Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 19 de maio de 2016 Páx. 19314

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia.

Mediante o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, establécense a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e as competencias da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

A actividade administrativa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos ou entidades, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Segundo o previsto nos artigos 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Eficiencia enerxética

1. Deléganse no Instituto Enerxético de Galicia todas as competencias atribuídas á dirección xeral competente en materia de enerxía polo Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, polo que se traspón a Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, no referente a auditorías enerxéticas, acreditación de provedores enerxéticos e promoción da eficiencia da subministración de enerxía.

2. Durante a vixencia da presente delegación de competencias, todas as referencias ao órgano competente en materia de eficiencia enerxética da Comunidade Autónoma e ao seu titular contidas na antedita normativa entenderanse realizadas ao Instituto Enerxético de Galicia e ao titular da súa dirección.

Segundo. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de competencias conferidas por esta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro. Revogación

O director xeral poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas