Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2016 Páx. 15296

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Camariñas

ANUNCIO da aprobación inicial do Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI_01).

Aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 15 de marzo de 2016, o Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI_01) do Concello de Camariñas, sométense o expediente e a documentación do plan a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego, coa finalidade de que quen o desexe poida examinalo e deducir durante o citado prazo cantas alegacións ou observacións considere oportunas. Simultaneamente, notificarase individualmente a todos os propietarios dos terreos afectados (titulares catastrais).

O lugar de exposición do expediente serán as oficinas xerais do Concello, sitas na casa do concello; praza de Insuela, nº 57 (Camariñas), das 9.00 ás 14.00 horas, agás os sábados, que será das 9.00 ás 13.00 horas.

Queda suspendido, por un prazo de dous anos, ao abeiro do artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o outorgamento de licenzas no ámbito afectado polo PEPRI_01 nos seguintes casos ou ámbitos/zonas:

• Nas zonas de ordenanza 4 denominadas de reordenación volumétrica.

• Naqueles espazos recollidos como privados no PXOM de Camariñas e que o PEPRI_01 propón como novos espazos libres, así como naquelas parcelas ou construcións onde o uso mude de equipamental a residencial ou viceversa, con respecto á ordenación vixente.

• Nas edificacións catalogadas polo PEPRI_01 ademais das que xa figuraban no plan xeral. Neste caso permítense obras de conservación, reparación ou ornato, así como outra serie de obras menores.

• Nas parcelas en que se propón a ampliación da vía pública, agás que as novas edificacións e/ou os novos cerramentos asuman as aliñacións sinaladas no PEPRI_01.

• As parcelacións de predios.

• A demolición de edificacións, agás que fose aprobado o seu expediente de ruína ou sexa preciso facelo de xeito total, ou parcial en cumprimento dunha sentenza xudicial; incluiranse como permitidas as posteriores obras de protección e acondicionamento (tanto da eventual edificación resultante no caso de non ser demolida completamente coma dos predios adxacentes, tanto no subsolo coma sobre rasante).

Non se considerarán suspendidas as licenzas en todo caso para aquelas actuacións que teñan como obxecto as melloras referidas á eficiencia enerxética, instalación ou reparación de redes e servizos urbanísticos, habitabilidade, accesibilidade, seguridade estrutural, reparación, conservación, obriga de mantemento do ornato público, ou que veñan derivadas da execución dunha sentenza xudicial.

Camariñas, 16 de marzo de 2016

Manuel Valeriano Alonso de León
Alcalde