Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2017 Páx. 19335

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2017.

Existen pragas ou enfermidades que, por non estaren definitivamente establecidas en determinadas áreas ou na totalidade do territorio de Galicia, merecen unha especial atención e a aplicación duns medios de loita específicos cando se produce a aparición de focos, así como establecer a concesión de indemnizacións para estas medidas. É o caso da aparición de focos de Fusarium circinatum en piñeiros de viveiros que veñen detectándose en Galicia desde o ano 2006 e a detección en 2015 da presenza de Tecia solanivora en plantacións de pataca no norte das provincias da Coruña e Lugo.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal é a norma básica en que se desenvolven as actuacións nesta materia. Esta normativa compleméntase cos diferentes reais decretos que, en materia de sanidade vexetal e medios de produción agraria, desenvolven normativamente os aspectos de prevención e loita contra pragas. A Lei de sanidade vexetal, no seu artigo 19, establece unha certa discrecionalidade no outorgamento das axudas pola execución das medidas fitosanitarias, posto que aínda que no seu artigo 21 indica que a autoridade competente que declarase a praga compensará os prexudicados mediante a debida axuda cuxo importe se valorará segundo os baremos que se establezan. Esta lei tamén establece, no seu artigo 19, que as medidas fitosanitarias deberán ser executadas polas persoas interesadas, sendo ao seu cargo os gastos que se orixinen. Esta circunstancia propicia que as indemnizacións que se establezan poidan ter uns límites modulados en función das dispoñibilidades orzamentarias, do interese da erradicación da praga por parte da autoridade competente, segundo o seu perigo, así como a colaboración financeira do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (en diante, MAPAMA) nas medidas de loita contra pragas.

O Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, no seu artigo 5 indícase que no caso de material forestal de reprodución, se declarará contaminado o dito material e procederase a ordenar a destrución inmediata do lote afectado, e no artigo 12 sinálase o dereito a percibir unha indemnización segundo o previsto no artigo 18 do Real decreto 1190/1998.

O Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny), sinala no seu artigo 8 as medidas de control e erradicación e no seu artigo 16 o dereito a indemnización pola adopción das ditas medidas.

Nesta orde establécense, por tanto, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena.

O Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ofrece no seu artigo 26 a posibilidade de indemnizar as persoas agricultoras afectadas por enfermidades das plantas. Por tanto, é necesario comunicar estas axudas para cumprir coa normativa de axudas estatais e convocar, segundo as bases reguladoras que estableza a presente orde, as indemnizacións para atender as persoas agricultoras afectadas pola destrución de vexetais afectados por pragas cuxa erradicación foi declarada oficialmente.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2017 (procedemento MR465A).

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto

O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras para a concesión de indemnizacións pola adopción das medidas fitosanitarias derivadas da loita contra pragas de corentena.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria. As empresas poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como aquelas que fosen sancionadas por infraccións tipificadas como graves ou moi graves polos artigos 55 e 56 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, nos dous anos anteriores á solicitude. Tampouco poderían ser persoas beneficiarias se persistisen as causas ou estivesen pendentes de cobramento procedementos por infraccións graves ou moi graves anteriores aos dous anos da data de solicitude.

3. Os propietarios dos vexetais ou produtos vexetais que incumprisen a normativa vixente e, especialmente, o determinado no Real decreto 58/2005 non poderán obter a condición de persoas beneficiarias.

4. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, polo que non será posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumpre este trámite.

5. Non poderán ser beneficiarias as empresas en crise en virtude do artigo 1.6.b).ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por motivo dos danos ou perdas causados polas pragas vexetais declaradas.

6. Tampouco poderán ter a condición de beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

Artigo 4. Organismos de corentena suxeitos a indemnización

A Consellería do Medio Rural establecerá en cada convocatoria a lista dos organismos de corentena suxeitos a concesión de indemnizacións, que previamente fosen fixadas nas declaracións de pragas. Nas sucesivas convocatorias poderán ser modificadas, cando se produzan modificacións normativas ou a detección de pragas de corentena de recente aparición no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben retirar as indemnizacións cando a xeneralización da praga faga inviable a erradicación do foco, non sexa asumible o seu custo económico ou cambiase a situación de Galicia respecto dunha determinada praga, de acordo co establecido na Directiva 2000/29/CE.

Artigo 5. Gastos obxecto de indemnización

As contías das indemnizacións estableceranse nos correspondentes baremos que se publicarán en cada convocatoria.

Serán obxecto de indemnización os seguintes gastos:

1. Destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a:

a) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos constitutivos de lote ou lotes que fosen a orixe da introdución do organismo nocivo na zona de que se trate, e que fosen recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados.

b) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo introducido, que fosen cultivados a partir de vexetais do lote ou lotes de que se trate, ou por estar situados preto de vexetais, produtos vexetais ou outros obxectos do citado lote ou de vexetais cultivados.

c) Substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo de que se trate.

d) Materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento; os locais de almacenamento ou acondicionamento e os medios de transporte que estivesen en contacto cos vexetais, produtos vexetais e con outros obxectos mencionados anteriormente ou partes deles.

2. As inspeccións ou probas efectuadas oficialmente, ou por mor dunha petición oficial, para os efectos de verificar a presenza ou a importancia da contaminación por parte do organismo nocivo introducido.

Non serán obxecto de indemnización os seguintes gastos:

1. Os traballos realizados con man de obra e medios propios dispoñibles na explotación, pero si aqueles para os cales, polas especiais características do foco, sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleos á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual e sempre baixo o informe do persoal técnico de sanidade vexetal da Consellería do Medio Rural, que valorará a idoneidade dos medios empregados e o seu custo.

2. Restaranse do importe máximo da indemnización, que pode alcanzar o 100 % das perdas sufridas, os pagamentos recibidos en virtude de pólizas de seguros e por calquera outra medida para os mesmos custos subvencionables e, así mesmo, os custos que non fosen directamente provocados pola praga e que noutras circunstancias a persoa beneficiaria tería efectuado.

3. Non será obxecto de indemnización o valor das producións de carácter forestal, excepto as plantas de viveiros de carácter forestal.

4. Non será obxecto de indemnización o material vexetal destruído nin os gastos ocasionados en aplicación dunha medida fitosanitaria oficial, cando o propietario dos vexetais afectados incumprise a normativa vixente en materia de sanidade vexetal. Tampouco serán indemnizables os danos que resultasen amparados por contrato de seguro, os cales se deducirán, se é o caso, da indemnización correspondente.

5. Tampouco será obxecto de indemnización todo aquel material vexetal sensible que constitúa stock ou existencia e que fose adquirida con posterioridade á entrada en vigor da norma legal reguladora que corresponda, do programa oficial de erradicación ou da notificación da resolución administrativa que prohibise a adquisición, o movemento ou a comercialización do devandito material vexetal sensible.

6. Non será obxecto de indemnización o lucro cesante nos termos establecidos no artigo 18.2 do Real decreto 1190/1998, do 12 de xuño, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación ou control de organismos nocivos dos vexetais aínda non establecidos no territorio nacional.

Artigo 6. Réxime de concesión das indemnizacións

As indemnizacións axustaranse aos principios de publicidade, transparencia e obxectividade, concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, e respectarase o establecido no punto 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Inicio do procedemento de concesión e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os procedementos de concesión das indemnizacións iniciaranse por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de indemnización por parte das persoas interesadas e empregando o formulario que figura como anexo I nesta orde (procedemento MR465A), dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. Cada solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria. Nela, a persoa solicitante anotará os datos bancarios que corresponderán ao titular da explotación, para os efectos de pagamento das indemnizacións e, así mesmo, declarará a súa veracidade.

3. A persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude, de ser o caso, as facturas dos traballos realizados por empresas alleas durante a erradicación cando, polas especiais características do foco, sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleos á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual.

4. No caso das indemnizacións de pataca de semente ou de consumo en almacéns comercializadores, a persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude as facturas xustificativas da compra.

5. No caso de representación da persoa solicitante, deberá presentar documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

f) Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Segundo o establecido no artigo 48.j) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, referente á simplificación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, poderá ser substituída pola declaración responsable de estar o día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. A presentación da solicitude de concesión de indemnización pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das indemnizacións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas indemnizacións e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 10. Lugar e forma de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse coa persoa representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

5. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada á persoa solicitante nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Desestimación da solicitude de indemnizacións

A persoa interesada que non presente a solicitude correctamente cuberta ou non entregue a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emenden a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días (excluíndo do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos) desde o momento en que llo notificase a correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015.

Artigo 12. Instrución dos procedementos de concesión

1. Durante a instrución das indemnizacións establecidas nesta orde teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A indemnización unicamente se concederá en relación coas pragas vexetais establecidas en cada convocatoria e reguladas pola normativa específica vixente nese momento.

b) Estas indemnizacións, destinadas a reparar os danos causados por pragas vexetais, limitaranse ás perdas ocasionadas polas pragas cuxos brotes fosen oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes.

c) En aplicación do establecido no artigo 26.6 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, estes réximes de axudas implantaranse nun prazo de tres anos a partir da data en que a praga vexetal ocasionou o custo ou a perda. A axuda pagarase nun prazo de catro anos a partir desa data.

2. O órgano instrutor do procedemento será a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

3. As solicitudes de concesión de indemnización iranse resolvendo a medida que se vaian presentando.

4. Os servizos provinciais competentes en materia de sanidade vexetal remitirán á dirección xeral competente na mesma materia os seus informes para proposta de resolución, xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da devandita dirección. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de sanidade vexetal emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para os efectos de resolver as indemnizacións no prazo de 2 meses, por delegación, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural do 17 de novembro de 2015.

Artigo 13. Solicitudes sucesivas

A sucesión de solicitudes para a concesión de indemnizacións durante dous anos consecutivos na mesma instalación ou zona e pola mesma praga, cando non se atopasen motivos para o cesamento da actividade produtiva, leva unha redución dun 50 % da indemnización na segunda convocatoria respecto ao baremo establecido na correspondente convocatoria, sempre que cobrase a indemnización do primeiro ano.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución dos expedientes de indemnización corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural, do 17 de novembro de 2015, que a emitirá no prazo máximo de dous meses contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse denegada a solicitude de indemnización por silencio administrativo.

2. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), de maneira que se supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 15. Notificación

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaránselles ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

As persoas físicas poderán decidir e comunicar en calquera momento á Administración actuante que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Recursos

As resolucións dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Medio Rural, e segundo os artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a) No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa.

b) Nos casos de resolución presunta poderá interpoñerse recurso de reposición en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda denegada a indemnización.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Réxime de compatibilidade

1. O réxime de axudas de Estado regulado nesta orde será compatible con calquera outra axuda que se poida obter das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre que a contía en concorrencia de todas elas non supere a intensidade máxima da axuda, que para este réxime de axudas é do 100 % dos custos subvencionables, e en cumprimento do establecido nos artigos 8 e 26 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño (DOUE do 1 de xullo, L 193/1).

2. O formulario de solicitude recollido nesta orde inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 18. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, procederá ao reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 19. Pagamento

1. O pagamento das indemnizacións tramitarase logo de que os órganos xestores do procedemento de concesión comprobasen o cumprimento das condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

2. Así mesmo, o pagamento estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 20. Controis

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da indemnización. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas beneficiarias terán o deber de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 21. Obxecto

O obxecto desta sección é convocar a concesión de indemnizacións, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar as medidas fitosanitarias derivadas das seguintes pragas de corentena, recollidas nos seguintes textos normativos:

1. Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, segundo o establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, e as súas modificacións.

2. Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, segundo o establecido no Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny).

Artigo 22. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de:

a) Planta destinada a plantacións forestais de Pinus sp. que fose destruída como consecuencia da detección dun foco de Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell.

b) Semente certificada de tubérculos de pataca destruída en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny.

A entrega de tubérculos de pataca, aos servizos oficiais, realizarase mediante sacos orixinais (sempre que non fosen abertos) ou nos sacos entregados por estes servizos. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, segundo o cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

c) Tubérculos de pataca de consumo producidos en zonas infestadas durante a campaña 2016 e destruídos en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny.

A entrega de tubérculos de pataca, aos servizos oficiais, realizarase mediante sacos entregados por estes servizos. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, segundo o cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

d) Plantacións de tubérculos de pataca desenterradas e destruídas en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny.

Serán obxecto de indemnización as plantacións realizadas antes do 5 de marzo de 2017 e que foran comunicadas segundo o exixido na Resolución do 9 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as medidas urxentes para a erradicación e control da praga Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23. Requisitos e finalidade

1. As persoas solicitantes destas indemnizacións deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.

2. A finalidade das indemnizacións é compensar polas perdas debidas ás medidas fitosanitarias contra as pragas de corentena que así se establezan.

Artigo 24. Computo de prazos

1. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2017.

2. O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación, será desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de setembro de 2017, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.

Artigo 25. Financiamento

O financiamento das indemnizacións reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria: 2017.13.03.713E.770.1 C.P. 2009 00740 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 por un importe de 249.999,68 euros, que poderá incrementarse coa xeración, ampliación ou incorporación de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios, segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Baremos de contía compensatoria

Establécense para a convocatoria 2017 os baremos fixados no anexo II desta orde.

Disposición adicional primeira

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional terceira

Poderán ser obxecto desta indemnización todos aqueles expedientes con certificado de destrución do material vexetal, afectado pola praga, posterior ao 1 de novembro de 2016.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en sanidade vexetal para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file

ANEXO II

– Baremo de indemnizacións para a erradicación da Tecia (Scrobipalposis) solanivora (Povolny).

Explotacións de produción de pataca.

1. Pataca de semente.

Establécese como indemnización pola non utilización da pataca de semente certificada, sempre que fose adquirida con data anterior ao 5 de marzo de 2017, un custo máximo de 0,70 €/kg.

2. Pataca de consumo producida na explotación.

Establécese como indemnización da pataca de consumo producida na propia explotación o prezo de 0,30 €/kg, intervida baixo control oficial da autoridade competente.

3. Plantacións establecidas en zonas infestadas.

Establécese como indemnización, tendo en conta os cálculos de estudo da cadea de valor e formación dos prezos dos alimentos do MAPAMA para o cultivo de pataca, 0,40 € por metro cadrado de superficie plantada.

Almacéns comercializadores.

1. Pataca de semente.

Establécese como baremo o prezo de compra, xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente.

2. Pataca de consumo, como consecuencia da detección de lotes contaminados.

Establécese como baremo o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

– Baremo da contía compensatoria en viveiros por pragas de corentena.

Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Fusarium circinatum.

Plantas da especie Pinus sp:

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla, é necesario, por tanto, establecer un baremo diferenciado en función do número de plantas que se van compensar. A indemnización para calquera das especies forestais faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) de 0,16 euros por planta e aplicando unhas porcentaxes decrecentes en función do número de plantas que se van compensar, e resultan os seguintes baremos:

1. Ata 150.000 plantas (90 % CMP): 0,144 euros/planta.

2. De 150.000 ata 300.000 plantas (85 % CMP): 0,122 euros/planta.

3. De 300.000 ata 500.000 plantas (80 % CMP): 0,115 euros/planta.

4. Máis de 500.000 (75 % CMP): 0,108 euros/planta.

O custo das tarefas de destrución compensarase ata un máximo dun 10 % do valor da planta destruída.