Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15899

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2016 pola que se regula a adhesión de aliados dixitais ao Plan de inclusión dixital en Galicia e o seu procedemento.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o 30 de abril de 2015 a Axenda Dixital de Galicia 2020, que establece como obxectivo impulsar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital.

Un dos desafíos para abordar no marco da Axenda Dixital de Galicia 2020 é «pasar da alfabetización á autonomía dixital» para resolver non só a primeira fenda dixital, a do acceso, senón tamén a segunda fenda dixital, a relacionada coas «habilidades dixitais» necesarias para obter todos os beneficios do acceso á rede. Requírese, por tanto, un novo modelo de inclusión dixital que proporcione á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das TIC a nivel persoal, profesional e social, mellorando a súa calidade de vida, favorecendo a súa inserción social e aumentando a súa empregabilidade.

E para facer fronte a este desafío de acadar unha sociedade galega plenamente integrada na sociedade dixital, o Goberno galego aprobou en Consello da Xunta de Galicia o día 21 de abril de 2016 o Plan de inclusión dixital de Galicia 2020.

O Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, no artigo 6 destes establece entre as competencias da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia, garantindo os dereitos da cidadanía e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías.

Neste senso a Xunta de Galicia, a través da Amtega, ten marcado como obxectivo converter a Comunidade Autónoma nunha sociedade plenamente dixital, cohesionada, sen desigualdades dixitais e con pleno acceso ás TIC. Este obxectivo asume unha dimensión integral orientada a toda a sociedade galega, con especial atención a aqueles colectivos tradicionalmente en risco de exclusión dixital (persoas maiores, persoas con discapacidade, persoas en situación de desemprego, etc.) xerando as bases e condicións para que calquera cidadán poida beneficiarse das actuacións definidas e permitindo a súa evolución e avance na explotación das TIC, independentemente do nivel dixital en que se encontre.

A inclusión dixital de Galicia susténtase nos principios de cooperación e coordinación entre os distintos axentes que compoñen e interactúan nun ecosistema dixital, xerando sinerxías e un efecto multiplicador que permita acadar unha maior chegada ao territorio e, en definitiva, á cidadanía. Supón, por tanto, a implementación dun modelo de relación flexible, sustentando en «alianzas dixitais» para agregación de capacidades, recursos e iniciativas, cunha finalidade común: que calquera persoa, independentemente do nivel dixital en que se atope, consiga avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Por iso, a Amtega articula, a través desta resolución, o mecanismo para formalizar a participación e colaboración das administracións públicas, sector empresarial, centros tecnolóxicos e de investigación, profesionais e emprendedores (do ámbito dixital e non dixital), organizacións e entidades sen ánimo de lucro, entidades de acción voluntaria, colexios profesionais, universidades e outros centros de formación, para o desenvolvemento de actuacións propias da súa actividade ou obxectivo social que estean relacionadas coa sociedade dixital e contribúan á consecución dos obxectivos da mellora da inclusión dixital de Galicia.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas, segundo o establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta resolución é regular a adhesión de «aliados dixitais» ao Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 e o seu procedemento.

A través das denominadas «alianzas dixitais» entre a Amtega e os diferentes axentes do ecosistema dixital, no marco da mellora da inclusión dixital preténdese proporcionar á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social.

Segundo. «Aliados dixitais» para a mellora da inclusión dixital en Galicia

Poderá ser «aliado dixital» calquera entidade ou profesional que teña interese en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia contribuíndo á mellora da inclusión dixital e que achegue a documentación necesaria para a tramitación das solicitudes prevista nesta resolución.

Dentro dos «aliados dixitais» establécense as seguintes categorías:

a) Entidades colaboradoras.

Poderá acadar a consideración de «entidade colaboradora» calquera entidade pública ou privada que, representando intereses profesionais, académicos, empresariais e/ou sociais e empregando as TIC como instrumento para a consecución destes, teñan interese en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia. Nesta categoría poderán adherirse:

a) Administracións públicas, organismos, entidades e empresas de natureza pública.

b) Colexios profesionais.

c) Centros tecnolóxicos e de investigación.

d) Asociacións, organizacións, fundacións, organismos e entidades, vencelladas ao impulso, desenvolvemento e implantación de actuacións relacionadas coa sociedade dixital.

e) Universidades.

f) Entidades colaboradoras de acción voluntaria.

Serán entidades colaboradoras de acción voluntaria as inscritas como tales no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia a que se refire o artigo 32 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. As entidades de acción voluntaria poderán participar desde calquera das tres categorías xerais:

1. Entidades dependentes da Administración autonómica.

2. Entidades locais.

3. Entidades privadas sen ánimo de lucro.

b) Mecenas dixitais.

Consideraranse «mecenas dixitais» aquelas empresas interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou de coñecemento.

Así, a Amtega pon á disposición do sector privado un marco que lle permite involucrarse en actividades de acción social e inclusión dixital, de acordo coas súas políticas de responsabilidade social corporativa. Poderán ser mecenas dixitais:

• Empresas e outras entidades do sector TIC cuxa actividade estea vencellada ás TIC e aos servizos da sociedade dixital.

• Outras empresas ou entidades alleas ao sector TIC, interesadas en desenvolver actuacións relacionadas co pulo da sociedade dixital en Galicia como demandantes deste servizo ou como impulsoras do seu uso.

c) Referentes dixitais.

Enténdese por «referentes dixitais» aqueles profesionais ou emprendedores, especialistas en novas tendencias tecnolóxicas e/ou novas disciplinas profesionais do ámbito das TIC, que poden servir de referencia á cidadanía, co obxectivo de difundir e dar a coñecer novos produtos e servizos ou novas vocacións e profesións no ámbito dixital, entre outros temas.

d) Mentores dixitais.

Terán a consideración de «mentores dixitais» os profesionais ou emprendedores de calquera ámbito, non só o dixital, que poidan sumar valor ás iniciativas desenvolvidas no ámbito da inclusión dixital. Os mentores dixitais son:

• Persoas que dan un paso adiante para que a súa comunidade creza e se transforme, e que posibilitan, coa súa visión e coñecemento, que futuros emprendedores dixitais teñan máis oportunidades de converter unha idea nun proxecto realizable.

• Persoas activas e comprometidas, con experiencia profesional e vital e a capacidade e actitude de axudar a outros no camiño do emprendemento dixital.

Terceiro. Liñas de colaboración

No marco desta resolución, os denominados «aliados dixitais» que teñan interese en participar na mellora da inclusión dixital poderán colaborar nos seguintes ámbitos:

• Organización e desenvolvemento de actividades formativas, conferencias, seminarios ou xornadas de alfabetización e capacitación dixital, promoción da innovación social dixital, así como produtos ou servizos concretos sobre os beneficios e usos das TIC en xeral.

• Fomento do emprego de novas aplicacións, das vantaxes do uso dos novos dispositivos e de boas prácticas que favorezan unha utilización responsable e axeitada dos contidos, servizos e aplicacións da sociedade dixital.

• Elaboración e cesión de contidos dixitais propios e/ou espazos físicos para o seu aproveitamento colectivo por parte do resto de axentes do ecosistema e cidadanía no marco da inclusión dixital.

• Co-creación de espazos e coñecemento dirixidos a toda a cidadanía galega.

• Deseño e posta en marcha de proxectos e iniciativas singulares para a inclusión dixital en colaboración co resto dos axentes.

• Participación en eventos ou iniciativas para a difusión, divulgación e dinamización das TIC entre a poboación de Galicia.

• Difusión da inclusión dixital e as súas actuacións.

Sobre a base das anteriores liñas de colaboración, os «aliados dixitais» poderán indicar de forma concreta os ámbitos de colaboración completando o anexo I na correspondente solicitude telemática de adhesión. En calquera caso, en función do perfil do «aliado dixital», poderán participar da seguinte forma:

a) Entidades colaboradoras.

• Realización de actividades de formación, actividades de difusión e sensibilización (faladoiros) e proxectos e iniciativas singulares para o fomento da sociedade dixital en Galicia.

• Dinamización dos espazos públicos integrados na rede CeMIT.

• Cesión de contidos dixitais propios e/ou espazos físicos para o seu aproveitamento por parte da cidadanía.

• Organización de actividades e/ou iniciativas en colaboración co Programa de voluntariado dixital (VOLDIX).

b) Mecenas dixitais.

Colaboración en aspectos concretos de mellora da inclusión dixital mediante a achega de:

• Recursos humanos:

– Participación en actividades formativas, faladoiros e proxectos e iniciativas singulares da inclusión dixital, co obxectivo de divulgar e dinamizar as TIC entre a poboación de Galicia.

– Colaboración na formación aos responsables da rede CeMIT e aos voluntarios e voluntarias dixitais adheridos ao programa VOLDIX.

– Promoción da colaboración dos seus empregados para a realización de actividades no marco da inclusión dixital. Fomento dos programas de voluntariado corporativo no seo das súas organizacións.

• Recursos financeiros: colaboración coa sustentabilidade económica das accións relacionadas coa inclusión dixital mediante patrocinios e financiacións específicas de proxectos e iniciativas singulares.

• Recursos dixitais:

– Cesión de contidos dixitais propios e/ou espazos físicos para o seu aproveitamento por parte da cidadanía no marco da inclusión dixital.

– Doazón de bens tecnolóxicos: cesión de material e equipamento tecnolóxico susceptible de ser reutilizado por outras entidades colaboradoras «aliadas dixitais».

c) Referentes dixitais.

• Participación activa no desenvolvemento de actividades de divulgación, sensibilización, formación e nos proxectos e iniciativas singulares tales como:

• Difundir a través de seminarios de expertos e xornadas de casos de éxito os novos produtos e servizos xerados por eles como referentes, en novas tendencias tecnolóxicas.

• Difundir vocacións e novas profesións no ámbito dixital dirixidas á cidadanía, poñendo maior énfase na mocidade e/ou nas persoas en busca de emprego.

d) Mentores dixitais.

Apoio e acompañamento no desenvolvemento de iniciativas e proxectos de innovación social dixital, aliñados coa Axenda dixital de Galicia 2020.

Os profesionais e emprendedores que se unan como mentores dixitais acrecentarán, coa súa adhesión, unha comunidade que cree, impulse e acelere un maior número de proxectos de innovación social dixital en Galicia.

Os mentores dixitais encargaranse de:

• Participar nunha comunidade aberta e colaborativa onde, coa axuda da tecnoloxía, ofrecerán unha pequena parte do seu tempo para axudar persoas con ideas creativas e innovadoras.

• Dar apoio a unha idea, sexa virtual e/ou presencial, segundo cada caso.

Cuarto. Dereitos dos «aliados dixitais»

Aqueles «aliados dixitais» que formalicen a súa adhesión no marco da inclusión dixital de Galicia terán dereito, a través dos procedementos operativos establecidos para o efecto, a:

a) Empregar o cualificativo de «aliado dixital» do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 nas súas publicacións ou elementos promocionais.

b) Beneficiarse das accións de comunicación que realice a Amtega a través das canles de comunicación que ten ao seu alcance para a correcta difusión da inclusión dixital. Neste senso, a Amtega garantirá a presenza do logotipo e/ou nome da entidade ou referente/mentor dixital, que figurará conxuntamente co do organismo promotor, Xunta de Galicia, nas actividades de difusión e divulgación que se realicen.

c) Utilizar, de maneira temporal, de balde, sen exclusividade e sempre que haxa dispoñibilidade, a rede de aulas CeMIT que a Amtega pon á súa disposición, para o desenvolvemento de actuacións de interese no eido da inclusión dixital, así como aqueles equipamentos cedidos por outras entidades colaboradoras no marco da presente resolución.

d) Acceder aos recursos relativos á inclusión dixital de Galicia, que recolle os activos existentes e os datos de contacto do resto dos participantes nesta iniciativa, así como aos mecanismos de comunicación que permitan establecer os contactos profesionais necesarios que posibiliten a colaboración no desenvolvemento de calquera das liñas de actuación na mellora da inclusión dixital.

e) Dispoñer do catálogo de servizos dixitais que inclúe o plan de formación, e os recursos formativos, metodoloxías didácticas e guías formativas que derivan del, así como de calquera outro material formativo cedido polos «aliados dixitais» no marco da presente colaboración, para o seu aproveitamento pola entidade na realización de actividades de alfabetización e inclusión dixital.

f) Beneficiarse de actuacións de capacitación ao seu persoal para o correcto desenvolvemento de actividades de alfabetización dixital naqueles colectivos con que a entidade teña relación.

g) Uso dos procedementos e ferramentas tecnolóxicas que posúe a Amtega para a xestión, rexistro e desenvolvemento das actividades de mellora da inclusión dixital, así como formación e asesoramento no seu uso.

h) No caso particular de entidades colaboradoras inscritas ou en vías de inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, poderán:

• Solicitar apoio de persoas voluntarias rexistradas no Programa de voluntariado dixital para o desenvolvemento das actividades de inclusión dixital.

• Solicitar equipamento tecnolóxico cedido por outros «aliados dixitais», para a mellora dos servizos que prestan aos colectivos con que traballan.

i) Deducións fiscais naqueles casos que permite a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

j) No caso particular dos referentes dixitais, integraranse na rede de referentes dixitais, e no caso dos mentores, integraranse na rede de mentores, que recollen os activos existentes e os datos de contacto do resto dos participantes nesta iniciativa.

Quinto. Obrigas dos «aliados dixitais»

Aquelas entidades ou profesionais que formalicen a súa adhesión ao Plan de inclusión dixital 2020 como «aliados dixitais» comprométense, a través da solicitude, a:

• Indicar o tipo de «aliado dixital».

• Definir e levar a cabo as liñas de colaboración de interese.

• Executar as actuacións de colaboración que se describen na memoria de activades do recadro habilitado no formulario de solicitude.

• Estar ao día nos pagamentos coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, coa Seguridade Social e co resto das administracións públicas.

Sexto. Procedemento de adhesión de «aliados dixitais»

A presentación de solicitudes efectuarase de xeito unicamente electrónico a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Sétimo. Documentación que se presentará

1. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo do poder con que actúa a persoa que ten a representación da entidade, no caso de actuar por medio de representante.

b) No suposto de tratarse dunha entidade pública, documentación acreditativa do acordo alcanzado para a súa participación como entidade/organismo colaborador.

c) Documento acreditativo de estar ao día no pagamento á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, só no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Documento acreditativo de estar ao día no pagamento á Seguridade Social, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Documento acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a contratación coas administracións públicas, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2. A documentación presentarase en formato electrónico utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Na sede electrónica atópanse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa interesada desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, e deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia comprobará que as solicitudes cumpren os requisitos exixidos na presente resolución, necesarios para admitir a trámite as solicitudes; en caso contrario requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no citado artigo 71 da Lei 30/1992. De non facelo, considerarase desistido da petición e arquivarase o expediente.

Oitavo. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Noveno. Resolución

1. A resolución do procedemento corresponde á persoa titular da dirección da Amtega e será notificada no lugar indicado como preferente polo interesado na súa solicitude. Cando o medio utilizado sexa o enderezo electrónico, a notificación non se entenderá producida ata que o interesado acceda ao contido da dita resolución.

O acceso electrónico das persoas interesadas ao contido da resolución administrativa producirá os efectos propios da notificación por comparecencia, tal e como establecen os artigos 28.1 e 5 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

2. Cando a resolución considere a solicitude de adhesión á alianza para a mellora da inclusión dixital, declarará a condición de «aliado dixital» do solicitante e indicará sucintamente os termos da colaboración, de acordo coas liñas de actuación recollidas na solicitude presentada, as cales serán concretadas e desenvolvidas posteriormente, de común acordo pola Amtega e o «aliado dixital».

3. Cando a resolución sexa desestimatoria farase constar o motivo da denegación. Non emendar as non conformidades ás previsións recollidas nesta resolución, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución ao interesado será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se teña ditado e notificado a resolución, o solicitante poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A resolución de adhesión como «aliado dixital» para a mellora da inclusión dixital de Galicia esgota a vía administrativa e contra ela, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante a dirección da Amtega, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo da localidade correspondente, no prazo de dous meses a partir do seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que consideren pertinente.

Décimo. Extinción da condición de «aliado dixital»

Será causa de extinción da condición de «aliado dixital» a revogación da colaboración entre este e a Amtega, por vontade de calquera das partes e en calquera momento da súa vixencia, así como o mutuo acordo ou o incumprimento dalgún dos puntos establecidos nesta resolución.

Décimo primeiro. Colaboradores previos

As entidades e mecenas dixitais que á entrada en vigor da presente resolución se atopen adheridos á rede CeMIT ou ao Programa de voluntariado dixital, en virtude dun protocolo de colaboración, integraranse de oficio como «aliados dixitais», salvo renuncia expresa. Para estes efectos estarán exentos de entregar a documentación que se exixe no punto sétimo desta resolución. Exclusivamente deberán cubrir, dentro do formulario de solicitude, os datos identificativos da entidade, categoría de «aliado dixital», liñas de interese e memoria das actividades que se levarán a cabo, indicando o público obxectivo dentro do prazo dun mes contado desde a publicación desta resolución.

Décimo segundo. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou entidade pública.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal seguirá o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a lopd@xunta.es.

Décimo cuarto. Formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Décimo quinto. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2016

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file