Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 27921

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 3 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as en ciclos formativos de acuicultura e se procede á súa convocatoria.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 117 establece que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a dita prestación formativa.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa simulada, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da Administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os/as titulados/as en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura participar neste itinerario de perfeccionamento profesional, para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores/as en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abarcan as axudas obxecto desta convocatoria.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura; así como proceder a convocar catro (4) bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos.

Artigo 2. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión dun ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Pode presentarse aquel alumnado titulado como técnico medio en Operacións de Cultivo Acuícolas/técnico medio en Cultivos Acuícolas e/ou técnico superior en Produción Acuícola/técnico superior en Acuicultura.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de catro, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 8 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data indicada na resolución de concesión da bolsa e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos euros (800 €).

4. As persoas beneficiarias das bolsas integraranse no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

5. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do centro.

6. Os/as titores/as elaborarán un plano formativo para os bolseiros en que quedará reflectido o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación.

7. Os/as beneficiarios/as realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa), segundo a programación formulada polo/a titor/a correspondente.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón servizos de administración electrónica da páxina https://sede.xunta.es, tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://www.mar.xunta.gal.

2. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Título académico correspondente (só no caso de non autorizar a súa consulta) ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Certificación académica completa dos estudos realizados indicados nesta convocatoria, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas.

d) Currículum vítae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Unha memoria asinada polo/a aspirante que incluirá os seguintes puntos:

– Unha planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa de 3 mm de tamaño.

– Un estudo sobre as actividades de cultivo por área de produción que se van levar a cabo nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

Artigo 5. Consentimentos e autorización

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberanse xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu lugar, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial (www.mar.xunta.gal) a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n,15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es.

Artigo 7. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Os servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporán, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, de ser o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial www.mar.xunta.gal Esta lista estará exposta durante dez días e os/as interesados/as poderán, durante ese prazo, emendar os erros e a falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Unha vez transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Avaliación e selección

Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no punto 2 deste artigo.

1. Comisión de avaliación.

A selección das persoas candidatas será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente: o/a subdirector/a xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión.

– Vogais: tres vogais en representación do Igafa e un vogal en representación do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), designados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaínte: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicando a fórmula nº puntos/nº materias+nº de convocatorias

Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

b) Currículum vítae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1. Cursos ou formación máis adecuada para o desenvolvemento da bolsa (ata 1 punto):

Acuarioloxía: 0,15 ptos.

Iniciación ao mergullo: 0,10 ptos.

Mergullador/a 2ª clase restrinxida: 0,15 ptos.

Mergullador/a 2ª clase: 0,20 ptos.

Mariñeiro/a pescador/a: 0,15 ptos.

Formación básica: 0,15 ptos.

Carné de conducir clase B: 0,10 ptos.

b.2. Certificado oficial acreditativo dos niveis de coñecemento da lingua galega, en particular o Celga 4, tendo a mesma validez o antigo certificado de perfeccionamento: 0,40 puntos.

b.3. Idiomas: ata 0,40 puntos (inglés, 0,30; outros idiomas, 0,10).

b.4. Coñecementos informáticos: ata 0,20 puntos.

c) Valoración da memoria, asinada polo/a aspirante, que incluirá dous puntos: máximo 4 puntos.

c.1. Planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3 mm de tamaño, nunha instalación tipo minicriadoiro. Terá unha puntuación máxima de 2 puntos.

c.2. Estudo en que se prevexan todas as actividades de cultivo que se van realizar nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos. Terá unha puntuación máxima de 2 puntos.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente académico, do currículo e da valoración da memoria.

No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude daqueles aspirantes que tivesen cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás que acaden maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios de bolsa.

Unha vez publicada a relación provisional de beneficiarios/as no taboleiro de anuncios do Igafa, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas. Transcorrido este prazo, a comisión reunirase de novo para resolver as alegacións presentadas, de ser o caso.

Artigo 9. Resolución e recursos

a) Resolución.

Elaborada a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resolverá por delegación da conselleira do Mar a concesión das bolsas. Na resolución figurará un/unha beneficiario/a por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todos os solicitantes admitidos, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG.

De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

b) Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non considerarse a presentación deste recurso, poderán as persoas interesadas interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 10. Aceptación da bolsa e pagamento

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión no DOG, os/as beneficiarios/as das bolsas deberán comunicar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a, no cal se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin disfruta doutro tipo de bolsa ou axuda, agás, se for o caso, as permitidas no artigo 11.f).

2. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes, respectivamente. É necesario, para proceder ao pago mensual, que o/a director/a do Igafa certifique a actividade dos/das bolseiros/as.

O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do responsable do/da bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

Artigo 11. Obrigas dos/das bolseiros/as

a) O persoal bolseiro deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección de dous/dúas titores/as que definirán as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de desfrute da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo/a titor/a.

e) Estas bolsas non implican ningunha relación laboral co centro a que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/das bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos. Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/da interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano e dedicación non maior de media xornada, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 12. Renuncias, procedemento de substitución e interrupcións

No caso de renuncia á bolsa por parte do persoal beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, polo menos, con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

A vacante poderá cubrirse polo período de desfrute restante co/coa candidato/a suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade, non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Artigo 13. Dotación orzamentaria

O financiamento destas bolsas farase con cargo ás partidas orzamentarias 14 03 422K 480.0 (76.800 €) e 14 03 422K 484.0 (5.120 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2016-2018, coa seguinte distribución por anos:

2016

2017

2018

14.03.422K.480.0

6.400 €

38.400 €

32.000 €

14.03.422K.484.0

320 €

2.400 €

2.400 €

Artigo 14. Control

O persoal beneficiario das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Os/As beneficiarios/as das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora percibidos desde o momento do seu pagamento, ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2016

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file