Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 5 de xullo de 2016 Páx. 28485

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 20 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

BDNS (Identif.): 310631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións reguladas nesta convocatoria as confederacións e as federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou realización de accións no ámbito das persoas con discapacidade e as entidades de iniciativa social que, contando con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.

Poderán, así mesmo, ser destinatarias as confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior, que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En ambos os dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a realización, polas entidades referidas no punto primeiro, dun ou varios proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral dos participantes.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 20 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

Cuarto. Importe

O importe das axudas previstas nesta orde ascende a 1.015.158,00 euros, de acordo coa seguinte distribución por anualidades:

Ano 2016: 610.000,00 €.

Ano 2017: 405.158,00 €.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A contía máxima da axuda por proxecto formativo, que poderá cubrir ata o 100 % do custo do proxecto, ascenderá a 60.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social