Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 12 de agosto de 2016 Páx. 36232

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de agosto de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa Ambunova, que se levará a efecto desde as 00.00 horas do 17 de agosto con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente con relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) levarase a efecto desde as 00.00 horas do 17 de agosto con carácter indefinido, e afectará o persoal da empresa Ambunova Servicios Sanitarios, S.L., que realiza transporte sanitario na área sanitaria de Santiago de Compostela.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria da folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde.

Por tratarse dunha folga indefinida, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía que, respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Establécense os seguintes criterios reitores para a determinación dos servizos mínimos:

O 100 % dos servizos de transporte urxente e de pacientes que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise. Para o resto de pacientes, garantirase o transporte nos casos en que se precise padiola, ou o seu estado xeral así o aconselle a xuízo do persoal facultativo prescritor. O número de vehículos non será inferior ao 50 % dos requiridos na cobertura habitual e ordinaria.

Os vehículos deberán contar coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios reitores, no anexo desta orde recóllese o número de ambulancias precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a empregado/a da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposicion derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Resolución do 5.8.2016)
Lourdes Vilachán Angueira
Directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde

ANEXO

Ambulancias (servizos mínimos)

Mañá
(das 8.00 ás 15.00 horas)

Tarde
(das 15.00 ás 22.00 horas)

Noite
(das 22.00 ás 8.00 horas)

Luns a venres

5

5

2

Sábados

4

2

2

Domingos

2

2

2