Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 18 de maio de 2016 Páx. 19205

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2016 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección polo que se modifican as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape, previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mediante a Resolución do 3 de xuño de 2014 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape, previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013 en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e se procedeu á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 108, do 9 de xuño de 2014). Esta normativa foi modificada pola Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG núm. 82, do 4 de maio) e pola Resolución do 10 de setembro de 2015 (DOG núm. 178, do 17 de setembro).

O crédito inicial, que ascendía a 8.000.000 €, foi ampliado sucesivamente ata os 26,6 millóns de euros. Ata a data actual aprobáronse 45 operacións por importe total de 13,7 millóns de euros, que supoñen un investimento inducido de 23,75 millóns de euros e a previsión de creación de 168 postos de traballo. Na data actual, figuran pendentes de resolución 79 expedientes por importe aproximado aos 24 millóns de euros, e está aínda aberto o prazo de presentación de novas solicitudes ata o próximo 31 de marzo de 2016.

O éxito que está tendo este programa para o financiamento das pemes galegas, posto de manifesto polo número de solicitudes e o volume de investimentos e emprego inducido que supón, aconsella ampliar ao máximo permitido os prazos para instrumentar e dispoñer dos fondos das operacións de préstamo, de xeito que se facilite a execución dos proxectos, dentro das posibilidades permitidas na regulación do instrumento financeiro Jeremie.

O establecemento dos novos prazos faise tendo en conta as normas de subvencionabilidade aplicables ao instrumento financeiro Jeremie, establecidas no anexo da Decisión da Comisión Europea pola que se modifica a Decisión C2013/1573, relativa á aprobación das directrices sobre o peche dos programas operativos adoptados para recibir axuda do Feder, FSE e Fondo de Cohesión 2007-2013 (DOCE C30/04/2015).

A ampliación de prazos de formalización e disposición debe posibilitarse, así mesmo, para as operacións xa aprobadas e formalizadas, por canto a flexibilidade dos prazos facilita a execución dos proxectos e redunda, en definitiva, nunha execución de investimentos e emprego resultante máis satisfactoria.

En virtude do exposto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 7 de abril de 2016, acordou a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante a Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño) e modificadas pola Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG núm. 82, do 4 de maio) e pola Resolución do 10 de setembro de 2015 (DOG núm. 178, do 17 de setembro), no seguinte senso:

1. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 9, que queda redactado do seguinte xeito:

«As empresas beneficiarias deberán instar a formalización do préstamo nos prazos establecidos no acordo de concesión, que non superarán o 30 de xuño de 2016.

Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalizarse a operación, revogarase a concesión e arquivarase o expediente».

2. Modifícase o artigo 10.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«10.1. O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos rematará o 15 de xullo de 2016. En todo caso, este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo».

3. Modifícase a letra b) do artigo 10.6, que queda redactada do seguinte xeito:

«b) O acordo de concesión establecerá as cautelas necesarias para tratar de evitar que os fondos do préstamo poidan ser aplicados a finalidades distintas do pagamento aos provedores do investimento. Con carácter xeral:

b.1) Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 29 de xullo de 2016, será necesario acreditar previamente a existencia de débeda cos provedores dos bens que se van financiar, mediante orixinal ou copia cotexada de facturas, contratos, facturas pro forma ou orzamentos debidamente aceptados. En proxectos xa iniciados, e sempre para a segunda e posteriores disposicións, será necesario acreditar documentalmente a realización e o pagamento dos investimentos executados, mediante copia cotexada de facturas, xustificantes de pagamento e extractos bancarios. Con carácter xeral, a parte do proxecto financiada con fondos propios ou outros fondos alleos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultaneamente.

b.2.) Para os proxectos cuxo prazo de execución se estenda máis alá do 29 de xullo de 2016, o desembolso da totalidade dos fondos do préstamo deberá realizarse con anterioridade á dita data, nunha conta bancaria aberta a nome da beneficiaria exclusivamente para tal efecto, e non deberá aplicarse a finalidades distintas ao pagamento dos provedores do investimento. As disposicións desa conta bancaria específica realizadas con posterioridade á devandita data do 29 de xullo de 2016 deberán ser previamente autorizadas á entidade financeira por parte do Igape».

Segundo. Tamén poderá ser de aplicación aos beneficiarios de préstamos xa aprobados e/ou formalizados, logo de solicitude dos interesados de ampliación dos prazos previamente establecidos, que resolverá a Dirección Xeral do Igape, logo de informe da Área de Financiamento. En caso de operacións de préstamo xa formalizadas, todos os gastos derivados da novación serán por conta da beneficiaria, que deberá presentar ao Igape a primeira copia da escritura de novación ou póliza de préstamo debidamente liquidada e rexistrada no prazo establecido na correspondente resolución».

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será de aplicación aos expedientes pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica