Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14590

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016 para os centros docentes admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2015/16.

O Plan Proxecta, como actividade de innovación educativa que chega a unha parte importante dos centros docentes de Galicia, ten entre os seus obxectivos a posta en valor daquelas experiencias que promovan unha mellora na calidade do proceso educativo a través de metodoloxías que poñan o foco na aprendizaxe competencial. Así mesmo, a propia resolución do Plan Proxecta recoñece a utilidade de valorar os traballos desenvolvidos polos centros para que sirvan de modelo a outros.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 90 dispón que as comunidades autónomas poderán recoñecer e premiar o labor didáctico ou de investigación de profesores e centros, facilitando a difusión entre os distintos centros escolares dos traballos ou experiencias que mereceron ese recoñecemento pola súa calidade e esforzo.

A Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, dispón, no artigo 6, as estratexias metodolóxicas para traballar as competencias na aula, ofrecendo orientacións para facilitar o desenvolvemento desas estratexias no anexo II. Entre estas orientacións, destaca a metodoloxía por proxectos como unha das máis importantes.

A Resolución do 17 de xuño de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería durante o curso escolar 2015/16, dispón os centros docentes admitidos que levarán a cabo os proxectos durante ese curso.

De acordo co anteriormente exposto, este director xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases de participación e convocar o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016 para os centros docentes públicos admitidos na convocatoria da Resolución do 17 de xuño de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería durante o curso escolar 2015/16.

Artigo 2. Categorías de participación

Establécense dúas categorías de participación, en función do tipo de centro:

1. Categoría A: escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria, colexios de educación primaria.

2. Categoría B: centros públicos integrados, institutos de educación secundaria, centros públicos de educación e promoción de adultos e conservatorios de música.

Artigo 3. Número de premios e dotación económica

Concederanse, para cada categoría, catro premios: un primeiro, un segundo e dous terceiros, polos importes que figuran na táboa seguinte:

Categorías

Premio

Importe

A

1º premio

6.000 €

2º premio

4.000 €

3º premio

2.000 €

3º premio

2.000 €

B

1º premio

6.000 €

2º premio

4.000 €

3º premio

2.000 €

3º premio

2.000 €

TOTAL

28.000 €

A comisión de selección poderá conceder accésits a aqueles centros que presenten unha boa práctica educativa digna de mención.

Os premios regulados nesta convocatoria serán atendidos con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.423A.640.1 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dos orzamentos de 2016, por un importe total de 28.000 €.

Os premios poderán ser declarados desertos no caso en que non se atope a calidade suficiente para outorgalos. Con carácter excepcional, e por acordo motivado, a comisión de selección poderá determinar a redistribución da contía de premios declarados desertos entre o resto de centros premiados.

Este premio é compatible coa concesión de calquera outro de que sexa beneficiario o centro.

Artigo 4. Prazo para a presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 11 de maio de 2016.

Artigo 5. Presentación da solicitude e documentación

Cada centro docente poderá presentar unha soa solicitude de participación nestes premios.

Para participar nesta convocatoria será necesaria a presentación da seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa asinada pola persoa responsable da dirección do centro, segundo o modelo do anexo I desta convocatoria.

2. Certificación na cal figuren os datos dos docentes que se presentan ao premio. Entre estes docentes designarase unha persoa coordinadora, que se responsabilizará da elaboración da memoria (descrita no punto 4).

Esta certificación estará asinada pola persoa responsable da dirección do centro, que acreditará que os docentes que figuran no documento prestan ou prestaron os seus servizos no centro e que participaron activamente no desenvolvemento das accións descritas na memoria.

3. Certificación de que o centro conta con autorización para o uso das imaxes dos menores participantes no traballo, se as houber. Este documento tamén o asinará a persoa responsable da dirección do centro.

4. Memoria descritiva da participación do centro no Plan Proxecta en calquera das súas convocatorias, segundo as seguintes indicacións:

a) Debe axustarse á descrición concreta e contextualizada do traballo realizado, facendo fincapé na integración do traballo por competencias (aprendizaxe competencial) e na metodoloxía do traballo por proxectos.

b) Deberá estar redactada en lingua galega, ocupará un máximo aproximado de 40 páxinas (16.000 palabras) numeradas e impresas a unha cara. Poderanse incluír fotografías, gráficos e ligazóns. Presentarase en calquera formato dixital editable.

c) Comprenderá as seguintes seccións:

• Portada (incluíndo título, modalidade de participación e datos básicos do centro).

• Índice (con paxinación).

• Distinción (descrición do valor que fai o centro meritorio da concesión deste premio).

• Traxectoria e participación (traxectoria de participación no Plan Proxecta, coa indicación dos programas desenvolvidos, número de profesorado -coordinadores e participantes- e alumnado -alumnos e alumnas- nos cursos en que se participase (2012/13, 2013/14, 2014/15 e 2015/16).

• Descrición dos proxectos que se consideren máis salientables:

– Enumeración dos proxectos.

– Descrición de cada proxecto:

▪ Contexto. Aquí expresarase a necesidade ou dificultade que motivou a posta en práctica do proxecto e o seu vínculo co contexto socioeducativo do alumnado.

▪ Profesorado implicado. Identificación dos departamentos e descrición das funcións realizadas polo profesorado.

