O procedemento foi iniciado polos acordos dos plenos dos concellos de Barbadás e Ourense con data do 9.6.2014 e do 4.7.2014 respectivamente. Ambos os dous plenos aprobaron os acordos por unanimidade. Os acordos foron sometidos a período de información pública polo prazo de trinta días por medio da súa publicación no Boletín Oficial da provincia con data do 4.8.2014 e do 18.6.2014. Non se realizaron alegacións dentro dese prazo segundo consta en senllas certificacións que constan no expediente.
A Deputación Provincial de Ourense informou favorablemente na súa sesión extraordinaria con data do 28.6.2013.
Os plenos dos concellos de Barbadás e Ourense adoptaron novos acordos de aprobación definitiva dos expedientes de segregación-agregación, con datas do 13.11.2014 e do 9.1.2015 respectivamente.
Con data do 12.1.2015, o Concello de Barbadás remitiu á Dirección Xeral de Administración Local o expediente instruído relativo á agregación-segregación dos termos municipais de Barbadás e Ourense.
Con data do 3.3.2015, o Concello de Ourense remitiu á Dirección Xeral de Administración Local o expediente instruído relativo á agregación-segregación dos termos municipais de Barbadás e Ourense.
A Dirección Xeral de Administración Local requiriu documentación complementaria a ambos os dous concellos con data do 17.2.2015. Con data do 23.2.2015 recibiuse a documentación requirida ao Concello de Barbadás e con data do 5.3.2015 documentación requirida ao Concello de Ourense.
O expediente foi tramitado de acordo co artigo 13.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, os artigos 7 e seguintes do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local (Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril), os artigos 28 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os artigos 2 a 16 do Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais (Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo), e demais normativa de aplicación.
Durante a dita tramitación existiu acordo entre os citados concellos. A segregación-agregación implica un traspaso de terreos de Barbadás a Ourense que implica unha ganancia de superficie de 186.691 m2. Pola outra banda, Barbadás perde 116.120 m2 (aproximadamente 0,01 % do seu territorio).
Segundo os datos que constan no expediente para o ano 2014, o Concello de Ourense deixaría de recadar 23.989,50 € en concepto de IBI; o Concello de Barbadás deixaría de percibir 79,55 € en concepto de IBI e 12.506,22 en concepto de IAE, xa que logo, o Concello de Barbadás debe indemnizar o Concello de Ourense na cantidade de 239.895 € e o Concello de Ourense ao de Barbadás na cantidade de 125.855,70 €, o que dá un saldo positivo a favor do Concello de Ourense de 114.039,30 € que deberá aboar o Concello de Barbadás.
A Comisión Galega de Delimitación Territorial aproba por unanimidade o informe proposta da Dirección Xeral de Administración Local con data do 31 de agosto de 2016.
A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:
a) A segregación-agregación baséase na existencia de notorios motivos de necesidade ou conveniencia económico-administrativa segundo recolle o artigo 29.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
b) No expediente consta a documentación requirida polo artigo 34 da dita Lei 5/1997, do 22 de xullo, como documentación mínima que se incorporará nos expedientes de alteración de termos municipais:
– Planos.
– Informe sobre a concorrencia de xustificación das motivacións para as alteración propostas.
– Memoria xustificativa da solvencia dos concellos.
c) Así mesmo, achéganse as estipulacións xurídicas e económicas que se propoñen respecto das seguintes materias segundo constan no anexo II deste decreto:
– Territorio.
– Poboación e padrón municipal.
– Actividades e servizos públicos.
– Bens.
– Contratación.
– Facendas locais.
– Urbanismo.
– Comisión de interpretación.
d) A segregación-agregación implica un traspaso de terreos de Barbadás a Ourense e de Ourense a Barbadás. A xustificación desta alteración dos termos municipais ten orixe no deslindamento aprobado por Decreto 92/2004, do 15 de abril, que non se axeita á realidade de feito. Esta realidade implica que determinados edificios, instalacións e servizos foron construídos con licenza ou autorización do Concello de Barbadás na denominada «Finca Fierro», o que implicou o vencellamento dos habitantes desta zona ao Concello de Barbadás, a pesar de que a delimitación de 2004 situaba esa zona dentro dos límites do Concello de Ourense. A segregación-agregación pretende solucionar a división do barrio entre os concellos e adscribilo a aquel co que ten máis vinculación práctica.
e) Doutro lado, o territorio do Concello de Barbadás que vai pasar a ser do Concello de Ourense pretende dar resposta ás necesidades deste en materia de termalismo e desenvolvemento económico, xa que instalacións como o estacionamento público de vehículos das termas e pozas de Outariz se atopan parcialmente no termo municipal de Barbadás aínda que as obras de construción foron executadas polo Concello de Ourense. Por iso, ambos os dous concellos entenden que é necesario que o concello titular dos terreos sexa o encargado de explotar e conservar a dita infraestrutura coincidan, mesmo que permita melloralas segundo as necesidades do concello que se aproveita do seu uso. Polo tanto, concorren, ao noso entender, os notorios motivos de necesidade ou conveniencia económico-administrativa nos que se basea a solicitude de alteración dos termos municipais.
Os cambios derivados no padrón de habitantes no Concello de Barbadás non alteran a composición en número de concelleiros do pleno municipal ao non superar os vinte mil habitantes.
Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
1. Estimar a petición de segregación-agregación realizada polos concellos de Barbadás e Ourense, que consistirá na incorporación ao Concello de Barbadás de superficie do territorio do Concello de Ourense, e a incorporación ao Concello de Ourense de superficie do territorio do Concello de Barbadás, segundo se derive da aplicación dos novos límites definidos polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto.
2. Ambos os dous concellos deberán indemnizarse reciprocamente cunha cantidade equivalente a dez veces a cantidade deixada de percibir en concepto de IBI e IAE, polas parcelas segregadas e agregadas. A dita cantidade para o ano 2014 ascendía a un saldo neto a favor do Concello de Ourense de 114.039,30 €.
3. A nova delimitación entre os termos municipais de Barbadás e Ourense é a que consta no anexo I deste decreto.
4. Aprobar as estipulacións xurídicas e económicas que constan no anexo II deste decreto.
5. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO I
A continuación relaciónanse as coordenadas UTM dos marcos que permanecen entre os dous concellos:
Marco |
X |
Y |
M.1 (3T) |
593085.700 |
4685984.170 |
M.2 |
592682.960 |
4686417.670 |
M.3 |
592360.310 |
4686564.690 |
A seguir relaciónanse as coordenadas UTM, dos novos marcos que concretan xeometricamente a liña límite proposta polos concellos:
Marco |
X |
Y |
M.3A |
592351.806 |
4686566.332 |
M.3B |
592347.777 |
4686599.204 |
M.3C |
592314.770 |
4686586.310 |
M.3D |
592310.565 |
4686531.371 |
M.4 |
592143.491 |
4686481.780 |
M.5 |
592178.534 |
4686720.048 |
M.6 |
592001.126 |
4686761.925 |
M.7 |
591974.614 |
4686767.903 |
M.8 |
591958.574 |
4686896.376 |
M.9 |
591920.320 |
4687309.543 |
M.10 |
591965.744 |
4687863.988 |
M.11 |
591790.140 |
4688378.970 |
M.12 |
591414.540 |
4688668.430 |
M.13 |
591038.512 |
4688844.006 |
M.14 |
590801.811 |
4688685.257 |
M.15 |
590504.135 |
4688800.286 |
M.16 |
590340.916 |
4688854.367 |
M.17 |
590069.160 |
4688869.685 |
M.18 |
589769.347 |
4689024.986 |
ANEXO II
Estipulacións xurídicas e económicas
1. Territorio.
Unha vez que entre en vigor a alteración dos termos municipais, cada concello procederá a sinalizar debidamente, segundo os modelos oficiais, os novos límites territoriais, mediante os sinais que sexan necesarios, substituíndo, se é preciso, os antigos instalados co dito fin. Este cambio de sinalización será financiado por cada concello na parte que o afecte.
Todo iso sen prexuízo das operacións de demarcación, deslindamento e amolloamento previstas de xeito preceptivo na normativa reguladora de réxime local.
Ambos os dous concellos difundirán do xeito máis adecuado os novos límites municipais, especialmente entre organismos oficiais e empresas cuxa actividade se basee ou teña relación especial co territorio para producir as menores molestias e impedimentos aos cidadáns.
2. Poboación e padrón municipal.
As modificacións que a alteración produza en relación coa poboación de cada concello e o seu reflexo nos respectivos padróns municipais levaranse a cabo de oficio por ambos os dous concellos de conformidade coa lexislación de réxime local aplicable.
3. Actividades e servizos públicos.
A realización de actividades e a prestación de servizos públicos no ámbito territorial afectado pola alteración poderá prolongarse excepcionalmente, de xeito voluntario e logo de acordo entre ambos os dous concellos que incluirá, se procede, as compensacións económicas que se establezan, por parte do concello orixinariamente titular deles durante o tempo necesario para asegurar a prestación axeitada aos cidadáns.
Cada concello responderá dos gastos derivados da prestación dos servizos públicos realizada nos ámbitos territoriais que se modifican ata o momento da entrada en vigor da alteración dos termos municipais, sen que ningún deles poida reclamar ao outro compensación ningunha neste sentido.
Así mesmo, as modificacións, adaptacións e reaxustes tanto técnicos como económicos que sexa preciso facer nos servizos municipais prestados de xeito indirecto a consecuencia da alteración serán da exclusiva responsabilidade de cada unha das corporacións, sen que se poidan exixir entre elas achegas económicas con este fin nin reclamar danos ou perdas.
4. Bens.
Os bens de titularidade de cada concello en calquera dos seus tipos (de uso público, de servizo público, patrimoniais ou comunais) e o seu réxime non se verán afectados de ningún xeito a consecuencia da alteración, manténdose deste xeito as titularidades, clasificación e réxime xurídico existentes.
5. Contratación.
Serán da exclusiva responsabilidade de cada concello as consecuencias xurídicas e económicas que, derivadas da alteración dos termos municipais, se produzan en todo tipo de contratos que levasen a cabo aqueles ou nos que se atopen en execución ou en tramitación administrativa.
Cada concello procederá á paralización dos expedientes de contratación e ao seu arquivamento cando aqueles se vexan afectados pola alteración que se aproba.
6. Facendas locais.
Cada concello manterá a competencia para exixir por vía de constriximento os tributos, impostos e demais recursos das facendas locais non recadados en vía voluntaria antes da entrada en vigor da nova delimitación dos termos municipais, tanto no relativo aos expedientes xa iniciados como aos que se poidan iniciar.
7. Urbanismo.
Respecto das actuacións en materia de planeamento, xestión e intervención na edificación e uso do solo cada concello paralizará os expedientes en trámite e procederá á súa resolución denegatoria ou desestimativa en razón da perda da competencia territorial.
Respecto do exercicio das facultades de reposición da legalidade urbanística e da potestade sancionadora na materia, cada concello procederá a remitir, no prazo dun mes contado desde a entrada en vigor da alteración, ao outro copia daqueles expedientes que se atopen en trámite ou nos cales se realicen actuacións de execución derivadas de actos e resolucións firmes en vía administrativa e/ou xurisdicional para que o novo titular da competencia territorial asuma, se así o considera oportuno, a realización dos trámites que procedan.
8. Comisión de interpretación.
Para a correcta execución e desenvolvemento das presentes estipulacións, a interpretación das dúbidas que puidesen xurdir e a resolución de conflitos, créase unha comisión paritaria mixta dos dous concellos que estará constituída do seguinte xeito:
Co-presidentes:
– Alcalde-presidente do Concello de Ourense (ou concelleiro en quen delegue).
– Alcalde-presidente do Concello de Barbadás (ou concelleiro en quen delegue).
Vogais:
– Un concelleiro de cada corporación municipal.
– O interventor xeral municipal do Concello de Ourense.
– O/a interventor/a do Concello de Barbadás.
– Un técnico municipal de cada concello.
Secretaría conxunta:
– O secretario xeral do Pleno do Concello de Ourense.
– A secretaria xeral do Concello de Barbadás.
Os membros electivos da comisión serán nomeados polos respectivos alcaldes.