Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2017 Páx. 3503

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (2310/2016).

Eu, M. Socorro Bazarra Varela, letrada da Administración de xustiza da Sala Segunda do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber que no procedemento recurso de suplicación 2310/2016 MCR desta sección, seguido por instancia de Ángel Somoza Hermo, Ilunión Seguridad, S.A. (antes VINSA) contra Fogasa, Esabe Vigilancia, S.A. (antes Bubos Securitas, S.A.) sobre reclamación de cantidade, se ditou a resolución cuxa parte dispositiva é do seguinte teor literal:

«Acordamos

Primeiro. Formular en trámite de cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea as seguintes preguntas:

1ª: Aplícase o artigo 1, punto 1 da Directiva 2001/23/CE do Consello do 12 de marzo de 2001, sobre a aproximación das lexislacións dos Estados membros relativas ao mantemento dos dereitos dos traballadores en caso de traspasos de empresas, de centros de actividade ou de partes de empresas ou de centros de actividade, cando unha empresa cesa na adxudicación dos servizos contratados dun cliente por rescisión do contrato de arrendamento de servizos onde a actividade se funda predominantemente na man de obra (vixilancia das instalacións), e a nova adxudicataria do servizo se fai cargo dunha parte esencial do equipo destinado na execución de tal servizo, cando tal subrogación nos contratos laborais se faga por imperativo do pactado no Convenio colectivo de traballo do sector de seguridade?

2ª: En caso de resposta afirmativa á primeira cuestión, se a lexislación do Estado membro ditada para incorporar a Directiva dispuxo, en aplicación do artigo 3.1 da Directiva 2001/23/CE, que despois da data do traspaso o cedente e o cesionario son responsables solidariamente das obrigas, incluidas as retributivas, que teñen a súa orixe, antes da data do traspaso, nos contratos de traballo existentes na data do traspaso, é conforme co citado artigo 3.1 da Directiva unha interpretación que sosteña que a solidariedade nas obrigas anteriores non se aplica cando a asunción de man de obra en termos esenciais pola nova contratista lle veu imposta polas previsións do convenio colectivo do sector e o devandito convenio exclúe no seu texto esa solidariedade respecto das obrigas anteriores á transmisión?

Segundo. Suspender as presentes actuacións mentres se resolven tales cuestións polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Remítase testemuño da presente resolución, xunto con copia dos autos, ao Tribunal de Xustiza mediante correo certificado con notificación de recibo dirixida á «Secretaría do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, L-2925 Luxemburgo» e copia simple desta ao Servizo de Relacións Internacionais do Consello Xeral do Poder Xudicial -Fax: 91 7006 350- (REDUE Rede do CGPX de expertos en dereito da Unión Europea).

Notifíqueselles esta resolución ás partes, advertíndolles de que contra esta non cabe recurso ningún.

Así, por esta resolución, o acordamos, mandamos e asinamos».

E para que sirva de notificación en legal forma a Esabe Vigilancia (antes Bubos Securitas, S.A.), en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de localización.

A Coruña, 30 de decembro de 2016

A letrada da Administración de xustiza