Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 7 de abril de 2016 Páx. 12267

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 36/2016, do 23 de marzo, polo que se regula a inspección no ámbito universitario na Comunidade Autónoma de Galicia.

Índice

Capítulo I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto de inspección universitaria

Artigo 2. Ámbito e alcance da actividade de inspección universitaria

Artigo 3. Principios de actuación

Artigo 4. Competencia da inspección universitaria

Artigo 5. Colaboración coa actividade inspectora

Artigo 6. Obrigas das institucións e entidades inspeccionadas

Artigo 7. Suxeitos responsables administrativamente

Artigo 8. Confidencialidade

Capítulo II. Da inspección universitaria

Artigo 9. Persoal do equipo de inspección universitaria e prerrogativas

Artigo 10. Funcións e competencias do equipo de inspección universitaria

Artigo 11. Funcións do/da xefe/a de equipo da inspección universitaria

Artigo 12. Facultades da inspección universitaria

Artigo 13. Obrigas do persoal inspector

Artigo 14. Acreditación das persoas inspectoras

Artigo 15. Incompatibilidades, abstención e recusación das persoas inspectoras

Capítulo III. Do procedemento e da documentación da actuación da inspección universitaria

Artigo 16. Técnicas de actuación inspectora

Artigo 17. Inicio da actuación da inspección universitaria

Artigo 18. Medios para a realización da actuación inspectora

Artigo 19. Comunicacións

Artigo 20. Visita de inspección con notificación previa

Artigo 21. Visita de inspección sen notificación previa

Artigo 22. Desenvolvemento da visita de inspección

Artigo 23. Actas de inspección

Artigo 24. Contido das actas

Artigo 25. Formalización da acta

Artigo 26. Requirimentos

Artigo 27. Incorporación dos medios de proba e alegacións á acta

Artigo 28. Informes

Artigo 29. Memoria anual de inspección

Artigo 30. Rexistro das actuacións

Artigo 31. Medidas de carácter provisorio

Capítulo IV. Do procedemento sancionador

Artigo 32. Inicio da instrución do expediente

Artigo 33. Tramitación

Artigo 34. Proposta de resolución

Artigo 35. Resolución

Artigo 36. Normativa aplicable

Disposición adicional única. Atribución de funcións

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Anexo.

A Constitución española, no seu artigo 27.8, establece que os poderes públicos inspeccionarán e homologarán o sistema educativo para garantir o cumprimento da lexislación vixente.

De acordo co establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas de desenvolvemento.

Así mesmo, regúlase no artigo 37.3 que as competencias de execución na Comunidade Autónoma levan implícitas a correspondente potestade regulamentaria, a administración e a inspección. Esta competencia desenvólvese nos termos previstos no Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e institucións e medios persoais, materiais e orzamentarios en materia universitaria.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu capítulo VI do título I (artigos 37 a 52), regula a necesidade dun servizo de control de centros e ensinanzas universitarias. No citado capítulo tipifícanse as infraccións e sancións en relación coas materias reguladas no dito título e establécese o procedemento sancionador aplicable.

Este decreto xustifícase na necesidade de creación dun equipo de inspección universitario que contribúa a acadar un ensino universitario de calidade, respectando os principios de responsabilidade, eficacia e eficiencia nun esforzo conxunto de traballo entre a Administración e as universidades e todo iso en desenvolvemento do mandato legal.

No capítulo III do título III (artigos 71 a 73) da mesma lei, referente á inspección universitaria, e sen prexuízo das actividades inspectoras universitarias e da alta inspección que corresponden ao Estado, establécese que a consellería competente en materia universitaria exercerá a inspección das institucións e centros que desenvolvan a súa actividade educativa no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este decreto procédese ao desenvolvemento do exercicio das funcións de inspección no ámbito universitario previamente recollidas na Lei 6/2013, do 13 de xuño, que se confiren ao departamento competente en materia universitaria. Desta forma, prevese a participación do funcionariado previamente habilitado para o efecto, e a posibilidade de adopción de medidas de carácter provisorio no caso de que se apreciase a existencia de risco inminente ou prexuízo grave que afecte o alumnado matriculado ou potencial ou no caso do menoscabo dos requisitos legais establecidos na Lei 6/2013, do 13 de xuño, ou que supoñan un prexuízo grave de difícil reparación.

Nos últimos anos, vénse apreciando na Comunidade Autónoma unha proliferación de institucións e centros que teñen cabida no concepto do Espazo Europeo de Educación Superior. Por iso, é necesario ter clara a distinción entre aquelas ensinanzas de educación superior de índole universitaria, por ser impartidas por universidades ou centros adscritos, respecto daqueloutras que, aínda sendo superiores, son impartidas por centros non universitarios. Debe incidirse, sobre todo, na publicidade que se poida facer delas, coa finalidade de que o alumnado potencial coñeza, con precisión, o tipo de formación que estea a cursar en cada momento.

Coa regulación do labor de inspección universitaria preténdese acadar o respecto dos dereitos e dos intereses do estudantado, así como das institucións que prestan un servizo regularizado e legal en favor dunha mellor oferta formativa, do progreso e do desenvolvemento da educación superior universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Ao mesmo tempo, preténdese combater a impartición de estudos universitarios sen contar coa preceptiva autorización ou a impartición de titulacións por institucións que carezan da debida autorización universitaria.

A inspección configúrase como un instrumento adecuado e relevante para verificar e controlar o cumprimento das obrigas impostas pola normativa aplicable. Tamén se prevé a posibilidade de asesorar e informar os inspeccionados coa finalidade de favorecer o correcto cumprimento dos seus deberes e mellorar calquera aspecto da súa actividade en beneficio das persoas usuarias.

Por outra banda, procúrase o establecemento dun marco de actuación no cal a función de inspección en materia universitaria actuará de acordo cos principios de legalidade, con obxectividade na constatación dos feitos, proporcionalidade na tipificación das irregularidades, de ser o caso, cometidas, e con eficacia na tramitación do procedemento.

Por último, a función inspectora regulada no presente decreto artéllase á marxe da que, segundo o principio de autonomía universitaria, lle corresponde ás universidades, sen prexuízo do labor de cooperación e colaboración entre os órganos de inspección autonómicos e universitarios, e poderase atender aos eventuais requirimentos para efectuar labores inspectoras concretas por parte dos órganos autonómicos con competencia en materia de inspección de universidades.

O presente decreto consta de trinta e seis artigos divididos en catro capítulos, unha disposición adicional, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

O capítulo I recolle as disposicións xerais que regulan o obxecto da inspección universitaria; o ámbito e alcance da actividade de inspección; os principios de actuación; as competencias de inspección universitaria; a colaboración e as obrigas das institucións e entidades inspeccionadas e a confidencialidade.

O capítulo II, referido á inspección universitaria, regula as funcións e facultades desta; as prerrogativas do persoal inspector; a acreditación das persoas inspectoras e as obrigas e incompatibilidades destas. Prevese a creación dun equipo de inspección universitaria integrado por persoal funcionario público de carreira pertencente aos grupos A1 e A2 previamente habilitado e acreditado para o exercicio das funcións de inspección, con suxeición expresa á normativa reguladora do procedemento administrativo común e á normativa reguladora de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

O capítulo III regula o procedemento e a documentación da actuación inspectora, así como as medidas provisorias que se deberán adoptar en cada circunstancia.

O capítulo IV fai referencia ao procedemento sancionador especificando o órgano competente na tramitación e resolución da instrución do expediente sancionador.

Xúntase no anexo o modelo de acta que deberá ser empregada no exercicio da actividade inspectora e que debe ser asinada polas partes intervenientes.

Sobre este decreto emitiu informe favorable o Pleno do Consello Galego de Universidades, en sesión do 13 de outubro de 2015.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de marzo de dous mil dezaseis

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da inspección universitaria

A actividade inspectora universitaria ten por obxecto verificar o cumprimento dos requisitos que establece a normativa vixente en materia de universidades mediante o exercicio das funcións de control e supervisión dos dereitos dos axentes que interveñen na educación superior universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de garantir o cumprimento efectivo das disposicións contidas na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Ámbito e alcance da actividade de inspección universitaria

1. O ámbito de actuación da actividade de inspección universitaria regulada neste decreto alcanzará universidades, centros universitarios, centros adscritos, centros estranxeiros e/ou institucións que desenvolvan actividade educativa de carácter universitario no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as disposicións deste decreto serán de aplicación a aquelas institucións, empresas ou centros non autorizados para impartir ensinanza universitaria e que pola súa actividade induzan á confusión coa actividade universitaria.

2. A inspección universitaria desenvolverá a súa actuación atendendo a aqueles comportamentos que poidan dar lugar á revogación dos actos previos correspondentes á aprobación, adscrición, integración ou autorización de centros e titulacións, ou daquelas institucións ou empresas que, sen teren autorización previa por parte da Administración autonómica, desenvolvan actividades de carácter universitario.

Artigo 3. Principios de actuación

As actividades de control e inspección universitaria realizaranse con observancia dos principios de legalidade, obxectividade, proporcionalidade, coordinación e eficacia.

Artigo 4. Competencia da inspección universitaria

En aplicación do establecido no artigo 71 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, na consellería competente en materia de universidades crearase un equipo de inspección universitaria que realizará as funcións propias da inspección nos centros e institucións que desenvolvan a súa actividade educativa de carácter universitario no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Colaboración coa actividade inspectora

De acordo co principio de colaboración mutua, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades instrumentais do sector público autonómico, universidades, institucións e empresas, así como calquera outra persoa física ou xurídica deberán facilitar e comunicar os datos que resulten relevantes e necesarios para o desenvolvemento da actividade inspectora. En todo caso, respectarase o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, e no regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Artigo 6. Obrigas das institucións e entidades inspeccionadas

1. As persoas físicas ou xurídicas inspeccionadas ou quen as represente, por requirimento dos órganos competentes en materia de universidades ou do persoal que realice as actividades de inspección, estarán obrigadas a:

a) Facilitar á inspección universitaria o acceso ás dependencias e instalacións en que se desenvolvan as actividades obxecto de investigación.

b) Posibilitar o exame dos documentos, libros e rexistros directamente relacionados coa vixilancia e a comprobación do cumprimento das obrigas legais en materia de universidades.

c) Facilitar a obtención de copia ou a reprodución da dita documentación.

d) Consentir a realización das visitas de inspección e dar toda clase de facilidades para levar a cabo a dita función e colaborar en todas as actuacións sen obstaculizar o labor inspector.

2. Calquera declaración ou documentación que se achegue por requirimento da Administración ou espontaneamente deberá ser asinada pola persoa que poida asumir a representación suficiente da institución ou empresa.

3. Os actos ou feitos constatados na inspección reflectiranse nunha acta normalizada.

Artigo 7. Suxeitos responsables administrativamente

1. Segundo se recolle no artigo 38 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, serán suxeitos responsables administrativamente as persoas físicas ou xurídicas que incorran en accións ou omisións tipificadas como infraccións na citada lei.

2. Cando a comisión das infraccións tipificadas na dita lei sexa atribuíble a varias persoas físicas e/ou xurídicas, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan. As persoas que exerzan nunha entidade cargos de administración ou dirección serán responsables das infraccións cando estas sexan imputables á súa conduta dolosa ou neglixente.

Artigo 8. Confidencialidade

1. As tarefas, actividades e actos que realice o persoal do equipo de inspección, no desempeño das súas funcións, teñen carácter confidencial e vinculan a todas as persoas ou órganos que sexan parte da actuación. A información recibida como consecuencia das actuacións levadas a cabo polo equipo de inspección universitaria estará sometida ao deber de sixilo, sen prexuízo do disposto nas leis sobre a denuncia dos feitos que puideran ser constitutivos de delito. Manterase a privacidade da persoa denunciante sempre e cando esta poida estar en inferioridade de condicións ou poida ser prexudicada por denunciar un feito que lle atinxe.

2. As persoas funcionarias habilitadas para realizar funcións de inspección universitaria están obrigadas de modo estrito a cumprir o deber de segredo profesional dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo, así como sobre os datos, informes, orixe das denuncias ou antecedentes de que teñan coñecemento no desempeño das súas funcións.

3. A documentación e os datos obtidos polo persoal da inspección universitaria no exercicio das súas funcións de investigación e control teñen carácter reservado e unicamente poden utilizarse para a finalidade da actuación inspectora. Polo tanto, queda expresamente prohibida a cesión ou a comunicación a terceiras persoas, agás que unha norma con rango de lei obrigue a comunicar os feitos que poñan de relevo indicios de infraccións penais ou administrativas noutras materias.

CAPÍTULO II
Da inspección universitaria

Artigo 9. Persoal do equipo de inspección universitaria e prerrogativas

1. O equipo de inspección universitaria estará integrado por persoal funcionario de carreira pertencente aos grupos A1 e A2, dependente da consellería competente en materia universitaria, aos cales se lles recoñece a condición de axentes da autoridade, e desfrutarán, como tales, da protección e facultades que a estes lles dispensa a normativa vixente.

2. O persoal do equipo de inspección universitaria estará habilitado para o exercicio das funcións de inspección e deberá ser dotado da correspondente acreditación, que exhibirá no exercicio das súas funcións.

3. A asistencia letrada ao dito persoal da inspección universitaria prestarase de conformidade co disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Funcións e competencias do equipo de inspección universitaria

As áreas de interese prioritario das funcións da inspección en materia universitaria serán as seguintes:

a) A comprobación, supervisión e control do cumprimento das disposicións e normativa vixente en materia de estudos universitarios.

b) A prevención e impedimento das actividades non autorizadas.

c) A emisión dos informes técnicos que solicite a Administración autonómica.

d) O asesoramento ao departamento competente en materia de universidades en todo o relacionado co desenvolvemento do seu labor inspector.

e) A supervisión do cumprimento dos requisitos, condicións e compromisos establecidos para a creación ou recoñecemento de universidades e centros, ou para a súa adscrición ou integración, así como a supervisión da autorización de impartición de ensinanzas, en especial das que o sexan conforme sistemas educativos estranxeiros.

f) A comprobación da utilización do termo de universidade, ou as propias dos centros, ensinanzas, títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional ou títulos universitarios non oficiais, evitando o emprego de denominacións que poidan inducir a confusión.

g) A atención ás denuncias de impartición de ensinanzas para a obtención doutros títulos aos cales se dea a cualificación de universitarios, por centros que non estean debidamente autorizados.

h) A procura do respecto polas regras sobre publicidade de universidades, centros, títulos e ensinanzas a que se refire a lexislación vixente en materia de universidades.

i) Aqueloutras funcións establecidas legal ou regulamentariamente.

Artigo 11. Funcións do/da xefe/a de equipo da inspección universitaria

1. Ao xefe ou á xefa de equipo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Dirixir, coordinar e supervisar a actuación do equipo.

b) Informar a persoa titular da unidade administrativa de que dependa das cuestións que sexan da competencia en materia de inspección universitaria. Pór no seu coñecemento calquera incumprimento da lexislación vixente, aínda cando non fosen obxecto específico das súas actuacións. Neste caso, deberá levar a cabo as actuacións que procedan, e presentarase un informe e o procedemento de actuación pertinente.

c) Observar, verificar e constatar o cumprimento das disposicións legais e regulamentarias en materia de control de centros, ensinanzas e titulacións universitarias.

d) Investigar e comprobar os feitos de que teña coñecemento por presuntas infraccións ou irregularidades en materia universitaria.

e) Asesorar os centros, universidades e institucións que así o requiran sobre temas lexislativos da súa competencia, como persoa encargada da inspección universitaria.

f) Asistir a cantas reunións técnicas sexa convocado/a en calidade de persoa responsable da súa área funcional.

g) Coordinar e cooperar cos diferentes centros que impartan estudos universitarios cando así sexa necesario para acadar obxectivos comúns.

h) Recepción e distribución de documentos.

i) Custodiar os expedientes e documentos do equipo e velar pola súa confidencialidade.

j) Elaborar informes, memorias, comunicacións, etc., así como a sinatura dos actos da súa competencia.

k) Elaborar propostas de procedementos nas materias propias da súa competencia.

l) Proporlles aos órganos competentes a adopción das medidas cautelares que sexan adecuadas ás irregularidades constatadas, se se apreciase existencia de circunstancias graves que poidan supor un prexuízo grave ou de difícil reparación.

m) Calquera outra tarefa de carácter administrativo afín que poida serlle encomendada por razón das competencias que ten asignadas.

2. O/a xefe/a de equipo poderá delegar as funcións antes mencionadas nos compoñentes do equipo de inspección universitaria cando así o considere oportuno.

Artigo 12. Facultades da inspección universitaria

1. Para o cumprimento das súas funcións e respectando as previsións da normativa reguladora do procedemento administrativo común, o persoal que realice as actividades de inspección en materia universitaria terá as seguintes facultades:

a) Acceder, en calquera momento, ás instalacións obxecto de control e inspección universitaria.

b) Requirir a comparecencia da persoa titular ou das persoas responsables da institución ou empresa onde se realice a actividade durante o tempo que resulte preciso para o desenvolvemento das súas actuacións.

c) Requirir información e colaboración á persoa titular ou ás persoas responsables da institución ou empresa onde se realice a actividade sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa en materia universitaria.

d) Requirirlle á persoa inspeccionada a exhibición ou achega de cantos datos e/ou documentos, libros e/ou rexistros directamente relacionados coa comprobación do cumprimento legal en materia universitaria, así como da documentación que sirva de xustificación das actividades efectuadas.

e) Velar polo cumprimento da normativa en materia universitaria.

f) Advertir as persoas inspeccionadas das irregularidades detectadas e requirirlles para que as emenden e se adecuen á normativa en vigor.

g) Demandar, cando sexa preciso, a colaboración do persoal e dos servizos dependentes doutras administracións públicas.

h) Proporlle á persoa titular da consellería competente en materia universitaria a adopción das medidas cautelares nos supostos previstos no artigo 31 deste decreto.

2. No caso de apreciar indicios de irregularidades o persoal da inspección poderá acceder a calquera lugar ou recinto do centro, aínda que non estean abertos ao público en xeral, sen prexuízo da necesidade de contar co consentimento da persoa afectada ou con autorización xudicial.

