Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 23 de decembro de 2016 Páx. 55699

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

ORDE do 13 de decembro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os funcionarios e as funcionarias que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia sito no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, na súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentar coa solicitude un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo anunciado no anexo I desta orde un/unha funcionario/a dotras administracións públicas, o seu nomeamento requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, que se considerará favorable de non se emitir no prazo de quince (15) días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración, procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous (2) meses, a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserta de considerarse oportuno o órgano convocante.

Sétimo. O prazo de toma de posesión do novo destino será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia, agás no caso de procedencia doutras administracións, que se deberá efectuar dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma, co límite dos dous (2) meses a que se fai referencia no ordinal quinto desta orde. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

A persoa titular da consellería onde preste servizos o/a funcionario/a poderá, non obstante, diferir o cesamento, por necesidades do servizo, ata vinte (20) días hábiles, o que se lle debe comunicar á unidade a que sexa destinado o/a funcionaria/a.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2016

A conselleira do Mar
P.D. (Orde 30.3.2012; DOG núm. 70, do 12 de abril)
María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar

ANEXO I

Denominación: Xefatura Comarcal.

Código: MR.C99.30.000.15720.001.

Nivel: 25.

Complemento específico: 10.194,48 €.

Grupo: A1, A2, C1.

Corpo/escala: xeral/especial.

Adscrición administracións públicas: AXG.

Centro destino: Xefatura Comarcal de Ribeira.

Localidade: Ribeira.

Descrición códigos da adscrición ás administracións públicas:

AXG: adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia.

00 FORMULARIO GALEGO.pdf