Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12786

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO de citación a xuízo (162/2016).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que mediante resolución ditada no día da data, no proceso seguido por instancia de Saúl Tojeiro López contra Rufei Sun y Otro, S.C., en reclamación por despedimento obxectivo individual, rexistrado co número 162/2016, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da Lei reguladora da xurisdición social (LXS), citar a Rufei Sun y Otro, S.C. co fin de que compareza o día 19 de abril de 2016, ás 11.00 horas, na planta baixa, sala 1 do edificio da rúa Berlín, para a realización dos actos de conciliación e, de ser o caso, xuízo; poderá comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada e deberá acudir con todos os medios de proba de que intente valerse, coa advertencia de que é única convocatoria e que os ditos actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.

En canto á proba:

Interrogatorio de parte do representante legal de Rufei Sun y Otro, S.C. procede o solicitado conforme o artigo 90.3 da LXS, sen prexuízo de que o momento procesual oportuno para formular e admitir a proba sexa o acto de xuízo (artigo 87 da LXS). Para tal efecto, fágaselle saber á parte demandada que deberá comparecer persoalmente ou a través de persoa con poder suficiente e, no caso de persoas xurídicas, a través de quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio, advertíndoa de que, no caso de non comparecer, se lle poderá impor a multa prevista no artigo 292.4 da Lei de axuizamento civil e de que, se non comparece sen xusta causa á primeira citación, se rexeitase declarar ou persistise en non responder afirmativa ou negativamente, malia o apercibimento que se lle fixese, poderán considerarse recoñecidos como certos na sentenza os feitos a que se refiran as preguntas, sempre que o interrogado interviñese neles persoalmente e a súa fixación como certos lle resulte prexudicial en todo ou en parte. En caso de que o interrogatorio non se refira a feitos persoais, admitirase a súa resposta por medio dun terceiro que coñeza os feitos, se a parte así o solicita e acepta a responsabilidade da declaración.

Se o representante en xuízo non interviñese nos feitos, deberá achegar ao xuízo a persoa coñecedora directa destes. Con tal fin, a parte interesada poderá propor a persoa que se deba someter ao interrogatorio e xustificar debidamente a necesidade do dito interrogatorio persoal.

A declaración das persoas que actuasen nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando sexa persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos, soamente se poderá acordar dentro do interrogatorio da parte por cuxa conta actuasen e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e posición dentro da estrutura empresarial, por non prestar xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.

Documental. Requírase a demandada Rufei Sun y Otro, S.C. para que achegue os documentos solicitados, isto é: recibos de salarios do traballador, contratos de traballo do traballador, boletíns de cotización á Seguridade Social, calendario laboral e xornada laboral, coa advertencia de que, de non o facer, se poderán ter por probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada (artigo 94 da LXS).

De ser o caso, sen que isto signifique a admisión da proba proposta polo demandante, xa que este deberá propola e, se é o caso, o/a xuíza admitila no acto de xuízo (artigo 87 da LXS).

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

En caso de que pretenda comparecer ao acto do xuízo asistido de avogado ou representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, porá esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo, co obxecto de que, trasladada tal intención ao demandante, poida este estar representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de valerse no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.

Para que lles sirva de citación a Rufei Sun y Otro, S.C., expídese este edicto para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a colocación no taboleiro de anuncios deste órgano xudicial.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

A letrada da Administración de xustiza