Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13229

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade do acordo sobre a resolución do recurso de reposición presentado polos veciños da parroquia de Entrecruces, do concello de Carballo, contra a Resolución do 10 de xullo de 2015 pola que non se clasificaban os montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro como veciñais en man común.

Para os efectos previstos no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de decembro de 2015, adoptou o seguinte acordo:

Antecedentes de feito.

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acordou, por Resolución do 10.7.2015, non clasificar como veciñal en man común os montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo en favor dos veciños da devandita parroquia, ao non resultar acreditado coa documentación que consta no expediente que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños solicitantes como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico. A devandita resolución foi notificada aos promotores o 28.7.2015 e publicada no DOG o 14.8.2015 (DOG núm. 154, do 14 de agosto).

2º. Contra a devandita resolución o representante da xunta promotora designada para a tramitación do expediente e en nome dos veciños presentou un recurso de reposición o 27.8.2015 en que alegaba o que consideraron conveniente na defensa dos seus dereitos e reitera o que xa manifestaran durante a tramitación daquel, que, en síntese, se resume en que existen documentos suficientes no expediente que acreditan o carácter veciñal dos montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro, polo que debe recoñecer o Xurado esta condición.

3º. O recurso de reposición presentado remitiuse ao Concello de Carballo como interesado no expediente segundo o establecido no artigo 112 da Lei 30/1992 e, no prazo conferido para realizar alegacións, non consta que se presentase ningunha alegación.

Fundamentos de dereito.

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer destes recursos en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2º. Procede a admitir a trámite o recurso de reposición interposto por terse presentado dentro do prazo regulamentario e cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada Lei 30/1992.

3º. No escrito do recurso non se aprecian circunstancias que poidan motivar a súa estimación xa que se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados polo Xurado ao ditar a resolución impugnada.

Tal e como se indicou na resolución impugnada é un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en común, sen cotas, polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen considerar no procedemento, que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Tal e como se indicou na resolución impugnada, este monte xa foi solicitado como veciñal e o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, por Resolución do 8.7.1996, resolveu non pronunciarse sobre a súa cualificación ao non estar suficientemente probados nin a pertenza nin os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puidesen ter sobre o monte os aspirantes a comuneiros, ao que se engade que son competencia dos tribunais da xurisdición ordinaria as cuestións relativas ao dominio que se formularon na tramitación do expediente respecto de propiedades de particulares dentro do monte que se pretende clasificar, que están rexistradas. Ademais, consta no expediente un informe do Distrito Forestal que indica que, en relación co aproveitamento realizado polos veciños, «non lle consta ningún tipo de aproveitamento, forestal ou non».

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e os demais de xeral aplicación, á vista da documentación que consta no expediente, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto polos veciños da parroquia de Entrecruces do concello de Carballo contra a resolución do Xurado do 10 de xullo de 2015 polo que se acordou non clasificar como monte veciñal en man común os montes Bustelo, Berbia e Cargadoiro, e confirmar integramente a resolución impugnada.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 29 de febreiro de 2016

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña