Por Resolución do 26 de outubro de 2016 da Dirección Xeral da Función Pública, DOG nº 207, do 31 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 6º do Decreto 37/2006, acordouse a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia correspondente ao grupo III, categoría 014 (xefe/a de cociña), e o grupo V, categoría 001 (camareiro/a-limpador/a, axudante cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro, lavandeiro/a).
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos e valorar os méritos dos/das solicitantes.
Concluídos os anteriores traballos e elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente na sesión que tivo lugar o 21 de febreiro do presente ano, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral as listaxes provisionais de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 37/2006, esta dirección xeral,
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo I.
Segundo. As listas poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e no portal web da Xunta de Galicia, www.xunta.gal, na epígrafe de Función Pública.
Nas devanditas listas figura a seguinte información:
– Solicitantes admitidos/as na lista con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.
– Solicitantes excluídos/as con expresión da causa de exclusión.
Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Xunto coas ditas reclamacións, achegarase, de ser o caso:
– Documentación precisa para emendar a causa de exclusión.
– Certificación de servizos prestados na Xunta de Galicia no mesmo grupo e categoría, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:
• Servizos centrais:
Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.
• Servizos periféricos:
Xefes/as territoriais ou funcionario/a responsable da área de persoal dos departamentos territoriais, directores/as provinciais ou delegados/as comarcais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.
No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.
Cuarto. A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto os/as solicitantes provisionalmente admitidos/as como os/as provisionalmente excluídos/as poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15.2. do Decreto 37/2006.
O modelo de solicitude encóntrase á disposición das persoas interesadas no portal web da Xunta de Galicia, www.xunta.gal, na epígrafe Función Pública-Listas de contratación.
Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes, e daráselle publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2017
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública