Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 9 de maio de 2016 Páx. 17222

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do 6 de abril de 2016, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do 23 de outubro de 2015, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos números 10 e 25 do artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas de conformidade cos seguintes compromisos:

a) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o número 10 do artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica o punto 3 do artigo 28 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ambas as partes entenden que se trata dun precepto referido á forma de aboamento da indemnización, e sempre que haxa mutuo acordo entre a Administración e a persoa expropiada, e non ás regras de valoración, que deberán respectar, en todo caso, a lexislación estatal de solo. Así mesmo, entenden ambas as partes que a referencia a terreos en situación urbanizada debe ser entendida só e exclusivamente en relación cos solos incluídos en núcleos rurais tradicionais legalmente asentados no medio rural, aos cales se refire o artigo 21.4 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, do 30 de outubro de 2015, nos que exista aproveitamento urbanístico de acordo coa lexislación e o plan urbanístico.

b) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o número 25 do artigo único da Lei 6/2015, do 7 de agosto, pola que se modifica o que se engade no punto 3 do artigo 58 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ambas as partes entenden que estamos en presenza da fixación dun prazo de prescrición en relación cun procedemento administrativo de declaración e recuperación por danos e perdas ao dominio público viario regulado na dita Lei 8/2013.

Segundo. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 6 de abril de 2016

Cristóbal Montoro Romero
Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza