Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2017 Páx. 1949

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 328430.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

3. As persoas solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. No cumprimento do artigo 1.6.b) ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2017:

1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino e de gando ovino e cabrún, rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teñan por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados e os casos de morte/sacrificio deses animais en consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Contía das compensacións complementarias.

O importe das compensacións complementarias por lucro cesante en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo I da orde, tendo en conta o período de inactividade da explotación desde o día seguinte a aquel en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario (a data real do baleiro é a data de sacrificio do último animal que saíu da explotación) e que fose ordenado pola autoridade competente.

Contías básicas das axudas para a reposición.

As axudas para a compra de animais bovinos, ovinos e cabrúns destinados á reposición poderán concederse nas contías básicas e cos límites seguintes:

1. 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado para o gando ovino e o cabrún (houbese ou non baleiro sanitario na subexplotación); estes importes por animal serán incrementados nun 10 % se a explotación pertencía a unha asociación de defensa sanitaria gandeira (ADSG).

2. Para os efectos de determinar a axuda que se vai recibir, calcularase o importe medio percibido por animal sacrificado (valor da unidade sacrificada, do cal se beneficiou a persoa titular da explotación): será o valor resultante de dividir as cantidades totais percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais, os importes das canais no matadoiro ou na comercialización dos animais e os importes do seguro gandeiro (este último, se é o caso), polo número total de animais sacrificados.

Levarase a cabo o pagamento completo da contía básica sinalada no punto 1 deste artigo sempre que a diferenza entre o valor ou prezo de compra do animal e o citado importe medio por animal sacrificado sexa un valor igual ou superior á dita contía básica. No caso de que o resultado da referida diferenza sexa un valor inferior á contía básica, pagarase como contía da axuda o dito importe inferior.

3. Tendo en conta os importes establecidos nos puntos 1 e 2, o importe total das contías básicas será ata un máximo de 20.000 euros por persoa beneficiaria nos casos de baleiro sanitario da subexplotación, e ata un máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria nos casos en que non se realizase o baleiro sanitario.

Contía adicional para o gando bovino.

Ademais das contías básicas do artigo 30, poderá concederse unha contía adicional para cada animal bovino comprado nos casos recollidos no artigo 31.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación, será desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2017, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural