O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.
O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, establece que corresponde á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.
A Consellería de Política Social considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado; actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.
Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.
Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no relativo á publicación das axudas concedidas.
Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,
RESOLVO:
Artigo 1 Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2016.
2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades de carácter privado sen ánimo de lucro, sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:
a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
1. Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.
2. Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
3. Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal etc.).
b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:
1. Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
2. Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e o mantemento de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.
Artigo 2. Beneficiarias/os
As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2016, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención previstas na Estratexia de acción voluntaria 2015-2018.
Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os
1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:
a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.
c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.
2. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.
4. As solicitudes presentadas por unha agrupación de entidades farán constar no proxecto a parte executada por cada unha delas, así como o orzamento destinado ao dito proxecto. Neste caso, as entidades agrupadas non poderán presentar solicitude a título individual para o mesmo proxecto.
Cando as solicitudes das entidades conteñan propostas de proxectos conxuntos, cada unha delas deberá asumir a responsabilidade solidaria do proxecto mediante escrito debidamente asinado por todas, ademais de designar unha ou un responsable e un enderezo únicos para os efectos de notificacións administrativas.
Artigo 4. Crédito total
As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.481.0, por un importe de cento corenta e cinco mil douscentos corenta e cinco euros (145.245 €), segundo o establecido na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
Artigo 5. Conceptos subvencionables
1. Serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2016, entre as que se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, os servizos de comunicación (telefónicos, postais e telegráficos) e os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.
2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.
3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda por proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración do artigo 8, ata esgotar o crédito dispoñible.
Artigo 6. Solicitudes, prazo de presentación e documentación
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
A Administración da Comunidade autónoma de Galicia comunicará á Base de datos nacional de subvencións o texto da presente convocatoria e demais información requirida por ela.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
2. As solicitudes, cubertas segundo o modelo do anexo I, presentaranse xunto coa seguinte documentación:
a) Copia do DNI do representante legal da entidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.
b) Copia do NIF da entidade, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación pola propia Administración.
c) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de beneficiarios. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias con que se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.
3. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou os demais previstos na lexislación aplicable, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.
Artigo 7. Protección de datos
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificio administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es.
Artigo 8. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.
Artigo 9. Instrución
1. O Servizo de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.
2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:
a) Presidente: a/o xefa/o de Sección de Voluntariado.
b) Secretario: unha/un funcionaria/o do Servizo de Voluntariado e Participación, a/o cal participará con voz pero sen voto.
c) Vogais: dous técnicos do Servizo de Voluntariado e Participación.
3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.
4. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 8, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe darase traslado ao órgano instrutor para que proceda a propor a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.
5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Artigo 10. Criterios de valoración
A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 8. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:
a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).
– Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participar no proxecto.
– Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.
– Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios con que se conta e os que terán que incrementar.
– Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.
b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado (ata 20 puntos).
c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):
– Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.
– Achega financeira da entidade ao proxecto.
– Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.
d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).
e) Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).
Artigo 11. Resolución
1. No prazo máximo de quince días desde que o órgano instrutor formule a proposta de resolución, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ditará a correspondente resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados.
2. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación do conselleiro de Política Social, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
4. Se a resolución non for notificada aos interesados no prazo o que se refire o número anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.
5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación e, transcorrido este sen se producir manifestación expresa en contrario, se entenderá tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 12. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde adóptanse por delegación segundo a súa disposición adicional primeira, e consideraranse ditadas polo órgano delegante. As resolucións esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.
Artigo 13. Xustificación da axuda concedida
1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, os beneficiarios procederán, ata o 20 de outubro de 2016, á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión. Para isto, o beneficiario deberá presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:
a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.
b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.
c) Anexo II.
d) Anexo III acompañado da seguinte documentación:
– Facturas orixinais dos gastos realizados. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas deberán presentarse xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.
No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.
– Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto por que se retribúe.
– Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias compulsadas dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.
– Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán necesariamente as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto por que se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.
– Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do gasto, nas cales constará o nome do programa ou actividade, así como os datos persoais que identifiquen a persoa colaboradora.
– En canto aos fondos propios, de os haber, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.
– Declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, en caso de denegar a autorización expresa segundo o expresado no artigo 8.3 desta orde.
2. Os órganos competentes da Consellería de Política Social poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.
Artigo 14. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución
1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.
Artigo 15. Pagamento da axuda
O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65º.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.
Artigo 16. Pagamentos anticipados
1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.
2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se for o caso, se concedan non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.
Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades de acción voluntaria privadas que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:
a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.
c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.
d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Artigo 18. Fiscalización e control
A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 19. Reintegro das axudas ou subvencións
Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:
a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.
b) Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.
c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde.
d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.
e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.
f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando se derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.
De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará unida a obriga de devolver as cantidades percibidas.
Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.
Artigo 20. Publicidade
Unha vez rematada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 21. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional segunda. Incremento do crédito
Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016.
Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións
Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.
Disposición adicional cuarta. Rexistro de subvencións e información
Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade para que os datos facilitados para concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2016
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social