3. O persoal inspector poderá obter unha copia ou reprodución da documentación a que se refire o número 1.d) do presente artigo para incorporala aos informes de inspección.

Artigo 13. Obrigas do persoal inspector

Para o exercicio das funcións de inspección universitaria o persoal funcionario habilitado está obrigado a:

a) Exhibir a credencial acreditativa da súa identidade e condición no exercicio da actividade de inspección.

b) Velar para que a actividade de inspección non restrinxa ou moleste de forma inxustificada o desenvolvemento normal da actividade da entidade obxecto da inspección.

c) Preservar a confidencialidade dos datos ou informacións de que teña coñecemento en cumprimento da súa función.

d) Comunicarlle á persoa titular da unidade administrativa de que dependa o resultado das actuacións realizadas, as actas de inspección emitidas e os informes elaborados.

Artigo 14. Acreditación das persoas inspectoras

1. As persoas inspectoras en materia universitaria irán provistas da tarxeta acreditativa expedida pola unidade correspondente da consellería competente en materia universitaria. O contido, o formato e as características da credencial serán as establecidas na Orde do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de identificación especial de empregados públicos do sector autonómico.

2. Para poder acceder ás oficinas, instalacións e edificios o persoal inspector deberá exhibir a credencial acreditativa.

3. A credencial é un documento persoal e intransferible de identificación que garante, aos suxeitos obxecto de inspección, que a información obtida ten como único destino o propio da función inspectora.

4. A persoa titular da credencial deberá devolvela no momento en que deixe de estar adscrita a un posto da inspección en materia universitaria.

Artigo 15. Incompatibilidades, abstención e recusación das persoas inspectoras

1. As persoas funcionarias da inspección universitaria quedan afectadas polo réxime xeral de incompatibilidades da función pública, de acordo co establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

2. As persoas funcionarias a que se refire o número 1 deberán absterse de intervir en actuacións inspectoras cando concorra calquera dos motivos a que se refire a normativa reguladora do procedemento administrativo común. No caso de que concorra algunha das circunstancias previstas no dito precepto e o persoal inspector non se absteña, as persoas interesadas poden promover a súa recusación.

CAPÍTULO III
Do procedemento e da documentación da actuación
da inspección universitaria

Artigo 16. Técnicas de actuación inspectora

1. A actuación inspectora abranguerá a realización de verificacións presenciais de todo tipo de expedientes, informes, documentos e actuacións; o contraste ou análise da información dispoñible nos sistemas informatizados ou convencionais; o establecemento de mecanismos de control e a realización de estudos estatísticos e o desenvolvemento de entrevistas persoais.

2. O persoal inspector efectuará as probas e actuacións que considere necesarias para clarexar totalmente os feitos e determinar posibles responsabilidades administrativas.

Artigo 17. Inicio da actuación da inspección universitaria

A actuación da inspección universitaria levarase a cabo por:

a) Iniciativa do departamento responsable do labor de inspección, no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa.

b) Orde motivada da persoa titular do departamento competente en materia de universidades no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa, ou por petición razoada doutros órganos administrativos que, tendo coñecemento de condutas ou feitos que poidan xustificar o inicio da actividade inspectora, non teñan competencias nesta materia.

c) Denuncias ou queixas recibidas de persoas ou institucións integrantes ou alleas á comunidade universitaria, así como consecuencia dos informes remitidos polos departamentos da Xunta de Galicia ou outras institucións, en función das súas competencias, sobre posibles irregularidades cometidas.

Artigo 18. Medios para a realización da actuación inspectora

O persoal funcionario habilitado para a actuación inspectora universitaria levará a cabo a súa función mediante:

a) Visitas aos centros obxecto da inspección, que poderán realizarse con ou sen notificación previa.

b) Requirimentos para que as persoas responsables das actividades, centros e instalacións inspeccionadas acheguen canta documentación sexa precisa para realizar a función inspectora, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

c) Calquera outro medio, legalmente admitido, que se considere idóneo para a comprobación dos feitos presuntamente constitutivos de infracción.

Artigo 19. Comunicacións

1. As comunicacións son os documentos mediante os cales o persoal da inspección universitaria se relaciona con calquera persoa física ou xurídica no exercicio das súas funcións.

2. O persoal da inspección universitaria poderá pór en coñecemento das persoas interesadas actuacións, feitos e circunstancias, así como realizar as citacións ou requirimentos que procedan.

3. Unha vez asinadas polo persoal da inspección universitaria actuante, as comunicacións notificaránselles ás persoas interesadas na forma prevista na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou mediante a utilización de medios electrónicos ao abeiro do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 20. Visita de inspección con notificación previa

1. O persoal inspector poderá requirir que as persoas titulares de institucións ou empresas ou quen as represente comparezan no centro onde se desenvolvan as actividades suxeitas a inspección, para achegar a documentación e información precisa ou para subscribir as actas.

2. Na notificación previa, que se efectuará por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción e contido, farase constar:

a) O lugar, a data e a hora da comparecencia fixados pola persoa inspectora, procurando a compatibilidade coas obrigas laborais ou profesionais da persoa citada, sen menoscabo do labor inspector.

b) A advertencia de que a non comparecencia da persoa interesada, sen causa xustificada, se entenderá como infracción grave tipificada no artigo 41.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, como impedimento, obstrución ou coacción ao labor da inspección universitaria.

3. As persoas interesadas poderán acudir ás comparecencias acompañadas do persoal de asesoramento que consideren procedente, que deberá identificarse para a súa constancia na acta.

Artigo 21. Visita de inspección sen notificación previa

1. Logo de acordo da persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia universitaria e á vista dos indicios de irregularidades establecidas na Lei 6/2013, do 13 de xuño, o persoal do equipo de inspección poderá presentarse nos locais ou instalacións, sen notificación previa, para a obtención de probas.

En todo caso, o persoal habilitado con funcións de inspección universitaria deberá mostrar a credencial correspondente de identificación da súa condición para poder exercer as súas funcións.

2. Para estes efectos, as persoas inspectoras terán a facultade de acceder libremente ás instalacións ou locais obxecto de inspección, sen prexuízo do disposto no artigo 8 referente á confidencialidade e ao segredo profesional.

3. O persoal funcionario habilitado con funcións de inspección universitaria, durante a realización da visita de inspección, poderá ir acompañado dos/das técnicos/as especialistas na materia.

Artigo 22. Desenvolvemento da visita de inspección

1. Durante a visita as persoas inspectoras poderán:

a) Inspeccionar o centro ou instalación onde se realizan as actividades levando a cabo as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Exixir a presentación de documentación, libros e rexistros directamente relacionados coa comprobación do cumprimento das obrigas legais en materia universitaria, co fin de examinalos e obter as copias ou reproducións necesarias.

c) Solicitar información, datos ou antecedentes da persoa titular, responsable ou representante da institucións ou empresa obxecto da inspección.

d) Realizar medicións, copias ou fotografías, así como practicar calquera outra proba polos medios legais permitidos.

e) Requirir a comparecencia da persoa titular ou das persoas responsables da institución ou empresa onde se realiza a actividade, ou de quen a represente. De non estar presente, o persoal funcionario que realice a inspección deixará constancia de tal feito e entregará o requirimento á persoa que estea presente e previamente identificada, advertindo de que no primeiro día hábil seguinte se procederá a realizar a inspección.

f) Levar a cabo as actuacións que sexan precisas para o cumprimento das funcións de inspección.

2. As actuacións de inspección poderanse realizar nun ou en varios actos, xa se trate de visitas, peticións de informes ou calquera outra actividade de estudo ou análise.

3. Ao finalizar a visita de inspección levantarase a acta e entregarase copia desta á persoa presente durante a inspección. Esta acta deberá formar parte do informe de inspección e asinaraa a persoa inspectora e a persoa presente na visita en representación da institución ou empresa.

4. No caso de que esta última se negue a asinala, a persoa inspectora deberá reflectir este feito na acta. Así mesmo, no caso de que se negue a recibir a acta o persoal inspector farao constar expresamente.

Artigo 23. Actas de inspección

1. As actas de inspección acreditarán a veracidade dos feitos susceptibles de percepción obxectiva polo persoal que realiza a inspección ou dos que resulten acreditados por medios de proba na propia acta, agás que da valoración conxunta das probas presentadas resulte o contrario.

2. As actas expedidas terán natureza de documento público e valor probatorio dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario, e producirá todos os seus efectos sempre que reúna os requisitos exixidos neste decreto.

Artigo 24. Contido das actas

1. O persoal da inspección universitaria redactará as actas segundo modelo normalizado que figura no anexo deste decreto.

2. Nas actas de inspección farase constar:

a) Lugar, data e hora da súa formalización.

b) Nome, apelidos e número de documento nacional de identidade ou pasaporte da persoa con que se entendan as actuacións e o carácter ou representación con que intervén.

c) Nome e apelidos ou, se for o caso, a denominación social completa da persoa titular e o seu número de identificación fiscal.

d) Identificación da persoa representante da institución ou entidade obxecto da inspección.

e) Constatación de feitos, medios empregados para o seu esclarecemento ou omisións en que se fundamente o levantamento da acta, así como calquera outra circunstancia ou aclaración que a persoa inspectora considere oportuna.

f) Descrición das presuntas infraccións cometidas, e faranse constar os preceptos que se consideren vulnerados.

g) Referencia das accións verificadas que permitan a observación dunha conduta colaboradora e vontade de reparación das irregularidades detectadas.

h) Cantas alegacións ou aclaracións fagan as persoas inspeccionadas en defensa dos seus intereses, así como cantos documentos ou medios de proba poidan achegar.

3. Cando da inspección realizada derivasen simples inobservancias de esixencias ou requisitos facilmente emendables, das cales non deriven danos ou perdas para os/as estudantes, persoas matriculadas ou usuarios/as, a inspección universitaria poderá formularlle á persoa titular ou representante do centro os requirimentos que considere oportunos, no mesmo acto. Neste caso, deberán consignarse na acta os aspectos susceptibles de emenda, a normativa omitida e acreditar o seu cumprimento no prazo de 15 días.

4. Cando a parte inspeccionada non facilite os datos recollidos na letra d) considerarase un acto de obstrución e impedimento do labor de inspección universitaria, recollido no artigo 41.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, tipificada como infracción grave e a acta será válida.

Artigo 25. Formalización da acta

1. Concluída a visita de inspección, levantarase a acta nos termos establecidos no artigo 24. A acta será asinada por ambas as dúas partes. Cando a persoa titular ou representante autorizada se negue a asinala, farase constar esta circunstancia na propia acta, e especificaranse os motivos, se os houbese. A falta desta sinatura non exonerará da posible responsabilidade nin destruirá a presunción de veracidade do seu contido, sen prexuízo de proba en contra. Así mesmo, farase constar na acta a negativa na súa recepción.

2. A sinatura da acta acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún caso implicará o recoñecemento das presuntas irregularidades descritas nela nin a aceptación das responsabilidades que deriven, agás cando así o recoñeza expresamente a persoa interesada.

3. As actas poden redactarse en calquera soporte que permita deixar constancia das actuacións levadas a cabo na visita de inspección, coas condicións e os requisitos exixidos segundo o modelo que figura como anexo deste decreto.

Artigo 26. Requirimentos

1. No exercicio das súas funcións o persoal inspector universitario poderá requirirlle á persoa titular, responsable da institución ou empresa, toda clase de información e documentación que sexa relevante para determinar, de ser o caso, a existencia de responsabilidades susceptibles de sanción. O incumprimento desta obriga entenderase como obstrución do labor da inspección universitaria, prevista no artigo 41.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño.

2. O requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas, e fixarase o prazo de 15 días para a súa emenda.

3. Os requirimentos solicitaranse por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción e contido.

Artigo 27. Incorporación dos medios de proba e alegacións á acta

1. As actas da inspección poderán incorporar, nun anexo, os medios de proba e documentos necesarios para acreditar os feitos investigados, así como as alegacións á acta.

2. Todo medio de proba incorporado á acta de inspección no momento do seu levantamento deberá asinalo a persoa inspectora actuante e a persoa con que se entenden as actuacións. Se esta se nega a asinar, farase constar tal circunstancia na acta de inspección.

Artigo 28. Informes

1. Os informes de inspección elaboraranse como consecuencia das actuacións inspectoras. Neles faranse constar:

a) Lugar e data de expedición.

b) Denominación do centro/institución/actividade obxecto da inspección.

c) Identificación da persoa representante do centro, á cal se dirixan as actuacións, así como o carácter con que intervén.

d) Antecedentes ou feitos verificados.

e) Feitos ou circunstancias obxecto do informe.

f) Fundamentos xurídicos.

g) Conclusións.

h) Conformidade ou desconformidade legal derivada das actuacións realizadas pola inspección.

i) Identificación e sinatura do persoal da inspección universitaria actuante que subscriba o informe.

2. Os feitos constatados polo persoal da inspección universitaria e recollidos nos informes de inspección teñen valor probatorio.

3. O persoal da inspección universitaria poderá emitir informes de oficio, por petición das persoas instrutoras dos procedementos sancionadores ou por orde superior.

4. Os informes da inspección deberán recoller nun anexo a acta a documentación necesaria para acreditar os feitos constatados, en calquera soporte que deixe constancia deles.

5. Se á vista do informe non se aprecia incumprimento da normativa vixente, procederase ao arquivamento do expediente. No caso de que do informe de inspección deriven incumprimentos legais, proporase a iniciación dun expediente sancionador.

Artigo 29. Memoria anual de inspección

1. Nos tres primeiros meses do ano, o/a xefe/a do equipo de inspección universitaria presentará un documento que conterá a memoria anual de inspección do ano anterior, no cal exporá un resumo da actividade desenvolvida ao longo do ano para os efectos estatísticos e informativos.

2. Neste documento recolleranse:

– As actuacións inspectoras realizadas.

– Os resultados das actuacións.

– O grao de cumprimento.

– Outras actividades desenvolvidas.

– Conclusións.

3. A memoria anual de inspección deberá contar coa aprobación da persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia universitaria.

Artigo 30. Rexistro das actuacións

As persoas funcionarias, habilitadas con funcións de inspección universitaria, rexistrarán detalladamente as súas actuacións para o seu control. Especialmente, faranse constar as datas das actuacións, a empresa, institución e/ou actividade inspeccionada, así como outras circunstancias que consideren de interese. No suposto de que exista tratamento de datos de carácter persoal, deberá respectarse a normativa en materia de protección de datos.

Artigo 31. Medidas de carácter provisorio

1. No caso de apreciarse unha situación de risco inminente ou prexuízo grave para as persoas usuarias, a persoa titular da consellería competente en materia universitaria poderá adoptar medidas de carácter provisorio consistentes no peche do centro onde se imparte a docencia, a retirada da publicidade enganosa, a suspensión da actividade exercida ou deixar de empregar denominacións reservadas legalmente a universidades, centros, titulacións ou ensinanzas, sen prexuízo das accións legais de que podan ser responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do centro.

2. Dentro dos 15 días seguintes á adopción das medidas de carácter provisorio, o órgano competente adoptará o acordo de iniciación do procedemento sancionador, que deberá pronunciarse expresamente sobre a confirmación, modificación ou levantamento daquelas. Transcorrido este prazo sen iniciarse o procedemento sancionador ou en caso de que o acordo de inicio non conteña un pronunciamento expreso, as medidas provisorias quedarán sen efecto.

CAPÍTULO IV
Do procedemento sancionador

Artigo 32. Inicio da instrución do expediente

A incoación do expediente correspóndelle á persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia universitaria, que ditará acordo de inicio do procedemento e nomeará unha persoa funcionaria encargada da súa instrución. O dito acordo notificaráselles ás persoas afectadas con indicación de que contarán cun prazo de 15 días para presentar as alegacións que consideren convenientes, rectificar as accións ou feitos que motivaron o inicio do procedemento ou recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade.

O dito procedemento resolverase no prazo máximo de seis meses, contados desde o acordo de inicio.

Artigo 33. Tramitación

Á vista do informe elaborado pola inspección universitaria, o/a funcionario/a instrutor/a poderá solicitar a ratificación das actas formalizadas ou novas probas que faciliten ou esclarezan a situación, coa finalidade de poder resolver a instrución do expediente. No trámite de audiencia e no prazo de 15 días, a persoa afectada poderá facer as alegacións e presentar novas probas que considere necesarias para a defensa dos seus intereses.

Artigo 34. Proposta de resolución

A persoa instrutora ditará proposta de resolución motivada, que resolverá todas as cuestións xurdidas no expediente, con indicación do tipo de infracción conforme as tipificadas na Lei 6/2013, do 13 de xuño, e suxerindo a sanción establecida nela. Así mesmo, poderá incorporarse o informe previo da inspección universitaria.

A proposta de resolución será notificada ás persoas interesadas, e concederáselles o prazo de 15 días para formular as alegacións que considere necesarias.

Artigo 35. Resolución

1. Conforme o artigo 51 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, a competencia para impor as sancións reguladas nela corresponde aos seguintes órganos:

a) A imposición de sancións en caso de infraccións graves ou moi graves correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de universidades.

b) A imposición de sancións en caso de infraccións leves correspóndelle á persoa titular do órgano superior de dirección en materia de universidades.

2. Contra a resolución ditada no caso de infraccións graves ou moi graves a persoa interesada poderá interpor un recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto contra o que se recorre, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que comezará a contar, en ambos os casos, desde o día seguinte ao da recepción da resolución.

3. Contra a resolución ditada no caso de infraccións leves a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da resolución.

Artigo 36. Normativa aplicable

1. No tocante ás transgresións ou ao quebrantamento da normativa en vigor, así como ás sancións que deben ser de aplicación en cada un dos casos dependendo da gravidade das primeiras, será de aplicación o establecido no capítulo VI do título III da Lei 6/2013, do 13 de xuño, relativo ao control de centros e ensinanzas universitarias.

2. As disposicións non recollidas neste decreto axustaranse ao establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común vixente e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora ou normativa vixente reguladora desta materia.

Disposición adicional única. Atribución de funcións

As funcións e competencias atribuídas por outras normas a outros organismos da Administración pública en materia de inspección universitaria quedan atribuídas ao equipo de inspección universitaria do departamento competente en materia universitaria da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de marzo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file