Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 5 de xullo de 2016 Páx. 28439

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de conformidade co establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co artigo 148.1.20 da Constitución española e, facendo uso desas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se ordenan e se regulan os aspectos básicos do Sistema galego de servizos sociais.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade competencias relativas, entre outras, a dirixir, impulsar, xestionar, planificar, coordinar, controlar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, ás persoas con discapacidade e persoas dependentes, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece no seu artigo 7 que, para facer efectivo o dereito á igualdade das persoas con discapacidade, as administracións públicas promoverán as medidas necesarias para que o exercicio en igualdade de condicións dos dereitos das persoas con discapacidade sexa real e efectivo en todos os ámbitos da vida.

No marco destas competencias o Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 5 de novembro de 2015, a Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020 (ESGADI) como instrumento de planificación e mellora que recolle as actuacións que se desenvolverán no eido da discapacidade; entre as súas seis liñas estratéxicas recolle a de formación e emprego e incorpora de maneira transversal ao conxunto de políticas catro dimensións, entre as cales figura a da perspectiva de xénero.

Esta orde de convocatoria atende as disposicións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación; así mesmo, dá cumprimento ás previsións incluídas no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A presente convocatoria enmárcase no programa operativo FSE de Galicia para o período 2014-2020 e dá debido cumprimento á normativa comunitaria de aplicación, de conformidade coas previsións que ao respecto establecen:

Dunha banda, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, que establece entre os seus obxectivos temáticos o de promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera outra forma de discriminación.

E doutra banda, o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello, que establece as normas do Fondo Social Europeo, que inclúe como obxectivo mellorar as oportunidades de emprego, reforzar a inclusión social, loitar contra a pobreza, promover a educación, a adquisición de capacidades e a aprendizaxe permanente e levar a cabo políticas de inclusión activas, sustentanbles e exhaustivas no marco das funcións que lle asigna o artigo 162 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE); deste xeito, o FSE contribuirá á cohesión económica, social e territorial, de conformidade co disposto no artigo 174 do TFUE. Segundo o artigo 9 do TFUE, o FSE debe ter en conta as exixencias relacionadas coa promoción dun nivel de emprego elevado, coa garantía dunha protección social axeitada, coa loita contra a exclusión social e cun nivel adecuado de educación, formación e protección da saúde humana.

Así mesmo, o Regulamento de execución (UE) nº 215/2014 da Comisión, do 7 de marzo de 2014, polo que se establecen as modalidades de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, concreta as normas específicas de cada un dos fondos estruturais e de investimento europeos e establece entre as súas categorías de intervención a inclusión activa, a de promover a igualdade de oportunidades e a participación activa e a mellora da capacidade de inserción profesional.

Particularmente, o programa operativo FSE Galicia 2014-2020 inclúe, dentro das accións financiables, as medidas de asesoramento e formación para persoas con discapacidade, e promove o desenvolvemento de actuacións individualizadas para cada unha das persoas participantes, entendendo como tales a planificación do proceso formativo prelaboral de cada persoa mediante a avaliación das necesidades e asesoramento, para o cal asigna aquela formación que máis cumpra coas características do participante, así como os recursos de apoio necesarios.

O programa operativo FSE Galicia 2014-2020 indica que a porcentaxe de persoas en risco de pobreza ou exclusión social en Galicia amosa un elevado valor, ademais de presentar un agravamento nos últimos anos, pois pasou do 22,1 % no ano 2011 ao 23,6 % no ano 2012. E dentro do ámbito da discapacidade, segundo os datos do Censo de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % en Galicia, ascende a 233.774 persoas, o que supón o 9,11 % do total estatal e o 8,55 % do total da poboación galega.

Neste marco, os procesos de integración social e laboral de persoas e familias en situación ou en risco de exclusión social requiren accións sociais específicas, complementarias daquelas que se presentan con carácter xeral para a formación e o emprego. En concreto, as persoas con discapacidade son un colectivo que necesita dunha maior protección social para os efectos de poder lograr a igualdade de trato en todos os ámbitos, unha mellora da empregabilidade e adquisición de competencias.

Consecuentemente co anteriormente exposto, mediante esta liña de axudas apoiarase a realización de accións formativas e de reforzo destinadas á formación prelaboral e á adquisición de habilidades, dirixidas ao colectivo de persoas de idades comprendidas preferentemente entre os 21 e 35 anos cun grao de discapacidade entre o 33 e o 80 %. Igualmente, incentivarase a vinculación destas actividades co medio rural, de xeito que contribúa ao mantemento do asentamento da poboación, así como a unha maior visualización e valoración do contorno en que se vive.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto global ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo, incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

Por todo o exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o período 2016-2017 dunha liña de subvencións dirixidas ás confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social non asociadas nin federadas, no ámbito das persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización por estas dun ou varios proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral.

2. A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas con discapacidade en idades comprendidas, preferentemente, entre os 21 e os 35 anos e cun nivel de discapacidade de entre o 33 e o 80 %, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de accións formativas nos seguintes eidos:

a) Para as persoas participantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % e ata o 80 %, promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou a área de formación básica e prelaboral.

b) Para as persoas participantes cun grao de discapacidade de entre o 33 % e o 65 %, promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren as súas posibilidades de inserción laboral (formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as confederacións e as federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou realización de accións no ámbito das persoas con discapacidade e as entidades de iniciativa social que, contando con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.

2. Poderán, así mesmo, ser destinatarias as confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior, que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades (en diante, agrupación), nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Neste suposto, a federación ou confederación, que se denominará promotora e será a perceptora da axuda, deberá contar con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación, e asumirá a dirección do proxecto formativo e a representación fronte ao órgano convocante.

As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule que, en todo caso, deberá incluír os seguintes aspectos:

a) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles.

b) O acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración.

c) O compromiso da promotora da distribución da axuda entre a agrupación, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

d) Os acordos de confidencialidade.

e) A xestión da agrupación e a distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

f) A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. En ambos os dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas e os requisitos exixidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións e, de xeito particular, os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na comunidade autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A xustificación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante a subscrición da declaración responsable da persoa representante da entidade ou da agrupación, incluída no anexo I.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

4. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 3. Financiamento e compatibilidade das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.312E.481.2 (proxecto 2016-00171), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2016 e 2017, por importe de 1.015.158,00 euros e coa seguinte distribución:

– Ano 2016: 610.000,00 €.

– Ano 2017: 405.158,00 €.

O financiamento da anualidade 2017 quedará condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para ese exercicio.

Este importe está cofinanciado nun 80 % con fondos FSE do programa operativo de Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 09 «promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 09.01 «a inclusión activa, en particular con vistas a fomentar a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da empregabilidade», obxectivo específico: 09.01.01 Mellorar a inserción sociolaboral de persoas en situación de risco ou exclusión social, a través da activación de itinerarios integrados e personalizados de inserción.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. As subvencións para os proxectos previstos nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda publica, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación. Así mesmo, se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de achegas das persoas participantes, taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable, no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados na solicitude de subvención. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fagan constar na solicitude ou sexan superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Será subvencionable o desenvolvemento de proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral básica, hábitos prelaborais e de formación en habilidades sociais e para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá, que cumpran os requisitos establecidos no conxunto desta orde.

2. Cada proxecto formativo disporá dos mecanismos precisos para a individualización das medidas para cada unha das persoas participantes, con avaliación das necesidades e asesoramento, asignando aquela formación que máis cumpra coas características do participante, así como os recursos de apoio necesarios. Os proxectos procurarán incrementar a participación das mulleres con discapacidade, co motivo de achegarse ao obxectivo da consecución da igualdade entre homes e mulleres.

A execución dos proxectos formativos efectuarase a través de itinerarios de formación que incorporarán as actuacións seguintes:

– Valoración individual.

– Deseño do itinerario.

– Asignación das accións formativas e dos recursos de apoio necesarios.

– Medidas de acompañamento.

– Seguimento e revisión dos obxectivos perseguidos.

En todo momento, este itinerario personalizado deberá cumprir cos obxectivos de aprendizaxe funcional, construtiva e cooperativa, así como a flexibilidade, a motivación, a participación activa e a interdisciplinariedade, aplicando ás tarefas de carácter individualizado do proxecto formativo unha ratio dun profesional por cada 6 persoas participantes e, ás correspondentes a accións formativas de carácter grupal, unha ratio dun profesional por cada 10 persoas participantes.

O proxecto formativo incluirá o desenvolvemento dunha ou varias das seguintes accións formativas:

a) Habilidades sociolaborais.

b) Habilidades da vida diaria en tarefas orientadas á autoxestión.

c) Comunicación verbal, lecto-escritura, competencias sociais.

d) Formación básica en novas tecnoloxías e informática.

e) Clases de apoio (acceso a exames autoescola, competencias clave ...).

f) Actividades relacionadas co desenvolvemento de habilidades persoais e laborais vinculadas co contorno en que se desenvolven, con especial atención ao medio rural.

g) Accións formativas que posibiliten a integración nun proxecto de desenvolvemento empresarial que permita a creación ou consolidación dunha actividade económica e a inserción laboral dos propios alumnos nela.

3. As accións formativas dirixiranse a alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida, preferentemente, entre os 21 e os 35 anos.

b) Ter un nivel de discapacidade recoñecida, segundo o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a Orde do 25 de novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade en Galicia, de entre o 33 e o 80 %.

Excepcionalmente as persoas con discapacidade visual cun grao superior ao 80 % poderán integrarse noutros proxectos formativos desta convocatoria en que non se complete o número de persoas participantes necesarias para acadar os ratios establecidos no artigo 4.2.

c) Estar empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non ser perceptor dunha libranza vinculada á prestación de servizos para centro ocupacional ou titulares dunha praza no Sistema galego de servizos sociais.

4. Os proxectos para os cales se solicite a subvención deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Describirán o método empregado para o deseño do itinerario proposto, que deberá incluír accións de carácter individualizado para cada unha das persoas participantes, entendidas como a planificación do proceso formativo prelaboral de cada persoa mediante a avaliación das necesidades e asesoramento, e garantir a asignación daquela formación que máis cumpra coas características do participante, así como os recursos de apoio necesarios.

A formación que recibirán as persoas participantes desenvolverase en función do itinerario establecido para cada unha e agruparase nas seguintes áreas: área de desenvolvemento persoal e social, área básica e prelaboral.

b) Resultar adecuados para os obxectivos e finalidades contidos nesta orde, así como aos principios xerais dos servizos sociais incluídos no artigo 4 da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

c) Referirse a un ou varios dos eidos previstos no artigo 4, procurando a súa adaptación ás necesidades específicas do concreto colectivo a que se dirixan.

d) Desenvolver o proxecto formativo durante 2016 e 2017. Poderán executar as accións formativas entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de marzo de 2017. En todo caso, as accións formativas non poderán ter finalizado antes do 16.5.2016, data en que se acadou a aprobación desta operación participada de financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo.

e) A contía máxima concedida por proxecto formativo, que poderá cubrir ata o 100 % do custo do programa, será de 60.000 euros.

f) Poderase solicitar a axuda para un ou varios proxectos formativos.

g) A solicitante deberá presentar no anexo III: información xeral dos proxectos, os criterios elixidos para a selección das persoas beneficiarias da convocatoria publicitada para o efecto, do detalle das solicitudes recibidas e do baremo empregado para a selección, de ser o caso. Entre os criterios de selección de persoas participantes deberán incluírse aquelas que procuren incrementar a participación das mulleres con discapacidade en Galicia.

Artigo 5. Gastos subvencionables e modalidades de xustificación

1. Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento de todo o proxecto formativo personalizado. Entre estes inclúense a valoración individual, o deseño do itinerario, a asignación das accións formativas e dos recursos de apoio necesarios, as medidas de acompañamento e o seguimento e revisión dos obxectivos previstos.

Os gastos clasifícanse, dunha banda, en gastos directos de persoal e outros gastos directos e, doutra banda, en gastos indirectos.

a) Serán gastos directos:

1º. Gastos directos de persoal, de acordo coa certificación de asignación de tarefas referida no artigo 8.3.d) deste orde.

2º. Outros gastos directos: materiais específicos, seguros destinados a cubrir continxencias de risco, axudas de custo e gastos de locomoción, servizos de apoio específicos, gastos de publicidade e campañas publicitarias e outros servizos necesarios, conforme o indicado no punto seguinte.

Estes gastos poderán ser efectuados directamente polo beneficiario ou a través de subcontratacións.

b) Serán gastos indirectos:

1º. Gastos indirectos de persoal, segundo se especifica no punto 2.1.c) deste artigo.

2º. Gastos en bens consumibles e en material funxible.

3º. Gastos en subministracións de luz, auga, calefacción, teléfono, combustibles, limpeza e seguridade.

4º. Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións.

2. A subvención poderá xustificarse de acordo cun baremo estándar de custo unitario por hora, nos termos que se detallan no punto 2.1. Excepcionalmente, para o caso dos gastos referidos no punto 2.2 poderá xustificarse de acordo cos custos reais con documentación soporte de gasto e pagamento.

a) Gastos subvencionados baixo a modalidade de módulo de custos simplificados, consonte o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14.2 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013.

Establécese un módulo por hora de 29,28 euros para titulado superior e de 24,69 euros para persoas con titulación media, de acordo coas retribucións salariais básicas establecidas na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016, relativas ao persoal laboral das citadas titulacións, e de acordo coa Orde do 14 de xaneiro de 2016 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016.

Os dous módulos indicados obtivéronse partindo dun custo unitario por hora de traballo efectivo realizado polos profesionais das categorías descritas no parágrafo anterior consonte as retribucións salariais indicadas, cun máximo de 1.720 horas para 12 meses.

Sobre os anteriores custos engadiuse un 40 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados da acción formativa.

Nesta modalidade inclúense os seguintes gastos:

1º. Gastos directos de persoal: terán esta consideración os gastos do persoal que estean directamente relacionados coas accións formativas subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a elas, en particular os seguintes:

As retribucións totais correspondentes ao persoal propio do beneficiario que participe no desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

Só serán imputables as horas efectivamente realizadas polas persoas con titulación superior e persoas con titulación media, logo de asignación de funcións no desenvolvemento do proxecto formativo.

Así mesmo, terán a consideración de gastos directos de persoal as retribucións correspondentes aos/ás traballadores/as por conta propia contratados/as polo beneficiario para a realización das accións formativas incluídas no proxecto formativo, logo de asignación de funcións.

En ambos os dous casos, deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

2º. Outros gastos directos. Serán subvencionables os gastos en:

– Materiais específicos necesarios para a execución do programa.

– Seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 4.2.

– Axudas de custo e gastos de locomoción, do persoal dedicado á execución do programa necesarios para a atención ás persoas participantes, vinculados ao seu desenvolvemento.

– Servizos de apoio específicos (fisioterapia, actividades físicodeportivas, intérprete de linguaxe de signos, etc.) necesarios para o desenvolvemento eficaz das devanditas actividades de formación, co fin de acadar unha atención o máis integral posible.

– Outros servizos necesarios para o desenvolvemento dos proxectos formativos (servizos de seguridade, servizos informáticos externos, etc.).

– Gastos de publicidade e campañas de sensibilización destinadas a resaltar a importancia da obtención da cualificación, así como para a difusión das actuacións subvencionadas.

3º. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva coas actuacións subvencionadas por teren carácter estrutural, pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

– Gastos indirectos de persoal (xestión administrativa e tarefas auxiliares).

– Gastos en bens consumibles e en material funxible.

– Gastos en subministracións (luz, auga, calefacción, teléfono, combustibles, limpeza e seguridade).

– Gastos de alugamento e mantemento de instalacións.

b) Gastos subvencionados mediante documentación soporte de gasto:

Subcontratacións: considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros polo beneficiario, que supoñan a execución parcial ou total dunha ou varias accións formativas das incluídas no artigo 4.2, integradas en cada proxecto formativo obxecto da subvención.

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta orde será do 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de marzo de 2017.

4. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

5. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de repercusión ou compensación.

6. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade por propia iniciativa ou por petición de calquera das persoas beneficiarias.

Artigo 6. Subcontratación

A subcontratación, que terá carácter excepcional, deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e cumprir os seguintes requisitos:

1. Non poderá exceder o 50 % do importe de cada proxecto formativo subvencionado.

2. Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre o beneficiario e a entidade subcontratista que deberá recoller, como mínimo, os seguintes contidos: obxecto da contratación, descrición das actividades que se van realizar, data de inicio e duración total, identificación do persoal participante e orzamento e a formalización ou a facilitación dos datos dos indicadores de execución e resultado.

O compromiso de formular esta contratación, que quedará condicionada á concesión da subvención, deberá presentarse conxuntamente co anexo III no momento da solicitude da axuda e deberá contar coa autorización previa da persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

4. A factura emitida para xustificar o gasto en subcontratación deberá incluír o detalle dos conceptos facturados, co obxecto de determinar a elixibilidade total ou parcial dos importes facturados, de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

5. En ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, a menos que o devandito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou aos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria, consonte o previsto no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, salvo que en aplicación do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e a autorice previa e expresamente a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención nesta mesma convocatoria.

Artigo 7. Solicitude de ofertas

De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de adquisición de servizos ou subministracións, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere o importe de 18.000 €, o beneficiario ou, de ser o caso, a entidade subcontratista deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou subministración, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o poidan realizar.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente na memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 8. Presentación de solicitudes, prazo e documentación que se deberá xuntar

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/a representante legal das entidades ou agrupacións correspondentes ou persoa debidamente acreditada.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Documentación que debera presentar para solicitar a axuda:

a) Anexo I, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerza a representación da entidade ou agrupación solicitante, xunto cos seguintes documentos:

1º. Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome do solicitante, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2º. Copia do DNI/NIE da persoa representante da entidade ou agrupación solicitante, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

3º. Copia do NIF da entidade ou agrupación solicitante, se procede, e no caso de denegar expresamente a súa consulta.

4º. Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade ou agrupación na realización e desenvolvemento de proxectos de atención dirixidos a persoas que cumpran os requirimentos para resultar beneficiarias das accións previstas nesta orde.

5º. Para o caso das entidades de segundo nivel (federación, confederación ...), certificación orixinal da/o secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando respecto de cada unha delas a denominación, o NIF e o número de socias e socios.

6º. Para o caso de agrupación de entidades, acordo regulador da agrupación asinado polos representantes de cada unha das entidades da agrupación en que se outorga á promotora a autorización para presentar solicitude de axuda no seu nome e exercer as facultades de representación fronte á Administración. Neste documento contractual atoparanse incluídos os compromisos e deberes que asume cada entidade e conterá os requirimentos mínimos estipulados no artigo 2.2 desta orde.

b) Anexo II. Memoria da entidade ou agrupación solicitante.

c) Anexo III. Información xeral dos proxectos da entidade ou agrupación solicitante e detalle destes, que deberán conter a información sobre estimación de persoas participantes, así como o resto de epígrafes sinalados neste anexo.

d) Certificación do persoal referido no anexo III, de acordo co modelo publicado na páxina web da Consellería de Política Social, emitida polo órgano responsable da entidade ou agrupación asinada por este e pola persoa traballadora por conta propia que realizará actuacións, servizos ou funcións, segundo o previsto no artigo 4.2 desta convocatoria, en que figure a asignación das ditas funcións durante o período subvencionable, de ser o caso.

e) De ser o caso, compromiso de subcontratación, que deberá incluír o detalle da parte do proxecto que se prevé subcontratar e motivación da súa necesidade, para os efectos da súa autorización referida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na letra b) do artigo 6. Esta autorización outorgarase no prazo de quince días desde a data de entrada da solicitude nos servizos centrais deste órgano administrativo, e entenderase outorgada se transcorre o devandito prazo sen notificarse a súa autorización.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal mediante declaración responsable da persoa solicitante ou representante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

De xeito análogo, para o caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade ou agrupación solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica e para o caso da presentación de documentación en formatos non admitidos, permitirase a presentación desta de forma presencial dentro dos prazos previstos a través de calquera dos rexistros habilitados. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

En particular, de acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve aquel, os representantes das entidades ou agrupacións solicitantes poderán facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán anexar xunto coa solicitude unha copia compulsada ou notarial do DNI en vigor.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente ou, alternativamente, de conformidade co previsto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, declaración responsable de atoparse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades ou agrupacións beneficiarias e a referida publicidade.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a entidade ou agrupación solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto se fará consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 10. Protección de datos

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Política Social, e denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da citada consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, Santiago de Compostela (15781), ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

2. Ao ficheiro referido no punto anterior incorporaranse os datos persoais do alumnado, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste procedemento.

Así mesmo, estes datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal

3. A presentación da solicitude supón a cesión dos ditos datos por parte da entidade ou agrupación solicitante ás consellerías de Política Social e Facenda, polo que estas son responsables de informar o alumnado sobre a exixencia e finalidade da cesión, así como de obter o seu consentimento.

Artigo 11. Órganos competentes

1. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade as competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Recursos Económicos da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións e, como tal, correspóndelle o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 12. Procedemento

1. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A tramitación e a instrución dos expedientes efectuaranse de acordo co establecido no artigo 21 da devandita lei.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades ou agrupacións interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución.

Os requirimentos de emenda efectuaranse a través de notificación individualizada, de acordo cos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Para o caso de que esta non fose posible ou resulte rexeitada, a notificación efectuarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Consellería de Política Social, e producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

Non obstante o indicado no parágrafo anterior, a Subdirección Xeral de Recursos Económicos poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que este se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Esta comunicación non afectará o prazo de dez días hábiles establecido no parágrafo primeiro deste punto.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade ou agrupación solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración prevista nesta orde.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e arquivaranse sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, con indicación da puntuación e da axuda aplicable en cada caso. A comisión presentará a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da subdirección xeral de Recursos Económicos.

– Secretaría: a persoa titular da xefatura do Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

– Vogalías:

A persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación de Procesos.

A persoa titular da xefatura do Servizo de Recursos Especializados para a Discapacidade.

A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención da Dependencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da comisión de valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade poderá nomear substitutas de entre o persoal funcionario dos grupos A1 ou A2 da referida dirección xeral.

2. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades ou agrupacións solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta orde, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada e proporá a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quede crédito libre por se producir algunha renuncia, ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

a) Polo interese, calidade, necesidade e carácter innovador do programa, ata 30 puntos, de acordo coa seguinte desagregación:

1º. Polos obxectivos propostos pola entidade ou agrupación solicitante en relación coa mellora da situación persoal e laboral das persoas destinatarias das accións formativas tras a análise da necesidade social detectada en relación coa situación das persoas con discapacidade susceptibles de seren beneficiarias das actuacións previstas nesta orde: 5 puntos.

2º. Por destinar as accións a persoas participantes do tramo de idade comprendida entre 21 e 35 anos: 5 puntos.

3º. Polo carácter innovador das actuacións que desenvolverá a entidade ou agrupación solicitante, con respecto ao resto de solicitudes presentadas á convocatoria: 10 puntos.

4º. Pola integración do programa para o cal se solicita a axuda nun proxecto de desenvolvemento empresarial que permita a creación ou consolidación dunha actividade económica e a inserción laboral dos propios alumnos nel: 10 puntos.

b) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas nesta convocatoria; ata 15 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada un dos sete puntos recollidos no artigo 4.2: 15 puntos.

2º. Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en seis dos puntos recollidos no artigo 4.2: 10 puntos.

3º. Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco dos puntos recollidos no artigo 4.2: 5 puntos.

c) Polo desenvolvemento de accións orientadas á inserción prelaboral das persoas beneficiarias en actividades vinculadas ao ámbito rural (agricultura, gandaría, etc.): 15 puntos.

d) Pola coordinación e cooperación acreditada da entidade ou agrupación con outros servizos no desenvolvemento das actuacións para as cales se solicita a axuda; ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 10 puntos.

2º. Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 10 puntos.

3º. Pola experiencia da entidade ou agrupación na realización e no desenvolvemento de actuacións dirixidas á integración prelaboral das persoas con discapacidade; ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

1. Experiencia da entidade ou agrupación no desenvolvemento de propostas formativas no ámbito da atención a persoas con discapacidade, que supoñan no conxunto dun ano un mínimo de 1.000 horas de formación: 2 puntos por ano, ata un máximo de 16 puntos.

2. Colaboración con calquera Administración pública no desenvolvemento de programas de atención a persoas con discapacidade: 4 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, cando algunha solicitude quede na lista de agarda, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto a) e, se persiste o empate, o desempate establecerase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Á vista do informe da comisión de valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, para que esta dite a resolución que corresponda para cada entidade ou agrupación solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución e resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade ou agrupación beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as entidades ou agrupacións interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Para o caso de que a notificación non sexa posible ou resulte rexeitada, poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade ou agrupación beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

Os titulares de solicitudes aprobadas serán informados de que a resolución implica a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as persoas beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionados no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar a dita circunstancia no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades ou agrupacións interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Estas bases habilitan para aprobar as modificiacións, nos supostos que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

As beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación e, en particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención.

b) Manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal e, de ser o caso, os relativos á subcontratación, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes ou usuarias durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante a Comisión Europea. Esta data publicarase oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

c) Cumprir a obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Consellería de Política Social e polo Fondo Social Europeo 2014/2020.

En todo caso, nos espazos de atención ás persoas usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

d) Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos. Deberán figurar os emblemas de ambos os organismos, como mínimo nos seguintes documentos, de ser o caso:

– Partes de asistencia e/ou de participación.

– Relacións e follas de seguimento.

– Enquisas de avaliación.

– Certificados de asistencia.

e) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita cumprir aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de execución relativos á beneficiaria refírense á data inmediatamente anterior ao inicio das actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización das actuacións e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

f) Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal, en concreto, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Os datos de carácter persoal das persoas usuarias ou persoas participantes nas actuacións subvencionadas incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal das consellerías de Política Social e Facenda a que se refire o artigo 10 desta orde. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e a incorporación dos seus datos de carácter persoal, e a beneficiaria da axuda será a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

g) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

h) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, a beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e no seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

j) As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar a información establecida no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 19. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación comprenderá os proxectos realizados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o 31 de marzo de 2017 e presentarase con data límite do 5 de decembro de 2016 para os rematados na anualidade 2016, e do 10 de abril de 2017 para os rematados na anualidade 2017.

En ambos os casos deberá achegarse a documentación referida no punto 3 deste artigo.

2. As accións correspondentes a estes proxectos xustificaranse segundo o tipo de gasto, ben a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.b) e 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, ou ben, para o caso das subcontratacións a través da xustificación por medio de documentos xustificativos de gasto e pagamento.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da beneficiaria, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do gasto subvencionable segundo custo unitario polas horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa polas/os profesionais adscritos a el e o importe das subcontratacións autorizadas, de ser o caso.

b) Certificación das horas efectivamente traballadas por proxecto e acción dedicadas ao proxecto durante o período subvencionable por cada un/unha dos profesionais adscritos, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa beneficiaria, e detalle do gasto subvencionable segundo hora efectivamente traballada, de acordo co modelo publicado na paxina web da Consellería de Política Social.

c) Orixinais das follas mensuais das horas efectivamente traballadas polo persoal dedicado ao programa, con indicación das tarefas realizadas, asinadas pola/o profesional e pola persoa responsable da beneficiaria, respecto de todas as persoas adscritas ao proxecto obxecto de subvención. Debe utilizarse obrigatoriamente o modelo publicado na páxina web da Consellería de Política Social.

d) Partes de asistencia dos/as alumnos/as onde conste o número de horas de formación, asinados pola persoa participante ou titor/a legal e pola persoa responsable técnica da realización da acción. Nos ditos partes deberanse indicar de xeito veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas.

e) Memoria xustificativa do proxecto subvencionado asinada pola persoa representante da beneficiaria, con descrición detallada das actuacións desenvolvidas, con especial mención aos aspectos relativos ao procedemento seguido para a publicitación da convocatoria do proxecto formativo e para a selección dos candidatos, dos resultados obtidos, así como da publicidade e divulgación que se realizou.

A memoria estará acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos, onde deberán figurar os logos da Unión Europea (FSE) e a imaxe corporativa da Consellería de Política Social, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidos no artigo 16 desta orde.

f) Cuestionarios de execución e resultado inmediato debidamente cubertos para cada unha das persoas participantes, segundo os indicadores de execución e de resultado recollidos no modelo publicado na paxina web da Consellería de Política Social.

g) No caso de subcontratacións, deberase presentar adicionalmente a seguinte documentación:

1º. Orixinal ou copia compulsada do contrato entre o beneficiario e a entidade subcontratista.

2º. Orixinal ou copia compulsada da factura emitida pola entidade subcontratada ao beneficiario, en que se especifique claramente o título do proxecto financiado e o detalle dos gastos subvencionables obxecto da subcontratación. No caso de que sexan varias as facturas, todas elas deberán estar desagregadas e especificar o título do proxecto financiado e o detalle dos gastos subvencionables obxecto da subcontratación.

3º. Xustificantes do pagamento da factura da subcontratación.

4º. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no proxecto.

A xustificación do pagamento das facturas, documentos equivalentes e/ou substitutivos farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamento; no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque), en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou beneficiaria que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas de que é obxecto.

h) Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións, segundo o modelo anexo V.

i) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de que deneguen a súa consulta, segundo o modelo anexo VI.

j) Relación de persoas participantes en cada acción desenvolvida, en que figure o seu número de DNI, enderezo completo e teléfono de contacto. A esta relación anexarase a documentación xustificativa do cumprimento por cada participante dos requisitos establecidos nesta orde para acceder ás actividades subvencionadas, segundo o modelo que figure na páxina web da Consellería de Política Social ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

k) Ficha individualizada de cada unha das persoas participantes onde conste a acción ou accións formativas e datas en que participou, perfil da persoa participante e dos resultados obtidos, asinada pola participante e pola persoa responsable da beneficiaria, segundo o modelo que figura na páxina web da Consellería de Política Social ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

Para os efectos de garantir a ratio de profesionais aplicados á execución das accións e os indicadores de resultados, non serán computables as persoas que non se identifiquen e respecto das cales non consten debidamente cubertas as referidas fichas de atención individualizada.

l) Folla individualizada de seguimento de cada participante, onde conste un mínimo de tres intervencións presenciais das referidas no itinerario descrito no artigo 4.2 deste orde, asinada pola persoa participante e pola persoa responsable da beneficiaria, segundo o modelo que figura na páxina web da Consellería de Política Social ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

m) Ficheiro electrónico das persoas participantes, segundo os datos e indicadores de execución e de resultado. Estas estatísticas achegaranse no modelo que figura na web da Consellería de Política Social ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 20. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 60 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención. O 40 % restante, ou a parte que corresponda, expedirase logo da xustificación polas beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e á súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a realización efectiva da totalidade das horas de traballo indicadas pola beneficiaria na súa solicitude e tidas en conta para a asignación da subvención.

5. Particularmente, acadará a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 18.c) e d) desta convocatoria.

6. O incumprimento das ratios exixidas para o desenvolvemento das accións formativas suporá unha minoración proporcional do custo/hora produto da maior ratio de atención.

7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2014/2020.

Artigo 23. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia,
http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, do teléfono: 981 54 69 87 ou no enderezo electrónico: xestion.politicasocial@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira terceira Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file