Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 30 de xuño de 2016 Páx. 27624

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de xuño de 2016 pola que se autorizan a apertura e o funcionamento do centro de ensinanzas deportivas Federación Galega de Judo da Coruña.

O representante da Federación Galega de Judo solicita a apertura e o funcionamento do centro de ensinanzas deportivas Federación Galega de Judo para impartir as ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo e técnico deportivo superior en Judo e Defensa Persoal, reguladas, respectivamente, no Real decreto 706/2011, do 20 de maio, e no Real decreto 705/2011, do 20 de maio.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartiren ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería, do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas cales se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar a apertura e o funcionamento do centro de ensinanzas deportivas que se sinala a seguir:

Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas (CAD).

Denominación específica: Federación Galega de Judo.

Código do centro: 15033022.

Titular: Federación Galega de Judo.

Domicilio: r/ Sebastián Martínez Risco, 12.

Localidade: A Coruña.

Código postal: 15009.

Concello: A Coruña.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan:

Grao medio: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Judo e Defensa Persoal (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

Grao superior: ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Judo e Defensa Persoal (1 unidade para 20 postos escolares).

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento adecuado.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria