Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2016 Páx. 15478

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de abril de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Muxía.

O Concello de Muxía remite o Plan xeral de ordenación municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada, datada en febreiro de 2016 e con dilixencias da aprobación provisional do 26/02/2016; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Muxía dispón de Normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente o 4.3.1994 (texto refundido 16.5.1996) con dúas modificacións puntuais.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal de Muxía está afectado polo Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (AD 30.4.2014); e polos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal: Parador de Muxía (AD 15.11.2007), liña de alta tensión 66 kV, subestación S/E Vimianzo, subestación S/E P.E. Muxía (AD 14.2.2013), parque eólico de Muxía I (AD 1.8.2012) e parque eólico de Muxía II (AD 22.11.2012).

I.3. Avaliación ambiental estratéxica.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu o 24.9.2014 declarar a inviabilidade de someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica o PXOM.

I.4. Tramitación.

1. O Concello Pleno do 17.6.2004, acolléndose ao artigo 84.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, acordou a formulación dun avance do PXOM, que se someteu a información pública durante un mes mediante o anuncio no DOG do 2.7.2004.

2. Con data do 14.3.2005 a CPTOPT emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG. Constan informes municipais correlativos, do arquitecto técnico (16.5.2005) e a secretaria (xuño 2005).

3. O Concello Pleno do 07/06/2005 acordou a aprobación inicial do PXOM e o sometemento a información pública durante un mes, mediante anuncios no DOG do 14.6.2005 e no xornal El Correo Gallego do 14.6.2005. Consta certificado municipal do 18.12.2005 sobre comunicación deste acordo aos concellos lindeiros de Cee, Vimianzo e Dumbría, sen se recibir alegacións destes.

4. Emitíronse novos informes municipais do arquitecto técnico (12.7.2006); a secretaria (24.7.2006) e o interventor (28.7.2006).

5. O Concello Pleno do 10/08/2006 acordou unha nova información pública polo prazo dun mes, mediante anuncios no DOG do 21.8.2006 e no BOP do 23.8.2006.

6. O Pleno do Concello de Muxía aprobou provisionalmente PXOM o 28.4.2007.

7. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 17.12.2007, informou desfavorablemente a redución da franxa de solo rústico de protección de costas.

8. Emitíronse novos informes municipais da interventora (28.11.2014); a secretaria (decembro 2014) e o arquitecto técnico (3.12.2014).

9. O Concello Pleno de Muxía aprobou provisionalmente por segunda vez o documento do Plan xeral de ordenación municipal o 5.12.2014.

10. O expediente foi remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante o que solicita a súa aprobación definitiva (22.12.2014); e consta un requirimento de integridade documental de 20.1.2015.

11. O Concello Pleno do 24.7.2015 aprobou modificar o PXOM como consecuencia dese requirimento e dos informes sectoriais posteriores á aprobación provisional.

12. Novos requirimentos autonómicos do 10.9.2015 e de 25.11.2015, foron formalizados o 27.10.2015 e cunha nova información pública durante dous meses do documento do PXOM aprobado provisionalmente, mediante anuncios no DOG do 23.11.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 23.11.2015; e notificación aos concellos lindeiros de Cee, Vimianzo e Dumbría. Recibíronse 45 alegacións.

13. A secretaria, o técnico e o interventor municipais emitiron informe conxunto en febreiro de 2016.

14. O Concello Pleno do 26.2.2016 aprobou provisionalmente o PXOM, incorporando as alegacións aceptadas e os requirimentos efectuados por organismos sectoriais.

15. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse e emitíronse os informes:

a) En materia de estradas, constan informes favorables do 31.3.2005 e do 10.10.2005 da Dirección Xeral de Obras Públicas. Segundo certificación municipal foi solicitado informe da Deputación Provincial o 15.7.2005, sen que se recibise a data 18.12.2014.

b) En materia de patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable condicionado o 1.9.2005.

c) En materia de augas, consta informe favorable de Augas de Galicia do 23.10.2015.

d) En materia de portos e instalacións de sinais marítimos, Portos de Galicia emitiu informe con data do 5.9.2005; e a Autoridade Portuaria da Coruña o 26.9.2005.

e) En materia de costas, e en virtude do artigo 117.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas, a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente emitiu informes en datas 15.2.2005, 30.9.2005, 30.3.2006 e 1.8.2014; e a Dirección Xeral de Recursos Mariños emitiu informes o 7.2.2005 e o 3.8.2005. Canto ao artigo 117.2 da Lei 22/1988, consta informe do 27.4.2015 da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, e o informe do 12.11.2015 da Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

f) En materia de ambiente, constan informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 20.5.2015 e do 7.7.2015.

g) Informe de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno do 10.8.2005.

h) En materia de telecomunicacións, informes da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 27.2.2015 e do 24.3.2015.

i) En materia de montes, a Subdirección Xeral do Medio Rural e Montes informou o 16.7.2015.

j) En materia de propiedades públicas, informes da Consellería de Facenda do 4.2.2015 e do 12.2.2015; e informe da Delegación de Economía e Facenda en Galicia do Ministerio de Economía e Facenda do 28.9.2005.

II. Análise e consideracións.

II.1. De acordo coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II.2. Segundo o disposto nos artigos 85.9 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, a consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio debe analizar a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan: a súa conformidade coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a súa coherencia coas directrices de ordenación do territorio e os demais instrumentos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal; e, en todo caso, dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovable, entenderase que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros desde a ribeira do mar afecta os intereses autonómicos.

II.3. Nese sentido, e logo de analizar o expediente administrativo e os documentos técnicos que integran o Plan xeral de ordenación municipal de Muxía, non se observan deficiencias ao respecto.

Detectouse un erro material nas follas 2.3, 2.7 e 2.17 dos planos de ordenación, nos que os ámbitos clasificados como solo rústico de protección agropecuaria se identifican soamente co rotulado P.A., sen que se empregue a cor de fondo indicada na lenda.

II.4. Canto á adaptación ao Plan de ordenación do litoral, cómpre subliñar que conforme os seus artigos 36 e 64, na área de mellora ambiental e paisaxística cómpre evitar a delimitación de áreas de expansión de solo de núcleo rural que supoñan un crecemento cara á costa sobre parcelas baleiras na periferia dos núcleos, como ocorre nos núcleos rurais de Touriñán, Leis de Nemancos e Merexo.

Ao abeiro do establecido no artigo 72.3 do POL para os sistemas xerais territoriais de nova implantación, a execución do sistema xeral viario SXV2 exixirá realizar previamente un estudo de impacto e integración paisaxística, co contido sinalado no artigo 78 do POL.

Segundo o disposto no artigo 90 do POL, as necesidades de aparcadoiro nas praias periurbanas e rurais como Lourido, Barreiros e Barreira resolveranse fóra da protección costeira, preferentemente nos núcleos próximos ou na súa contorna inmediata, xerando as mínimas afeccións.

Os plans especiais previstos para os paseos marítimos nas praias de Espiñeirido e de Area Maior, para o parque etnográfico e para a fachada marítima de Muxía, deberán recadar informe autonómico de adecuación ao POL.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Muxía, deixando constancia expresa de que:

• Ás áreas de expansión dos núcleos rurais de Merexo, Touriñán e Leis de Nemancos, na área de mellora ambiental e paisaxística que supoñen un crecemento cara á costa, correspóndelles a clasificación de solo rústico de especial protección agropecuaria.

• A execución do sistema xeral viario SXV2 exixirá da previa realización dun estudo de impacto e integración paisaxística.

• As previsións para resolver as necesidades de aparcadoiro nas praias periurbanas e rurais de Lourido, Barreiros e Barreira, estableceranse conforme o POL.

• Na tramitación dos plans especiais previstos para os paseos marítimos nas praias de Espiñeirido e de Area Maior, o parque etnográfico e a fachada marítima de Muxía, deberá recadarse informe autonómico de adecuación o POL.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Muxía, 11 de abril de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio