Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14601

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participaren no proxecto Educación dixital (E-DIXGAL) durante o curso 2016/17.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón dunha estratexia de incorporación das novas tecnoloxías ao proceso educativo en todos os seus ámbitos, o proxecto Abalar, entroncada na súa estratexia xeral de incorporación de Galicia á sociedade da información e do coñecemento e nos seus programas transversais de desenvolvemento e promoción das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

A incorporación das TIC á educación en xeral, e aos procesos ensino-aprendizaxe en particular, é xa unha realidade en Galicia e móstrase como unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo dunha mellor calidade educativa. En efecto, os recursos dixitais non só fan accesibles os contidos necesarios para o proceso educativo nunha presentación distinta da tradicional, de libro a libro ou contido dixital, senón que proporcionan novas oportunidades para un maior desenvolvemento das competencias clave para o alumnado e para o desenvolvemento de novas metodoloxías docentes máis acordes coa transformación educativa en marcha.

O proxecto de Educación dixital (E-DIXGAL) trata de proporcionar aos centros educativos a posibilidade de presentar un proxecto integral para a incorporación de materiais dixitais en 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO. Para isto dispoñerán do apoio da Administración en forma de provisión de materiais e libros dixitais, así como un contorno virtual de aprendizaxe que permita desenvolver todo o potencial e dea soporte ao proxecto. Ademais, contarán co apoio da Rede de formación permanente do profesorado e a supervisión da Inspección educativa.

O proxecto diríxese aos centros que están na Rede Abalar, centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro, apoiado e coñecido pola comunidade educativa e, en especial, polas familias, que se verán beneficiadas ademais con aforros en custos derivados dos materiais educativos. Por outra banda, posibilitarase un maior aproveitamento do equipamento das aulas dixitais do proxecto.

Ademais, séguese a traballar constantemente na ampliación do repositorio de contidos do espazoAbalar, que actualmente supera os 2.600 recursos, como opción para complementar o proxecto educativo dixital dos centros.

Co fin de convocar os centros ao proxecto de Educación dixital (E-DIXGAL),

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar e establecer as bases para a selección de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que se incorporarán no curso 2016/17 ao proxecto experimental Educación dixital (E-DIXGAL).

Segundo. O proxecto Educación dixital

O proxecto Educación dixital (E-DIXGAL) ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, facilitando aos centros adscritos á Rede Abalar a dispoñibilidade de libros e outros materiais dixitais cos cales poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º de educación primaria e 1º de ESO no curso 2016/17, que se poderá ampliar a outros cursos nos anos seguintes.

Os centros adscritos a este proxecto terán acceso a un contorno virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os centros deberán utilizar para o seu desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder deste contorno e/ou ser proporcionados polo centro. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos, poderán empregarse como complemento ou apoio aos libros dixitais proporcionados no proxecto E-DIXGAL.

Terceiro. Destinatarios

Poderán participar no procedemento de selección da presente convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Rede Abalar que impartan no curso 2016/17 ensinanzas de 5º de educación primaria e/ou 1º de ESO.

Cuarto. Requisitos e compromisos dos centros educativos

1. Para que un centro poida participar neste proceso de selección é necesario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Presentar un proxecto segundo o seguinte guión:

1º. Introdución descritiva do contexto do centro.

2º. Xustificación da solicitude.

3º. Obxectivos.

4º. Experiencia educativa coas TIC no centro.

5º. Modelo organizativo e metodolóxico previsto para o desenvolvemento do proxecto e para garantir a súa continuidade.

6º. Designación da persoa coordinadora do proxecto, preferentemente entre o profesorado definitivo do centro, e asignación de horas dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Para a realización da proposta debe terse en conta que se valorará a experiencia da persoa proposta no emprego e dinamización das TIC nos ámbitos:

• Participación, coordinación ou docencia en accións formativas.

• Traballo acreditado relacionado coa integración das TIC na educación (boas prácticas educativas, participación en proxectos que integren as TIC nas aulas, emprego de recursos educativos dixitais -contidos dixitais, aulas virtuais, actividades con software educativo, blogs, wikis, ...- nas aulas, participación activa en comunidades educativas na rede, elaboración de materiais dixitais, etc.).

• Experiencia na coordinación de proxectos ou grupos de traballo.

• Participación en proxectos que integren metodoloxías didácticas innovadoras na educación.

• Premios relacionados coa integración das TIC na aula.

• Outra experiencia acreditable que se considere relevante en relación coa integración das TIC nas aulas.

7º. Actividades de formación permanente (proxectos de formación ou innovación, seminarios, grupos de traballo, etc.), e outras relacionadas coas TIC desenvolvidas no centro durante os últimos cinco anos.

8º. Tipo de conexión á rede, indicando a súa velocidade de baixada nominal e real.

9º. Procedemento de avaliación interna do desenvolvemento do proxecto, especificando os indicadores de logro vinculados aos obxectivos propostos.

10º. Calquera información que se considere relevante e que poida ser tida en conta para a selección do centro.

b) Compromiso de utilizar materiais dixitais ofertados como referencia para o desenvolvemento curricular en 5º de educación primaria ou 1º de ESO durante o curso 2016/17.

c) O centro deberá contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada de 2 Mbps.

2. Os centros que soliciten a participación no 1º curso de educación secundaria obrigatoria e foron seleccionados para participar no proxecto E-DIXGAL en 5º de educación primaria mediante as resolucións do 22 de abril de 2014 (DOG do 30 de abril) ou do 30 de abril de 2015 (DOG do 11 de maio) soamente deben entregar a solicitude de participación e o compromiso de utilización de materiais dixitais do que fala a alínea b) deste punto.

3. A participación neste proxecto pode ser causa de exclusión noutras axudas ou subvencións para o mesmo fin convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

4. Os centros educativos que sexan seleccionados mediante esta resolución deberán asumir, polo menos, os seguintes compromisos:

a) Desenvolver o programa seguindo as pautas establecidas no proxecto presentado, que se incorporará ao proxecto educativo do centro, e impulsar a súa continuidade cando menos durante dous cursos escolares e en función da súa avaliación.

b) O centro, en colaboración coa Administración educativa, realizará unha adecuada divulgación da iniciativa entre toda a comunidade educativa, con especial incidencia no alumnado e nas familias, de xeito que se achegue a información necesaria e se realice a adecuada sensibilización en relación con este programa.

c) O centro realizará un seguimento periódico das actuacións previstas no programa.

d) O profesorado implicado e o equipo directivo, segundo corresponda, deberán participar nas actividades de formación vinculadas ao proxecto que se planifiquen tanto desde o centro como desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

e) O centro garantirá a participación activa da persoa coordinadora do proxecto e dalgún membro do equipo directivo nas reunións de traballo que desde a Administración educativa se establezan.

f) A comunidade educativa terá que participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.

g) Mantemento do programa durante dous cursos académicos.

Quinto. Actuacións da Administración educativa

A Administración educativa desenvolverá nos centros seleccionados mediante a presente resolución as seguintes actuacións:

a) Asesoramento e apoio da Rede de formación permanente do profesorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Asesoramento e asistencia técnica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

c) Potenciación do traballo en rede dos centros docentes para o intercambio de coñecementos e experiencias.

d) Seguimento e apoio a través dos servizos de Inspección educativa.

e) Difusión das boas prácticas que se desenvolvan nos centros educativos.

Sexto. Presentación de solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. Presentación de solicitudes:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Documentación que se deberá xuntar á solicitude de participación:

1º. Proxecto no cal se concretarán as cuestións para a implantación do proxecto durante o curso 2016/17, así como para a súa continuidade en cursos posteriores.

2º. Méritos docentes da persoa proposta para a coordinación.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Prazo de presentación:

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Selección de centros

1. Criterios de selección e número de centros:

a) A valoración das solicitudes presentadas realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Viabilidade do proxecto de centro: ata 50 puntos (ata 30 puntos de valoración do proxecto presentado e ata 20 puntos a experiencia previa).

2º. Valoración do currículo e experiencia da persoa coordinadora: ata 30 puntos.

3º. Grao de implicación da comunidade educativa manifestado por medio do apoio recibido por parte do claustro e do consello escolar: ata 20 puntos.

b) Seleccionaranse un máximo de 50 centros. Na selección de centros procurarase manter a proporcionalidade existente entre centros Abalar segundo a súa titularidade.

2. Comisión de selección:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria seleccionará os centros que se integrarán no proxecto Educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2016/17 mediante unha comisión coa seguinte composición:

– Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Vogais:

– Director/a da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ou persoa en quen delegue.

– Subdirector/a xeral de Centros ou persoa en quen delegue.

– Subdirector/a xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

– Un/unha xerente de proxectos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que desempeñará a función de secretario/a.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos técnicos que se lle encomenden.

Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

3. Proceso de selección:

A comisión de selección, para os efectos dun mellor coñecemento e valoración das solicitudes, poderá realizar peticións de informes, por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á Inspección educativa ou aos técnicos da Consellería ou Amtega.

A comisión procederá á valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de selección, establecidos no punto 1, e no prazo máximo dun mes, que se computará a partir do día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, fará publica a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web .

A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión de selección elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final de centros seleccionados. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses desde a data de publicación desta resolución.

Oitavo. Avaliación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará un seguimento e avaliación da implantación e desenvolvemento do proxecto nos centros adscritos ao proxecto Educación dixital (E-DIXGAL).

O incumprimento das condicións e compromisos recollidos na presente resolución poderá ocasionar a exclusión do centro do proxecto.

Noveno. Recoñecemento

O profesorado que participe activa e regularmente no proxecto recibirá unha certificación como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado. No caso da persoa coordinadora do proxecto, esta certificación terá unha equivalencia de 30 horas de formación.

Décimo. Difusión dos traballos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reserva para si o dereito de difundir os traballos e experiencias realizados no desenvolvemento do proxecto polos centros adscritos ao proxecto Educación dixital (E-DIXGAL).

Décimo primeiro. Aceptación

A participación neste procedemento supón a aceptación do disposto nesta resolución.

Décimo segundo. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décimo terceiro. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Profesorado» cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo electrónico sxoifp@edu.xunta.es .

Décimo cuarto

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

A selección do centro para participar no proxecto Educación dixital (E-DIXGAL) pode dar lugar a cambio dos libros de texto segundo o punto 2 da Orde do 29 de maio de 2013 pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares.

Disposición adicional segunda

No que caso de que o número de centros con valoración favorable de proxecto supere o límite establecido no ordinal sétimo 1.b), a comisión de selección poderá realizar unha proposta superior ao dito límite, xustificada na viabilidade dos proxectos e dentro dos límites tecnolóxicos da plataforma que dea soporte ao contorno virtual de aprendizaxe.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file