▪ Aprendizaxe activa. Descrición das estratexias empregadas para favorecer a participación activa do alumnado. Se é o caso, incluiranse as medidas adoptadas co alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

▪ Transcendencia. Implicación do resto da comunidade educativa: familias, concello, ONG, asociacións, etc.

▪ Produto final. Descrición e visibilización dos elementos elaborados no proceso de aprendizaxe.

▪ Avaliación. Valoración do logro acadado polo alumnado, polo profesorado e mais polo resto da comunidade educativa no desenvolvemento do proxecto. Indicaranse tamén as perspectivas de mellora do proxecto de cara ao futuro.

▪ Impacto. Visibilidade do proxecto, presenza pública a través dos medios de comunicación, nas redes sociais e publicacións, exposicións, etc.

• Valoración da práctica docente. Farase fincapé nas repercusións organizativas, pedagóxicas e programáticas da metodoloxía do traballo por proxectos.

• Liñas de mellora. Indicaranse os aspectos que o centro considera que se deben reforzar para darlles continuidade a estas metodoloxías. Ofrecerase unha reflexión sobre as circunstancias que favorecen ou dificultan o desenvolvemento destas estratexias de traballo; identificaranse os indicadores que se consideren máis adecuados para valorar os logros obtidos no centro a través desta metodoloxía.

d) Se é o caso, poderase presentar documentación física para achegar produtos que non sexan susceptibles de visibilizarse nunha plataforma dixital.

As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED313H dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado ED313H dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Comisión de selección

A comisión de selección estará formada por:

Presidencia: subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Xefe/a do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa.

Xefe/a do Servizo de Formación do Profesorado.

Dúas persoas asesoras de Innovación Educativa; unha delas actuará como secretario/a.

Esta comisión poderá contar co asesoramento das persoas responsables dos programas educativos con presenza nos proxectos descritos polos centros docentes participantes nestes premios.

Artigo 7. Criterios de valoración

A valoración realizarase unicamente a través da memoria presentada a esta convocatoria e, de ser o caso, da documentación física. Valoraranse todos aqueles aspectos que describan accións concretas, metodoloxías aplicadas e logros acadados coa participación nos distintos programas do Plan Proxecta. Non se valorarán aspectos retóricos, descricións baleiras e teorías pedagóxicas sen visibilización da súa aplicación na aula co alumnado.

Os criterios de valoración para a concesión dos premios serán:

1. Calidade da memoria presentada: presentación, calidade lingüística e técnica (10 %).

2. Visibilización do proceso de aprendizaxe no desenvolvemento dos proxectos (15 %).

3. Nivel de implicación da comunidade educativa: profesorado, alumnado e outros colectivos (15 %).

4. Nivel de logro acadado no desenvolvemento dos proxectos (15 %).

5. Integración da metodoloxía por proxectos na organización do centro (25 %).

6. Calidade técnica e pedagóxica dos produtos finais (20 %).

Artigo 8. Resolución

1. A comisión de selección, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, emitirá unha resolución provisional dos premios concedidos. Esta resolución provisional poderase consultar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enderezo electrónico: http://www.edu.xunta.es. Ademais, comunicaráselles a través do correo electrónico aos centros presentados.

2. A partir do día seguinte ao da publicación da resolución provisional dos premios, abrirase un prazo de cinco días naturais para que se poidan presentar as alegacións ou reclamacións que se consideren oportunas. Unha vez revisadas esas alegacións ou reclamacións, a comisión elevará a proposta definitiva de resolución dos premios concedidos ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para a súa aprobación. Esta resolución definitiva poderase consultar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitara, no seguinte enderezo electrónico: http://www.edu.xunta.es. Ademais, comunicaráselles a través do correo electrónico aos centros presentados.

3. O prazo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións desta resolución será de tres meses, e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo, ante o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución definitiva no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://edu.xunta.es, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Certificación do profesorado

O profesorado implicado dos centros premiados nesta convocatoria recibirá unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para o docente coordinador e 20 para o profesorado participante.

Artigo 10. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase conforme o seguinte procedemento:

1. As contías asignadas por estes premios serán transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2016.

2. O importe concedido a cada centro premiado deberase destinar a sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación do centro no Plan Proxecta. Os gastos poderanse corresponder co pagamento de relatorios de persoas expertas, alleas ao centro educativo, que asesoren no desenvolvemento do proxecto, gastos de axuda de custo deses relatores, gastos de material funxible, gastos de adquisición de libros, etc. En ningún caso se utilizarán para a adquisición de materiais inventariables.

3. Os gastos teñen que se realizar na súa totalidade antes do 31 de decembro de 2016. A xustificación consistirá nunha certificación emitida na súa totalidade antes da mencionada data, emitida pola dirección do centro, na cal conste a relación de gastos, copias compulsadas das facturas e acreditación do seu pagamento. Dirixiranse á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Bq. II, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela, ata o 31 de xaneiro de 2017.

4. A non entrega da xustificación do gasto no dito prazo poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas, e o centro deberá proceder ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

Artigo 11. Difusión dos proxectos

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dos dereitos de edición. Estes materiais difundiranse baixo a licenza «Creative Commons», que combine as propiedades «recoñecemento» e «compartir igual».

No caso de que os/as autores/as decidan publicar os traballos premiados por outras vías, deberán solicitar o permiso correspondente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. De ser a resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio concedido.

Os/as autores/as quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os ficheiros de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Avaliación do sistema educativo cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Bq. II, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxoifp@xunta.es.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file