Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2016 Páx. 14587

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Val do Dubra para a delimitación do solo de núcleo rural da Muiñeira-Paramos.

O Concello de Val do Dubra solicita a aprobación definitiva do expediente referido ao abeiro do establecido na disposición adicional 2ª.2, en relación co artigo 93.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizado o expediente remitido polo Concello de Val do Dubra e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Val do Dubra dispón actualmente dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente polo Pleno do Concello o 15 de abril de 1997.

2. Esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu, con data do 5 de xuño de 2014, non aprobar un proxecto de delimitación do núcleo rural da Muiñeira-Paramos (PTU AC 13/125).

3. O 28 de outubro de 2014 o Concello de Val do Dubra presenta a modificación puntual nº 7 das normas subsidiarias municipais subscrita polo arquitecto Alfonso Botana Castelo, solicitando o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG. Conforme o terceiro parágrafo do artigo 93.4 da LOUG, non procede a emisión dese informe, e o expediente debe tramitarse segundo o previsto na disposición adicional 2ª.2 da mesma lei.

4. A arquitecta municipal emitiu informe o 30 de setembro de 2014.

5. O proxecto de modificación foi sometido a información pública polo prazo dun mes (La Voz de Galicia do 20 de maio de 2015, El Correo Gallego do 21 de maio de 2015 e Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño de 2015) e presentouse unha alegación.

6. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe favorable o 11 de maio de 2015.

7. A secretaria-interventora municipal emitiu informe o 25 de setembro de 2015.

8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente o proxecto o 30 de setembro de 2015.

II. Análise e consideracións.

1. A proposta delimita un solo de núcleo rural común cunha superficie duns 7.000 m2 e establece unha ordenanza cunha parcela mínima de 600 m2 e 0,50 m2/m2 de edificabilidade.

2. Nas normas subsidiarias de planeamento vixentes o ámbito encóntrase clasificado na súa maior parte como solo non urbanizable de protección de parcelacións agropecuarias (solo rústico de protección agropecuaria de acordo coa disposición transitoria primeira, letra f), da LOUG); e o resto, como solo non urbanizable de réxime normal (hoxe solo rústico de protección ordinaria).

3. Canto ás condicións para o recoñecemento como solo de núcleo rural (artigo 13.1 da LOUG) incorpórase xustificación da existencia dos topónimos A Muiñeira e Casa do Río na cartografía do Instituto Xeográfico Nacional a escala 1/25.000. Así mesmo, achégase información acreditativa da existencia dunha vivenda e dun muíño, construídos con posterioridade ao ano 1956. Determínase a parcela mínima edificable do ámbito en 600 m2.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 7 das normas subsidiarias municipais de Val do Dubra para a delimitación do núcleo rural da Muiñeira-Paramos.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file