Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 27164

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de xuño de 2016 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas (clave OU/08/053.01.1).

Con data do 7 de xuño de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 28 de outubro de 2015 aprobouse provisionalmente, por resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, de clave OU/08/053.01.1.

Segundo. Con data do 6 de novembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 212 o anuncio do 29 de outubro de 2015, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, de clave OU/08/053.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse informes, alegacións e certificados, e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental sométense ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, sométese a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

Por todo o exposto, e logo da análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar, de acordo co establecido no artigo 22.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, de clave OU/08/053.01.1, mantendo o trazado proposto como definitivo e tendo en conta as seguintes consideracións:

– En fase de expropiación valoraranse e corrixiranse as posibles incorreccións ou deficiencias na relación de bens, dereitos e propietarios afectados.

– En fase de proxecto de construción teranse en conta as indicacións recollidas no informe de alegacións, incluíndo as do informe do Ministerio de Fomento, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas