BDNS (identif.): 320550.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (BDNS):
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Segundo. Obxecto
1. Conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Empresa dixital por parte da Amtega e Industria 4.0 por parte do Igape, para a súa realización en empresas galegas, dentro do Programa Re-accionaTIC, integrados nas seguintes categorías:
Empresa dixital:
1º. Servizo de diagnóstico para a aplicación de solucións dixitais na empresa.
2º. Servizo de soporte para a adopción e despregamento de solucións en mobilidade.
3º. Servizo de asistencia para a adopción de solucións dixitais innovadoras para a mellora da xestión empresarial.
4º. Servizo de acompañamento na definición e posta en marcha de estratexias de marketing dixital.
Industria 4.0:
1º. Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0.
2º. Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións Industria 4.0.
3º. Servizo de xeración de modelos e simulación industrial.
As axudas configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe exixido ás pemes beneficiarias en concepto de cofinanciamento.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución conxunta do 14 de outubro de 2016, do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pola que se dá publicidade ao acordo da Amtega e do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Empresa dixital e Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
Convocatoria 2016-1: comeza o 31.10.2016 e remata o 30.11.2016.
Convocatoria 2016-2: comeza o 5.12.2016 e remata o 10.1.2017.
Convocatoria 2017-1: comeza o 13.1.2017 e remata o 28.2.2017.
Convocatoria 2017-2: comeza o 6.3.2017 e remata o 31.5.2017.
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2016
Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica