciación mediante título oficial.

3. Non ter gozado con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas de ningunha bolsa das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a organización e descrición de arquivos galegos.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 5 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración máxima de seis meses (6), contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe total de cento sete mil catro centos seis euros (107.406 €).

4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 4.228,80 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432A.484.0, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais, a razón de 35,24 € por bolseiro/a e mes.

5. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos noventa e cinco euros con cinco céntimos (895.05 €).

6. As bolsas poderán ser prorrogables automaticamente ata outros seis meses (6) en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017.

7. A Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do goce da bolsa nos casos de descanso por maternidade ou paternidade, debidamente acreditadas. O período interrompido poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria por calquera das seguintes vías:

a) Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

b) Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

c) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que presente o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Documentación que hai que presentar:

a) Solicitude segundo modelo que figura como anexo I na convocatoria.

b) Copia do DNI ou equivalente, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

c) Curriculum vitae.

d) Copia do certificado académico do expediente coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

e) Copia da acreditación do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega.

f) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos cales se achegue proba documental.

g) Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou, no caso contrario, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro a que sexa destinado, consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

h) Declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o previsto no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Consentimentos e autorizacións:

a) A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

b) As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento.

6. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

7. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxc-subdireccion-arquivos.cceou@xunta.es

Artigo 5. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1. Titulación académica:

– Especialidade ou orientación universitaria en Arquivística ou Patrimonio Documental: 3 puntos.

– Mestrado en Arquivística: 3 puntos.

2. Formación complementaria:

a) Cursos de Arquivística, Diplomática, Paleografía, Historia das Institucións e Informática aplicada aos arquivos organizados por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de arquiveiros:

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 por curso ata un máximo de 0,75 puntos.

b) Congresos, xornadas e seminarios:

– Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de Arquivística, Diplomática, Paleografía ou Historia das Institucións: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50 puntos.

Dos cursos e congresos non específicos que se acrediten deberán xuntarse os seus correspondentes programas.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas, nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

3. Formación en lingua galega:

– Curso de perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

En caso de empate terase en conta a nota media do expediente académico.

Artigo 6. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar os solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, aos cales se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa solicitude, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos, que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión realizará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Secretaría Xeral de Cultura, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 7. Resolución e recursos

1. A Secretaría Xeral de Cultura elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva á/ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. A/O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas. Ademais, poderá designar os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se poida formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. Esa resolución, así como os actos que se deban notificar de forma conxunta a todos os interesados e, en particular, os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais, e nos outros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso. Esta publicación substitúe a notificación persoal e produce os mesmos efectos.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.

Artigo 8. Publicidade

1. A resolución farase pública, para os efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas xefaturas territoriais.

Así mesmo, e para os efectos simplemente informativos, esta resolución publicarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figure na convocatoria.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 9. Aceptación das bolsas

1. Os bolseiros que resulten adxudicatarios dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan acaecer.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes ao da publicación de resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos das súas xefaturas territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Secretaría Xeral de Cultura a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Secretaría Xeral de Cultura chamará suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 10. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación e repartirase en seis (6) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura e unha vez que o beneficiario teña presentada a documentación fixada no artigo 11.d).

2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11. Obrigas dos bolseiros

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os bolseiros seleccionados quedan obrigados a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Secretaría Xeral de Cultura. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, memoria explicativa de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa.

e) Os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 12. Carácter das bolsas

1. Por petición dos/as interesados/as, ao remate da bolsa, a Secretaría Xeral de Cultura, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e da entrega dos informes e memorias da actividade realizada, expedirá certificación acreditativa desta.

2. A condición de bolseiro non supón en ningún caso prestación de servizos, nin relación laboral ou funcionarial coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non asume compromiso ningún para a incorporación do bolseiro ao seu cadro de persoal unha vez finalizada a bolsa.

3. A inclusión dos bolseiros no réxime xeral da Seguridade Social rexerase polo disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

4. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, os/as bolseiros/as deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do centro onde estiveron destinados.

Artigo 13. Devolución e expurgo das solicitudes

Unha vez rematado o período de goce da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, eliminarase a documentación non recollida.

Artigo 14. Renuncias, revogación e reintegros de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o goce desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Secretaría Xeral de Cultura, polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Réxime xurídico

Para todas aquelas cuestións non previstas nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase ao secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file