Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1111

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2016 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas das vivendas arrendadas, no marco do Programa Aluga, no exercicio 2017.

BDNS (Identif.): 328252.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias e que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, así como aqueloutras que sexan titulares de contratos de arrendamento de vivendas incorporadas ao Programa Aluga.

Segundo. Finalidade

O obxecto desta resolución é convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para o financiamento parcial da renda dos contratos de arrendamento formalizados no marco do Programa Aluga.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras da axuda prevista nesta convocatoria están recollidas no capítulo III do título IV (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do aluguer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 103, do 2 de xuño. Así mesmo, debe terse en conta a Orde do 16 de maio de 2013 pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias, no marco do Programa Aluga (DOG núm. 103, do 31 de maio).

Cuarto. Orzamento

1. Os importes máximos, tanto das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2017 como das imputacións para os exercicios orzamentarios 2017 e 2018, son os seguintes:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe máximo
2017-2018

Imputación exercicio 2017

Imputación exercicio 2018

08.80.451B.480.2

2013 00029

86.400,00 €

47.200,00 €

39.200,00 €

2. A contía da axuda ás persoas inquilinas, salvo para o colectivo de persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias, determinarase en función das porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima das subvencións, segundo tramos de ingresos, que son as seguintes:

a) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados inferiores a 1 vez o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): a contía da subvención non poderá ser superior ao 70 % da renda anual do alugamento, ou ao 80 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

b) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados comprendidos entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 60 % da renda anual do alugamento, ou ao 70 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

c) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados comprendidos entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 50 % da renda anual do alugamento, ou ao 60 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

d) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados superiores a 2,5 e ata 3,5 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 30 % da renda anual do alugamento, ou ao 40 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

2. Para o colectivo de persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectado por execucións hipotecarias con ingresos anuais ponderados que non excedan 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, as porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima da subvención neste suposto, segundo os tramos de ingresos, son as seguintes:

Inferiores a 1 vez o IPREM: 100 % da renda anual do alugamento.

Entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70 % da renda anual do alugamento.

Entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60 % da renda anual do alugamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 45.3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberán presentarse antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberá presentarse antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do contrato ou, se é o caso, da súa prórroga.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo