Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13226

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade do acordo polo cal se resolve o recurso de reposición presentado polos veciños das parroquias de Brión e Doniños, do concello de Ferrol, contra a Resolución do 10 de xullo de 2015, pola que non se clasificaban os montes de Brión como veciñais en man común.

Para os efectos previstos no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de decembro de 2015, adoptou o seguinte acordo:

Antecedentes de feito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acordou por Resolución do 10.7.2015 non clasificar como veciñal en man común os montes de Brión en favor dos veciños das parroquias de Brión e Doniños do concello de Ferrol, ao non resultar acreditado coa documentación contida no expediente administrativo que os devanditos montes, tal e como o solicitan os promotores, estean aproveitados polos veciños como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico. A devandita resolución foi notificada aos promotores o 29.7.2015 e publicada no DOG o 14.8.2015 (DOG núm. 154, do 14 de agosto).

2º. Contra a devandita resolución o representante da xunta promotora designada para a tramitación do expediente, e en nome dos veciños das parroquias de Brión e Doniños, presentou un recurso de reposición o 28.8.2015 alegando o que estimaron conveniente na defensa dos seus dereitos, e reiterando o que xa manifestaran durante a tramitación daquel, que, en síntese, se resume en que existen documentos suficientes no expediente que acreditan o carácter veciñal dos montes de Brión, polo que debe recoñecer o xurado esta condición.

3º. O recurso de reposición presentado remitiuse ao Concello de Ferrol como interesado no expediente segundo o establecido no artigo 112 da Lei 30/1992, e, no prazo conferido para realizar alegacións, non consta que se presentara ningunha.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer destes recursos en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2º. Procede a admitir a trámite o recurso de reposición interposto por terse presentado dentro do prazo regulamentario e cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada Lei 30/1992.

3º. No escrito do recurso non se aprecian circunstancias que poidan motivar a súa estimación por canto se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados polo xurado ao ditar a resolución recorrida.

Tal e como se indicou na resolución recorrida é un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en común, sen cotas, polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen presentar no procedemento que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Neste expediente, ao xurado non lle consta esta circunstancia, pola contra, existe un informe do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural do 30.5.2005 que indica que «non se atopan no terreo sinais nin probas de que tradicionalmente veñan realizando os membros da xunta promotora e/ou posibles comuneiros consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, algún tipo de aproveitamento, forestal ou non». Ademais, o xurado tivo en conta tamén que son os propios veciños das parroquias solicitantes quen manifestan que na superficie solicitada coexiste un aproveitamento supostamente en común cun aproveitamento particular e en concepto de dono no monte por parte de varios veciños (numerosas parcelas que din de propiedade particular), recoñecemento que os leva incluso a solicitar ao xurado unha reordenación do monte no que se deslinde o comunal nun só predio en coto redondo, petición que non é competencia deste xurado.

Por último, en canto á posición do concello de Ferrol -propietario neste momento dos montes- sobre a condición ou non dos montes de Brión como veciñais, esta variou ao longo do tempo e ben que recoñece esta condición no acordo plenario do 2 de xullo de 2015, noutro momento do expediente defendeu a súa propiedade, polo que o xurado entendeu que a defensa dos veciños neste apoio institucional é pouco consistente.

En consecuencia, da análise da documentación que consta no expediente non queda acreditado que os montes de Brión, tal e como son solicitados, sexan aproveitados en común e en concepto de donos polos veciños das parroquias de Brión e Doniños como grupo social, sendo un elemento esencial que exista un claro vencellamento entre o grupo social que aproveita o monte e o monte solicitado e, ademais, que a devandita relación sexa de tipo xermánico coa condición de donos e sen atribución de cotas.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de xeral aplicación, á vista da documentación que consta no expediente, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto polos veciños das parroquias de Brión e Doniños do concello de Ferrol contra a Resolución do xurado do 10 de xullo de 2015 polo que se acordou non clasificar como monte veciñal en man común os montes de Brión en favor dos veciños das devanditas parroquias, confirmando integramente a resolución recorrida.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 29 de febreiro de 2016

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña