Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2016 Páx. 47902

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 7 de outubro de 2016 pola que se notifica a orde de suspensión de obras ditada no expediente LUG/75/2014-S1, devolta polo servizo de Correos por resultar o seu destinatario descoñecido.

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ditou, o 23 de setembro de 2016, resolución pola que se ordena a suspensión inmediata das obras que se executan en solo rústico, consistentes na realización dunha construción auxiliar dun uso residencial sen vinculación a unha explotación agrícola ou gandeira, executada en fábrica de ladrillo e acaroada ao pechamento da parcela, con parte en malla e cunha cuberta precaria, situada no lugar da Barreira, no termo municipal de Lugo, provincia de Lugo.

Ao non poderse realizar a notificación persoal desta resolución a José Ares Raposo, mediante a presente cédula e ao abeiro do disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícaselle ao interesado a devandita resolución por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado, cuxa data de publicación é a que determina a eficacia do acto notificado.

Tendo en conta que en atención ao previsto no artigo 46 de Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o acto non se publica na súa integridade, comunícaselle ao interesado que o texto íntegro da resolución que se notifica se encontra ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, sitas no Edificio Witland, 1º andar, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de 10 días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula. Transcorrido o devandito prazo, a notificación entenderase producida o día seguinte ao da súa publicación.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se producise a notificación, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exerce o seu dereito de presentar recurso potestativo de reposición, poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para que conste e lle sirva de notificación ao citado interesado, en cumprimento do disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2016

José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística