Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2017 Páx. 3674

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2017 pola que se convoca a provisión, mediante libre designación, de postos directivos entre o persoal laboral de administración e servizos.

Estando vacantes os postos da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo que se indican e considerando necesaria a súa inmediata provisión por razóns tanto funcionais como organizativas, logo de informe ás organizacións sindicais e en uso das competencias que se lle recoñecen legal e regulamentariamente,

Esta reitoría resolve convocar a provisión dos ditos postos polo procedemento de libre designación con suxeición ás seguintes bases:

Primeira. Postos

Código

Posto

Campus

Grupo

Categoría

01240 PL1088-1

Director/a técnico/a da Oficina de Relacións Internacionais

Vigo

I/II

Técnico superior da Oficina Relacións Internacionais

02900 PL1380-1

Subdirector/a da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

Vigo

I/II

– Técnico superior de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

– Técnico medio de Tecnoloxías da Información e Comunicacións

03000 PL1048-1

Director/a técnico/a-Benestar Físico, Saúde e Deporte

Vigo

I/II

Técnico superior de Actividades Deportivas

Segunda. Requisitos dos aspirantes

1. Poderá participar nesta convocatoria o persoal laboral fixo de Administración e servizos da Universidade de Vigo encadrado nas categorías que para posto se relacionan na base primeira, que se atopen prestando servizos ou en calquera outra situación administrativa, agás os suspensos en firme.

2. O persoal en excedencia voluntaria deberá presentar, xunto coa solicitude, unha declaración de non ter sido separado de calquera Administración nin estar inhabilitado para o emprego público.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo, deberán presentarse nos rexistros da Universidade de Vigo ou consonte o previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Deberase xuntar:

a) Un currículo debidamente xustificado e comprensivo da titulación e formación, experiencia profesional e calquera outro mérito que cada candidato considere oportuno incluír.

b) Unha memoria, en que se describa o posto e se realice unha análise das características, tarefas, requisitos, condicións e medios necesarios para desenvolvelo, aspectos que deberá poñer en relación coa súa experiencia, traxectoria profesional, formación e competencias. Tamén deberá incluír unha proposta de mellora organizativa e/ou funcional do posto e área na que se encadra, identificando os principais obxectivos para desenvolver nos dous anos seguintes e propoñendo para cada un deles polo menos dúas accións. A extensión máxima será de 12 folios a unha cara e dobre espazo, cun tipo de letra Times New Roman tamaño 12 e deberá presentarse nun sobre de tamaño 36×26 cm, pechado e sen ningún tipo de identificación no cal apareza só a cabeceira da Universidade de Vigo. Dentro deste sobre incluirase un segundo sobre pechado coa cabeceira da Universidade de Vigo e tamén sen identificación, en que a persoa aspirante indicará os seus datos persoais (nome e DNI).

Cuarta. Resolución

1. Esta convocatoria resolverase nun prazo de dous meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. A correspondente resolución publicarase no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade. Unicamente a título informativo se publicará tamén na páxina electrónica (http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/internas).

2. Poderá convocarse a persoa aspirante para a realización de entrevistas que permitan deducir as súas aptitudes.

3. Poderá acordarse a non provisión de calquera posto de non considerarse idónea para o seu desempeño a ningunha das persoas aspirantes.

4. A data de incorporación aos novos destinos, que terán carácter de definitivo, será fixada na resolución da convocatoria. Se implica cambio de localidade o traslado terá carácter voluntario e, por conseguinte, non xerará dereito a indemnización.

5. Os cesamentos nos postos obtidos mediante esta convocatoria poderán ser acordados en calquera momento con carácter discrecional pola mesma autoridade que os nomea, resultando motivación suficiente a competencia para adoptala.

Quinta. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 10 de xaneiro de 2017

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

missing image file