Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2017 Páx. 2914

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderá nomear persoal funcionario interino, que desenvolverá as funcións propias dos corpos de persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por persoal funcionario de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se é o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de persoal interino, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se é o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, o persoal funcionario do corpo de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á cal lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De conformidade coa normativa citada, mediante a Orde do 28 de novembro de 2013 (DOG número 234, do 9 de decembro) regulouse a selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Con posterioridade á publicación da citada Orde do 28 de novembro de 2013 foron publicadas as relacións de postos de traballo de distintos centros de destino, circunstancia esta que fai imprescindible a modificación das previsións que a dita orde establece en relación co cesamento do persoal funcionario interino.

Así mesmo, esta modificación introduce a posibilidade de prórroga da vixencia das bolsas de persoal interino por contaren estas con suficiente número de integrantes para cubrir os postos en réxime de interinidade ou por outras circunstancias especiais.

Por tanto, logo de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, e no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia

Un. No punto 3 do artigo 7 engádese o seguinte parágrafo:

«Así mesmo, por contaren as bolsas con suficiente número de integrantes para cubrir os postos en réxime de interinidade ou por outras circunstancias especiais, a súa vixencia poderá ser prorrogada».

Dous. O punto 1 do artigo 21 queda redactado do seguinte modo:

«1. O persoal interino nomeado ao abeiro do disposto no artigo 18 desta orde cesará cando sexa cuberta por persoal funcionario titular a praza desempeñada por unha persoa interina, por finalización das necesidades do servizo ou urxencia que motivaron a cobertura do posto con persoal interino ou ben por falta de capacidade ou rendemento da persoa interina de conformidade co previsto no artigo 22 desta orde. Tamén cesará cando cambie a situación xurídica da persoa titular dun posto desempeñado por persoal interino e proceda a cobertura do dito posto por substitución vertical entre titulares, que se considerará preferente.

O cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do funcionario ou funcionaria titular; no entanto, naqueles órganos que non estean incluídos nunha relación de postos de traballo poderase autorizar a continuidade do persoal interino nomeado de acordo co previsto no artigo 18 se no órgano hai algunha outra praza desocupada, en aplicación da non vinculación a un posto concreto regulada no artigo 23 desta orde.

Naqueles órganos que non estean incluídos nunha relación de postos de traballo, no caso de que sexan varias as persoas interinas do mesmo corpo que estean a desempeñar postos de traballo, para determinar que persoa debe cesar aplicaranse os seguintes criterios:

a) As persoas que non formen parte das respectivas bolsas de traballo ou de reserva cesarán con preferencia ás persoas integrantes das ditas bolsas.

b) Se hai persoal funcionario interino que leve máis de dezaoito meses no mesmo órgano, cesará aquela persoa que leve máis tempo traballando nel.

c) Se non hai ningunha persoa interina no mesmo órgano que leve máis de dezaoito meses, cesará o que leve menos tempo nel.

En caso de empate, cesará a persoa que teña peor posición na lista definitiva da bolsa na data de publicación desta».

Tres. O punto 2 do artigo 23 queda redactado do seguinte modo:

«2. Os nomeamentos realizados segundo o disposto no artigo 18 desta orde non vinculan a persoa seleccionada co posto concreto que orixinou o seu nomeamento, agás que este estivese incluído nunha relación de postos de traballo».

Catro. A disposición transitoria única pasa a denominarse:

«Disposición transitoria primeira. Réxime de nomeamento do persoal interino».

Cinco. Engádese a disposición transitoria segunda, que queda redactada do seguinte modo:

«Disposición transitoria segunda. Prórroga da vixencia das bolsas convocadas pola Resolución do 15 de xaneiro de 2014

A vixencia das bolsas de persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia convocadas pola Resolución do 15 de xaneiro de 2014 prorrógase durante o prazo dun ano desde a finalización da súa vixencia ou, de ser o caso, ata a resolución da convocatoria da nova bolsa de persoal interino».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza