Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15917

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2016 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2016, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 1 de febreiro de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2016 e facultar o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2016, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2016, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos e convocar para o exercicio 2016 o dito concurso en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2016

09.A1.741A.4802

12.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2016, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos

O Instituto Galego de Promoción Económica, en diante Igape, convoca o concurso Eduemprende Idea 2016, no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino e aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido, o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aprobado en 2010, conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Igape, ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende, no seu eixe 3, as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

A convocatoria deste concurso será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Os premios regulados nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2016, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Procedemento

O procedemento de concesión destes premios tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Os premios que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2015/16 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 5. Modalidades e características dos premios

1. Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

a) Modalidade A: ciclos de grao superior.

Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Asesoramento técnico do Igape.

Dotación económica:

1º premio: 3.000 euros.

2º premio: 2.000 euros.

3º premio: 1.000 euros.

b) Modalidade B: ciclos de grao medio.

Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Asesoramento técnico do Igape.

Dotación económica:

1º premio: 3.000 euros.

2º premio: 2.000 euros.

3º premio: 1.000 euros.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

Teranse en conta os seguintes criterios á hora de avaliar os proxectos presentados en cada unha das dúas modalidades:

a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo, e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade económica e comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para obter beneficios de xeito sostible, e o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira (máximo 10 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) O volume do proxecto: investimentos, persoal, etc. (máximo 10 puntos).

Avaliarase segundo a contía das necesidades financeiras:

Necesidades financeiras < 50.000 €: 5 puntos. Necesidades financeiras > 50.000 €: 10 puntos.

e) A súa creatividade e a coherencia do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

f) O impacto na súa área (0-10 puntos).

Avaliarase en función da capacidade do proxecto para xerar riqueza na súa contorna (empregos directos/indirectos, incidencia noutras actividades económicas).

g) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 10 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

h) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (elevator pitch) (máximo 10 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

i) O cronograma da posta en marcha (0-5 puntos).

Non consta: 0 puntos. Consta: 5 puntos.

j) Que non teña recoñecido outro premio similar polo mesmo proxecto (0-5 puntos).

Xa premiado: 0 puntos. Non premiado: 5 puntos.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento. Deberá presentar, entón, a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de participación, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo do proxecto para o que opta aos premios a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes de participación presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición.

4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto das persoas participantes no mesmo proxecto, no caso de non dar o consentimento para a comprobación electrónica do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

c) Proxecto de empresa.

d) Resumo executivo do proxecto.

e) Vídeo de presentación do proxecto.

5. Os materiais e recursos dixitais que acompañen a solicitude deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Requisitos de forma.

1º. Os traballos serán orixinais e inéditos.

2º. Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

b) Requisitos técnicos.

1º. Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

2º. Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo 38.4 da Lei 30/1992.

7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

b) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño).

8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

Para os efectos da avaliación dos proxectos presentados, constituirase unha Comisión avaliadora formada por:

a) Dous/dúas representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Dous/dúas representantes do Igape.

c) Un/unha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión e redactará unha acta de cada sesión que se celebre.

A comisión elixirá de entre os seus membros ao/á presidente/a.

O funcionamento da Comisión farase ao abeiro do réxime xurídico dos órganos colexiados contido na sección III, capítulo I do título I (artigo 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez avaliados os proxectos de empresa pola Comisión avaliadora, o órgano instrutor formulará a proposta provisional de resolución, que poderá consultarse na aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, e comunicaráselles ás persoas solicitantes por correo electrónico.

2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de dez días hábiles co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas.

3. Logo de revisadas as alegacións, a Área de Competitividade do Igape elaborará a proposta de resolución definitiva de adxudicación dos premios, que elevará ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

4. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia, publicación que producirá os efectos da notificación segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

6. Declararase deserto o premio naquelas categorías en que ningún dos proxectos presentados acade unha puntuación mínima de 40 puntos.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Pagamento dos premios

1. O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

a) Cada proxecto de empresa recibirá, como máximo, un premio.

b) A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2016.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do referido premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto beneficiarias deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do referido premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. Cada persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable incluída no anexo I e no anexo II recollidos no artigo 8.4 destas bases. De transcorrer máis de seis meses desde a presentación da declaración incluída no anexo I e no anexo II destas bases, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. As persoas beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 14. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán os premios concedidos ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia deles puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará os premios concedidos ao abeiro destas bases no portal de transparencia e Goberno aberto, na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia; expresará a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade do premio, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 16. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file