Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 6 de abril de 2016 Páx. 12177

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 15 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2016.

BDNS (Identif.): 302983

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Licenciados universitarios ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Acreditación de dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial.

3. Non ter gozado de ningunha bolsa convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a organización e descrición de arquivos galegos.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar bolsas de formación en arquivos.

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e dos seus fondos documentais. Os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 111.634,48 euros, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

• 10.20.432A.480.1: 107.406 euros.

• 10.20.432A.484.0: 4.228,80 euros.

Número de bolsas: 20.

Duración máxima: 6 meses. Poderanse prorrogar ata outros seis meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017.

Importe bruto mensual de cada bolsa: 895,05 euros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 35,24 euros por bolseiro/a e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria